Liñas de apoio e financiamento para implementar medidas de igualdade nas organizacións

Falamos de medidas de igualdade na empresa como o conxunto de accións que unha organización implementa para garantir a igualdade de trato e oportunidades entre todas as persoas que traballan nela. Segundo a lexislación vixente, algunhas destas medidas son de carácter obrigatorio e outras impúlsanse de xeito voluntario fortalecendo o compromiso da organización coa igualdade entre mulleres e homes.

As organizacións teñen unha oportunidade real de transformar a cultura organizacional e os lugares de traballo poñendo en marcha medidas de igualdade que estean presentes de xeito transversal nos diferentes niveis da organización. Fortalecer o compromiso coa conciliación da vida laboral, familiar e persoal, normalizar a utilización dunha linguaxe e unha imaxe non sexista, realizar accións de sensibilización e formación centradas na igualdade, revisar os procesos de acceso ao emprego ou promoción ou implementar estratexias a medio e longo prazo para garantir a participación das mulleres en todos os ámbitos da organización, son algúns dos exemplos que as empresas, administracións e organizacións do terceiro sector poden implementar para garantir a igualdade de oportunidade entre mulleres e homes.

Nesta publicación compartímosvos unha serie de recursos dispoñibles para facilitar que as organizacións implementen medidas de igualdade laboral.

Recursos autonómicos para implementar medidas de igualdade nas organizacións

Neste caso, a xestión e execución das políticas activas de emprego está transferida ás comunidades autónomas. Por iso, no territorio galego, a Xunta de Galicia desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais impulsa unha serie de subvencións e recursos para contribuír aos esforzos das empresas en materia de igualdade laboral. A continuación recollemos os programas, liñas de apoio e recursos principais:

  • Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE): liña de apoio destinada a pemes, a persoas traballadoras autónomas con persoas traballadoras a cargo e a entidades sen ánimo de lucro (estas últimas poderán presentar solicitudes para a liña I, para a subliña 1 e a subliña 2 da liña II e para a liña III), para implantar medidas de igualdade laboral, adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral así como implantar sistemas de xestión de responsabilidade social empresarial (RSE). A convocatoria estrutúrase en tres liñas de axudas:
  1. Liña I: para a elaboración e implantación de plans de igualdade. Destinada a empresas que conten cun mínimo de dez e cun máximo de 49 persoas traballadoras. A liña de apoio poderá cubrir os custos da elaboración dunha diagnose da empresa desde a perspectiva de xénero, a elaboración dun plan de igualdade que recolla as accións ou medidas que corrixan as deficiencias detectadas na diagnose previa e que, como mínimo, deberá conter as medidas establecidas no capítulo III do Real Decreto 901/2020, a implantación das medidas previstas no plan de igualdade que xa aprobase a entidade para o seu primeiro ano de vixencia e a contratación a xornada completa de como mínimo un ano dunha persoa con titulación de grao e con experiencia e/ou coñecementos acreditados en materia de igualdade.
  2. Liña II: para facilitar a conciliación da vida familiar, persoal e laboral que á súa vez conta con tres subliñas específicas para o fomento do teletraballo, a flexibilidade horaria e a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo.
  3. Liña III: para certificacións de RSE, que inclúe a obtención de certificacións ou informes de verificación ou validación de códigos de conduta e normas ou estándares en materia de responsabilidade social empresarial.
  • Axudas destinadas á creación e/ou ao funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial: destinada ás asociacións empresariais intersectoriais, ás organizacións sindicais intersectoriais e ás fundacións ou outras entidades constituídas por unha organización sindical ou asociación empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. As entidades beneficiarias poderán adscribir a estes gabinetes persoal propio ou ben contratar a persoas expertas en igualdade laboral que se encargarán de desenvolver as actividades derivadas do seu funcionamento ordinario principalmente:
    • Apoiar tecnicamente e asesorar ás empresas e ás representacións sindicais no fomento da igualdade laboral.
    • Apoiar ás empresas e persoas traballadoras na definición e desenvolvemento dos plans de igualdade, así como a súa avaliación e seguimento.
    • Desenvolver un traballo de diagnose permanente, desde o punto de vista da igualdade e da fenda salarial, a través de diferentes actuacións.

Outro recurso salientable neste contexto é o Campus Virtual en Materia de Igualdade, unha plataforma de teleformación que ten como obxectivo sensibilizar á sociedade galega en materia de igualdade laboral para fomentar a reflexión e un cambio de actitudes e valores que promovan o fin das desigualdades laborais entre mulleres e homes, integrar a igualdade laboral en todos os ámbitos da sociedade e facilitar recursos para que as persoas poidan desenvolver coñecementos necesarios na materia para mellorar o súa desempeño profesional. Para iso, organiza cursos e talleres específicos de diferentes temáticas vinculadas á igualdade e xa supera as 8.500 persoas rexistradas e un total de 136 accións formativas desde 2021.

Recentemente, comezou a funcionar o Iqual Campus-Campus Transfronteirizo de Igualdade Laboral, unha iniciativa formativa innovadora que ten como finalidade reforzar e promover a igualdade de xénero no ámbito laboral. O proxecto nace co obxectivo de poñer en valor a igualdade de oportunidades no emprego mediante un sistema formativo especializado cun enfoque transfronteirizo, integrando a visión e a lexislación de España e Portugal. Trátase dunha formación 100% en liña e gratuíta aberta a todas as persoas interesadas na igualdade laboral, independentemente do seu perfil ou nivel de coñecementos previos na que cada participante poderá deseñar o seu propio itinerario formativo en función dos seus intereses.

Á súa vez, a Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia impulsa as Axudas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por redución da xornada de traballo, como medida de fomento da corresponsabilidade, unha liña de apoio destinada ás persoas da unidade familiar que exerciten o dereito á redución da xornada laboral, especialmente por parte dos homes, para o coidado dos seus fillos e fillas.

Tanto se estás a comezar a implementar medidas de igualdade, coma se a túa organización xa conta con políticas de igualdade arraigadas, desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais recomendámoste revisar as liñas de apoio que poden estar dispoñibles para a túa organización, tanto no contexto autonómico, como nos ámbitos estatal e local. A igualdade laboral constrúese grazas á actuación coordinada de organizacións, persoas traballadoras e administracións públicas, garantindo a creación de contornas de traballo onde a igualdade de oportunidades, a conciliación e os dereitos laborais sexan unha realidade para todas e todos.