• A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, asinaron un acordo co que a Xunta destinará 3,5M€ do Plan Corresponsables a programas socio-deportivos para rapazas e rapaces

  • O Goberno estima que a iniciativa permitirá crear máis de 370 grupos de actividades con cerca de 5.000 menores participantes

  • As entidades habilitarán servizos de coidado profesional en instalacións públicas, co que se contribuirá á creación de cerca de 300 postos de traballo

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, asinaron hoxe un acordo de colaboración polo que se destinarán 3,5 millóns de euros do Plan Corresponsables para a promoción de actividades de animación socio deportiva a través das federacións deportivas galegas co obxectivo de contribuír á conciliación das familias.
O acordo, que terá unha vixencia dun ano, permitirá que as federacións reciban axudas directas para organizar uns 374 grupos de actividade de animación socio deportiva que chegarán a case 5.000 menores de 16 anos. Estímase axudar, a través destes programas, a máis de 3.200 familias galegas.

As federacións, ademais, habilitarán servizos de coidado profesional para os rapaces e rapazas en instalacións públicas. Deste xeito contribuirase a xerar emprego no sector dos coidados con cerca de 300 contratacións directas previstas.

Lorenzana subliñou que a iniciativa “permitirá articular un mecanismo saudable para reforzar o apoio ás necesidades de conciliación das familias, así como outros eixos de actuación relacionados coa creación de emprego ou co fomento da corresponsabilidade”.

Neste caso o deporte convértese en “aliado fundamental para conseguir unha sociedade máis saudable en todos os sentidos, aportando múltiples beneficios -a nivel físico, psicolóxico, de socialización e compañeirismo…- aos cativos e mocidade, así como unha gran tranquilidade ás súas nais e pais mentres traballan”, remarcou a conselleira.

Lete Lasa, pola súa banda, destacou o éxito de todas as campañas nas que a Secretaría Xeral para o Deporte e a Consellería de Emprego e Igualdade danse a man e, neste sentido, lembrou como tras as axudas Galicia-Tokyo con Igualdade, o 72% dos olímpicos galegos e o 87,5% dos paralímpicos galegos regresaron dos Xogos entre os oito mellores do mundo; ou o undécimo título consecutivo acadado polo Burela, que forma parte da segunda edición do Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición femininos.

Lete Lasa asegurou que o deporte galego sempre traballará pola igualdade efectiva entre homes e mulleres “porque sabemos que unha sociedade activa é unha sociedade saudable, pero unha sociedade activa e igualitaría o é aínda máis”.

Plan Corresponsables

Con este acordo de carácter sectorial, a Xunta está a executar o Plan Corresponsables con medidas de apoio específico para atender as necesidades de corresponsabilidade e de conciliación das familias. O documento supón ademais un paso adiante na promoción da igualdade entre mulleres e homes coa implicación directa das entidades deportivas.

Galicia dispón de 10,5 millóns de euros do Plan Corresponsables para reforzar as medidas autonómicas a prol da conciliación, coa finalidade de que exista un auténtico equilibrio na distribución das responsabilidades familiares e de facer compatible a maternidade e/ou paternidade co mercado laboral.
O acordo hoxe asinado, por outra banda, é exemplo da visión integral das políticas públicas en materia de igualdade que desenvolve a Xunta de Galicia, que opta por transversalizar as actuacións para que cheguen da maneira efectiva á cidadanía.

Categorías

Actualidade Conciliación

Novas

Toda a actualidade e información de interese no ámbito da igualdade laboral.
Como realizar unha auditoría retributiva
06 Outubro 2022
Desde a publicación, hai case dous anos, do Real Decreto...
SEGUIR LENDO >
A Xunta distinguirá o traballo das empresas en materia de responsabilidade social e conciliación
05 Outubro 2022
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade,...
SEGUIR LENDO >
A Xunta promove a perspectiva de xénero na seguridade a bordo dos buques nunha visita á escola marítimo-pesqueira de Ribeira
04 Outubro 2022
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha,...
SEGUIR LENDO >
Máis de 110 pemes participan no programa ‘Responsabilízate’ da Xunta para incorporar a responsabilidade social e ambiental aos seus negocios
03 Outubro 2022
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2022  A directora...
SEGUIR LENDO >

Subscríbete ao noso boletín

E recibe todas as nosas novidades no teu correo electrónico.