• Na súa visita de hoxe á firma pobrense, a conselleira de Emprego e Igualdade en funcións salientou que a Xunta está a crear, co diálogo social, unha certificación galega da excelencia para recoñecer as boas prácticas en materia de igualdade laboral

  • A nova Lei da Igualdade na que traballa o Goberno galego outorgará un protagonismo especial ao benestar nas organizacións

  • Lorenzana defendeu a unión entre administración e empresas para avanzar na igualdade de oportunidades no ámbito do traballo

A conselleira de Emprego e Igualdade en funcións, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe na Pobra do Caramiñal, as instalacións da empresa de elaboración de produtos precociñados do mar, Congalsa, que en 2020 recibiu o premio da Xunta á Responsabilidade Social polas súas boas prácticas. No acto, a conselleira reivindicou o traballo conxunto entre Administración e empresas cara a avanzar na igualdade de oportunidades e a rotura das fendas de xénero no eido laboral, así como a firme aposta que o seu departamento está a realizar pola conciliación, a cuxo impulso destina este ano 16 millóns de euros.

A conselleira puxo en valor o traballo que en prol da igualdade están a facer as empresas galegas como esta, ao avogar por políticas de igualdade de xénero, de conciliación e de equidade retributiva. Nesta liña a implicación da Xunta “é absoluta”, resaltou Lorenzana, quen destacou que “na actualidade destinamos máis recursos económicos e institucionais ca nunca antes a traballar pola igualdade laboral na nosa comunidade”.

Emprego e Igualdade ten en marcha unha páxina web e un Campus Virtual de Formación en Igualdade Laboral; “unha medida pioneira que converteu a Galicia na primeira comunidade en impartir formación específica en igualdade laboral en modalidade virtual”, valorizou Lorenzana.

Este departamento da Xunta xestiona máis de 16 millóns de euros en apoios á conciliación e á corresponsabilidade, que se concretan, entre outros en: axudas para compensar a redución de xornada laboral e fomentar a corresponsabilidade; apoios a entidades locais galegas para o fomento da conciliación;  para a conciliación mediante os acordos laborais de flexibilidade horaria e o fomento do teletraballo; ou para a conciliación da persoa traballadora autónoma.

Tal e como lembrou a titular de Emprego e Igualdade en funcións, a Xunta está a artellar, no seo do Diálogo Social, unha nova Certificación Galega de Excelencia en Igualdade para empresas “coa finalidade de fomentar e difundir as boas prácticas no tecido empresarial”. “Estamos traballando nunha nova da lei de igualdade autonómica, que outorgará un especial protagonismo á igualdade laboral e ao benestar nas organizacións, co fin de seguir avanzando na promoción da igualdade e da calidade do emprego feminino”, engadiu.

A conselleira destacou actuacións da firma pobrense que van neste camiño ao contar cun Plan de Igualdade, “unha ferramenta que permite avanzar na igualdade efectiva entre mulleres e homes no entorno laboral e erradicar a fenda salarial por razón de xénero”, no que se recollen medidas para unha retribución salarial equitativa para o mesmo posto, un protocolo de prevención e actuación fronte á violencia de xénero ou formación en igualdade laboral. Nesta empresa as mulleres representan o 67% do cadro de persoal.

“Gustaríame destacar as vosas actuacións en materia de conciliación, todo un exemplo a seguir, dado que Congalsa aposta pola flexibilización de horarios, o teletraballo ou o servizo de gardería; de feito, xa no ano 2020 fostes merecedores do Premio á Responsabilidade Social na categoría de conciliación que outorga a Xunta de Galicia”, subliñou Lorenzana.

Para a representante da Xunta “só indo da man, Administración e empresas, podemos lograr o obxectivo común de conseguir unha igualdade real no emprego e un maior benestar no ámbito laboral”, dixo, lembrando un dato da Organización Internacional do Traballo que indica que seis de cada dez compañías que promoven a igualdade laboral aumentan os seus beneficios entre un 5% e un 20%.

Congalsa, empresa especializada en alimentación con sede na Pobra do Caramiñal, facturou en 2021, xunto á súa filial lusa de Sulpsteis, por riba dos 113 millóns de euros. A compañía conta con máis de 560 persoas traballadoras e comercializou o ano pasado 26.000 toneladas das súas diferentes gamas de produto.

Categorías

Actualidade Conciliación Igualdade

Novas

Toda a actualidade e información de interese no ámbito da igualdade laboral.
A Xunta apoia a flexibilización horaria nas empresas a través da liña de axudas dirixida a pemes e autónomos, á que destina este ano 1,4 M€
23 Maio 2022
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha,...
SEGUIR LENDO >
Un total de 3.765 contratos temporais de mulleres transformáronse a indefinidos no último ano en Galicia grazas as actuacións da inspección laboral
20 Maio 2022
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha,...
SEGUIR LENDO >
A Xunta destaca a importancia de promover nos centros de traballo accións para facer fronte ao estrés e previr os riscos psicosociais
19 Maio 2022
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha,...
SEGUIR LENDO >
Que é o currículo cego?
19 Maio 2022
A igualdade de trato entre mulleres e homes aplicable...
SEGUIR LENDO >

Subscríbete ao noso boletín

E recibe todas as nosas novidades no teu correo electrónico.