Igualdade de xénero hoxe para un mañá sostible

Igualdade de xénero hoxe para un mañá sostible. Con este título tan explícito celébrase hoxe en todo o mundo o Día Internacional da Muller. Actos de institucións de toda clase, conmemoracións nas organizacións, mobilizacións feministas… todo tipo de eventos prográmanse non só en Galicia, senón en toda España e no resto do mundo con diferente intensidade. E é que esta data ten un carácter reivindicativo moi forte porque, desde a súa institucionalización en 1975, as persoas de todo o planeta reclaman a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Un pouco de historia sobre o 8 de marzo

No ano 1975, as Nacións Unidas celebrou por primeira vez o Día Internacional da Muller. A data elixida foi o 8 de marzo. Pero a historia detrás desta data é moito máis complexa.

As propias Nacións Unidas recoñecen unha serie de antecedentes precursores da devandita data. En Estados Unidos o 28 de febreiro de 1909 celebrouse o primeiro Día Nacional da Muller. Aínda que moitos anos antes, en 1848, Elizabeth Cady Stanton e  Lucretia Mott reuniron por centos de persoas na que se denominou como a primeira convención polos dereitos da muller, onde protestaban pola prohibición de intervención das mulleres nunha convención contra a escravitude.

A primeira vez que se realizou unha conmemoración conxunta entre países foi o 19 de marzo de 1911 e nela participaron catro países europeos: Alemaña, Dinamarca, Suíza e Austria. As principais reivindicacións por aquel entón foron cuestións que hoxe en día nos parecen básicas, tales como o dereito ao voto, á ocupación de cargos públicos, á formación profesional e á non discriminación.    

En 1913 son as mulleres rusas as que collen o relevo. No marco dos movementos pacifistas previos á primeira guerra mundial, celebraron o seu primeiro Día Internacional da Muller o último domingo de febreiro, organizando mitins clandestinos por todo o país. No ano 1917, tamén en Rusia, prodúcese outra fito clave na historia do 8 de marzo. A morte na guerra de máis de dous millóns de soldados fixo que as mulleres rusas se declararan en folga de “paz e pan”. Esta mobilización foi o 23 de febreiro de 1917 segundo o calendario empregado en Rusia naquela época, que corresponde ao 8 de marzo no calendario  gregoriano.

Finalmente, en 1975, coincidindo co Ano Internacional da Muller, as Nacións Unidas celebraron o Día Internacional da Muller por primeira vez, o 8 de marzo.

Muller e sustentabilidade

Cada ano o 8 de marzo contextualízase dentro dunha realidade diferente vinculada á igualdade de oportunidades. O tema elixido para a 2022 busca “recoñecer a contribución das mulleres e as nenas en todo o mundo que están a liderar os esforzos de resposta, mitigación e adaptación ao cambio climático para construír un futuro máis sostible para todas as persoas”. Algúns datos que amosan as Nacións Unidas para poñer de manifesto esta realidade son os seguintes:

  • O 70% dos 1.300 millóns de persoas que viven en condicións de pobreza son mulleres. Nas áreas urbanas, o 40% dos fogares máis pobres están encabezados por mulleres.
  • As mulleres predominan na produción mundial de alimentos (50-80%), pero posúen menos do 10% da terra.
  • O 80% das persoas desprazadas por desastres e cambios relacionados co clima en todo o mundo son mulleres e nenas.
  • O cambio climático pode conducir a máis violencia de xénero, un aumento dos matrimonios infantís e un empeoramento da saúde sexual e reprodutiva.

Ademais, a realidade mostra que as mulleres e as nenas son líderes eficaces e poderosas que impulsan cambios, actuacións, políticas… para lograr a mitigación e a adaptación climáticas. Desde a coñecida  Greta  Thunberg ata mulleres máis descoñecidas en países desenvolvidos pero que están a traballar en campos moi interesantes. É o exemplo de Vanessa Nakate, que traballa na concienciación de comunidades especialmente vulnerables para os efectos adversos do cambio climático. Ou de Pati Corzo que promove unha iniciativa para a restauración do bosque da Serra Gorda de México en beneficio do medio ambiente, pero tamén das súas comunidades.

En Galicia a preocupación pola emerxencia climática tamén está moi presente para a Xunta de Galicia. Está a tramitarse a primeira Lei do clima de Galicia que ten como un dos seus obxectivos recoñecer o clima como suxeito de dereito e tamén acelerar o camiño, iniciado pola Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, para garantir a preservación dos recursos naturais. Para a Xunta de Galicia, a  minimización do impacto ambiental da nosa comunidade sobre o cambio climático precisa da implicación do conxunto de toda a sociedade galega, por iso este mesmo ano verá a luz a Alianza galega polo clima, na que se espera contar coa colaboración dos axentes sociais e económicos. Para formar parte desta Alianza contamos coa experiencia das mulleres galegas, como peza crave para que as decisións e medidas que conten cunha perspectiva de xénero.

Un ano máis desexamos que esta data non tivese que ser conmemorada por lograrse unha igualdade real na nosa sociedade e na de todos os outros países do mundo. Mentres isto non ocorra, desde a Xunta de Galicia renovaremos o noso compromiso de impulsar políticas e accións que axuden a reducir a brecha laboral, fomenten a conciliación, a corresponsabilidade e o recoñecemento que o 50% da poboación mundial merece e que a día de hoxe aínda non está conseguido.