• A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou na clausura do Foro Empresarial de Galicia pola Igualdade celebrado na Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP) en Vigo

  • Remarcou que o compromiso de Galicia traduciuse en 2022 nun investimento de 3,7M€ destinados a promover a igualdade laboral no eido empresarial e o diálogo social

  • A nova lei galega de igualdade pivotará sobre a idea do benestar laboral, que como dixo a conselleira, entronca coa perspectiva de xénero no teletraballo ou o fomento da calidade no emprego

Vigo, 26 de outubro de 2022.A perspectiva de xénero vencellada co ámbito laboral constitúe un dos eixos que marcan a axenda de traballo da Xunta de Galicia. Así o reflectiu hoxe en Vigo a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada da delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, na clausura do Foro Empresarial de Galicia pola Igualdade, que promove a Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP) co apoio da Administración Autonómica.

“A perspectiva de xénero no ámbito laboral é imprescindible para acadar un óptimo desenvolvemento como sociedade a todos os niveis; por iso, a equiparación salarial e a eliminación das discriminacións laborais por razón de xénero marcan a axenda de traballo da Xunta de Galicia”, especificou Lorenzana.

A titular de Promoción do Emprego remarcou que o compromiso do Goberno galego traduciuse este ano nun investimento de 3,7 millóns de euros, destinados especificamente á consolidación da igualdade laboral na comunidade. Nesta contía, inclúense axudas para plans de formación dirixidos á capacitación no eido do diálogo social e a negociación colectiva ou os a apoios para a creación ou a posta en funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades.

Lorenzana destacou o programa para o fomento da igualdade, a conciliación e a responsabilidade social empresarial, “que inclúe actuacións para a elaboración e implantación de Plans de Igualdade, que son unha ferramenta útil para avanzar cara a verdadeira igualdade de oportunidades”, dixo.

Na área da igualdade laboral a Xunta puxo en marcha no que vai de Lexislatura un portal web e un campus virtual de formación en igualdade laboral, “un espazo dixital de teleformación dirixido a informar, formar, sensibilizar e dotar de recursos á sociedade galega e ao tecido empresarial”, apuntou Lorenzana. Deseñouse ademais unha  ferramenta de autodiagnose para permitir ás empresas avaliar de xeito periódico o seu nivel de desenvolvemento e impacto das actuacións realizadas en relación coa igualdade de xénero no traballo.

“É fundamental estreitar as diferenzas entre o que acordamos no ámbito público e a realidade social e empresarial, por iso impulsamos unha reforma para actualizar a Lei de igualdade autonómica que levaremos ao Parlamento antes de que remate o ano”, afirmou a conselleira, quen lembrou que o texto pivotará sobre o concepto de benestar laboral, “prestando atención a cuestións como a perspectiva de xénero no teletraballo e outras demandas tradicionais, como o fomento da calidade no emprego feminino”.

Lorenzana lembrou que nunha situación económica complexa é recomendable poñer o foco nas experiencias positivas e de probada eficacia. “As Administracións públicas e, por suposto, a Xunta de Galicia tamén temos moito que aportar neste obxectivo colectivo”, remarcou á vez que incidiu na necesidade de seguir a traballar contra a fenda salarial, os teitos de cristal e a conciliación.

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, pola súa banda, afirmou neste foro que “a igualdade é cousa de todos, tamén dos homes, non debemos tomar actitudes excluíntes, eles son parte da solución e avanzaremos máis se colaboramos na procura dunha sociedade libre de prexuizos, onde vivir en plena igualdade e liberdade sexa posible”.

“Temos que continuar este camiño desde a educación, nas idades máis temperás, cando os máis pequenos non só aprenden que somos todos iguais, para que vivan e perciban con claridade que teñen as mesmas oportunidades”, engadiu Fernández-Tapias.

Categorías

Actualidade igualdade laboral

Novas

Toda a actualidade e información de interese no ámbito da igualdade laboral.
Últimos días para inscribirse no taller formativo “A Corresponsabilidade: o eixe central da igualdade laboral”
30 Novembro 2022
O vindeiro 7 de decembro remata o prazo de inscrición...
SEGUIR LENDO >
Novidades en materia de igualdade laboral
30 Novembro 2022
Como cada mes, recapitulamos as novidades máis reseñables...
SEGUIR LENDO >
A nova Lei de igualdade situará o benestar laboral como panca para o crecemento económico de Galicia e a mellora das condicións da poboación traballadora
28 Novembro 2022
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha,...
SEGUIR LENDO >
Violencia de xénero no traballo
24 Novembro 2022
A violencia de xénero é o culmen da desigualdade estrutural...
SEGUIR LENDO >

Subscríbete ao noso boletín

E recibe todas as nosas novidades no teu correo electrónico.