-
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, interveu hoxe en Santiago no acto dos Premios 10 de marzo, uns galardóns cos que CCOO recoñece as traxectorias de persoas comprometidas coa defensa do interese xeral
-
Destaca a aposta do Goberno galego pola igualdade laboral coa posta en marcha de cursos especializados neste ámbito e a mellora dos gabinetes técnicos de asesoramento en igualdade
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, defendeu hoxe o diálogo social e a aposta da Xunta polo entendemento para ampliar dereitos e liberdades e camiñar cara unha igualdade de oportunidades real e efectiva. Na entrega dos Premios 10 de marzo, cos que Comisións Obreiras recoñece a traxectoria de persoas comprometidas coa defensa do interese xeral, Lorenzana sinalou que o entendemento é “a fórmula máis efectiva” para medrar e avanzar e, así, indicou que a Xunta é consciente do papel fundamental que desenvolve o diálogo social para velar polo pluralismo e a efectividade das políticas públicas.
En palabras da titular de Emprego e Igualdade, o diálogo social constitúe un instrumento para trazar medidas e plans de actuación “de máximo calado” que garanten e amplían dereitos e liberdades desde unha óptica de xustiza e progreso social. “Estamos traballando para que o papel protagonista do diálogo social non se limite estritamente ao ámbito laboral, adaptándonos aos novos tempos e necesidades do tecido socioeconómico galego”, subliñou.
A conselleira, así mesmo, sinalou a aposta da Administración autonómica galega pola igualdade de oportunidades no ámbito laboral coa posta en marcha de diversas iniciativas neste eido como, por exemplo, cursos de especialización ou os avances no Decreto regulador da Marca galega de excelencia en igualdade para empresas.
O compromiso da Xunta de Galicia ven amosado polo feito de que entre 2021 e 2022 está a destinar 3,7 millóns de euros á consolidación da igualdade laboral na comunidade. Con estes fondos ponse tamén ao dispor de axentes sociais e interlocutores empresariais axudas para que desenvolvan plans de formación sobre o diálogo social e a negociación colectiva e para dotar de gabinetes técnicos ás empresas en materia de igualdade laboral e loitar contra a fenda de xénero.
No último ano a Xunta tamén puxo en marcha un portal web e un campus virtual de formación en igualdade laboral, un espazo dixital de teleformación dirixido a informar, formar, sensibilizar e dotar de recursos á sociedade galega e ao tecido empresarial no eido da igualdade laboral entre homes e mulleres. A través do mesmo ofreceranse este ano 5.000 prazas gratuítas en obradoiros sobre conciliación e corresponsabilidade, teletraballo, fenda salarial e rexistro retributivo, teitos de cristal ou o acoso laboral.