Erros frecuentes nas valoracións de postos de traballo

A valoración de postos de traballo con criterios neutros e obxectivos é algo que non resulta alleo, hoxe en día, ás organizacións. O Real Decreto 902/2020, do 13 de outubro, de igualdade retributiva entre mulleres e homes, obriga a todas as entidades, independentemente do número de persoas traballadoras, e a todos os convenios e acordos colectivos, a aplicar o principio de igualdade de retribución en postos de igual valor, con independencia do sexo que os ocupe.

A este marco normativo súmase agora a Directiva europea pola que se reforza a aplicación do principio de igualdade de retribución entre homes e mulleres por un mesmo traballo ou un traballo de igual valor a través de medidas de transparencia retributiva e de mecanismos para o seu cumprimento (Directiva 2023/970), que reforza estas esixencias e introduce novas obrigas, como o deber de informar ás persoas traballadoras sobre os criterios retributivos ou facilitar o acceso a datos comparativos de salarios. Neste contexto, dispoñer dunha valoración de postos rigorosa e ben documentada non só é un requisito de cumprimento, senón a base sobre a que se sostén calquera política retributiva transparente e equitativa.

Postos de igual valor

Segundo o artigo 28.1 do Estatuto dos Traballadores, un traballo terá igual valor que outro cando a natureza das funcións ou tarefas efectivamente encomendadas, as condicións educativas, profesionais ou de formación esixidas para o seu exercicio, os factores estritamente relacionados co seu desempeño e as condicións laborais nas que as devanditas actividades se levan a cabo en realidade sexan equivalentes.

Ademais, a normativa vixente establece que:

  1. Enténdese por natureza das funcións ou tarefas o contido esencial da relación laboral, tanto en atención ao establecido na lei ou no convenio colectivo como en atención ao contido efectivo da actividade desempeñada.
  2. Enténdese por condicións educativas as que se correspondan con cualificacións regradas e garden relación co desenvolvemento da actividade.
  3. Enténdese por condicións profesionais e de formación aquelas que poidan servir para acreditar a cualificación da persoa traballadora, incluíndo a experiencia ou a formación non regrada, sempre que teña conexión co desenvolvemento da actividade.
  4. Enténdese por condicións laborais e por factores estritamente relacionados co desempeño aqueles diferentes dos anteriores que sexan relevantes no desempeño da actividade.

Erros frecuentes

  1. Considerar que hai un único sistema de valoración de postos de traballo. Na actualidade hai catro tipos de sistemas de valoración de postos:
  • Sistema de xerarquización. É un sistema cualitativo que permite comparar posto a posto ata ordenalos xerarquicamente. Non conta con criterios de comparación preestablecidos e só se recomenda para empresas moi pequenas.
  • Sistema de clasificación. Consiste en determinar unha gradación (con descrición e numeración) e ir encaixando cada posto no grao que lle corresponda. Non resulta útil en organizacións con postos moi complexos.
  • Sistema de comparación de factores. É un sistema cuantitativo e analítico que permite ordenar os postos de traballo en función dunha serie de factores como son: habilidade, esforzo, responsabilidade e condicións de traballo, á vez, que lle outorga un valor monetario en función da ponderación de cada un dos factores.
  • Sistema de puntuación por factores. Consiste en asignar a cada posto de traballo unha serie de puntos de xeito que se obteña unha valoración total que permita a clasificación automática de todos os postos. Esta valoración, efectúase a través dun procedemento analítico. Para iso utilízanse varias escalas de clasificación, cada unha delas referida a distintos factores que, por ser comúns a todos os traballos, deséxanse valorar.

O sistema de puntuación por factores é o máis utilizado para empresas de maior tamaño; foi calificado pola OIT como o método máis axeitado para valorar os postos de traballo pola súa obxectividade e por tanto o máis apropiado para valorar os postos de traballo no ámbito da igualdade. Entre os máis coñecidos atópanse o sistema Hay, o sistema Mercer, o aprobado pola Orde PCM/1047/2022 (que adicionalmente inclúe a perspectiva de xénero) e o do propia OIT.

  1. Valorar o posto de traballo pensando na persoa que actualmente o ocupa. Este erro, alén de ser dos máis frecuentes, é un dos máis graves desde o punto de vista da igualdade retributiva. Cando a valoración se “contamina” coas características, a traxectoria ou a percepción que temos de quen desempeña na actualidade esas funcións, rómpese o principio básico que esixe o RD 902/2020: a avaliación con independencia do sexo. Este nesgo adoita operar de forma inconsciente e tende a prexudicar especialmente aos postos feminizados, cuxas tarefas como o coidado, atención, coordinación e/ou comunicación se infravaloran precisamente porque se asocian a competencias consideradas “naturais” nas mulleres e non a habilidades profesionais esixibles.
  2. Realizar a valoración sen contar coas descricións de postos de traballo (DPTs). Sen unhas DPTs que documenten de forma clara as funcións, responsabilidades, requisitos de formación e experiencia, condicións de traballo e relacións xerárquicas de cada posto, a valoración convértese nun exercicio subxectivo baseado en impresións, na traxectoria de quen o ocupa ou no seu desempeño individual, en lugar de fundamentarse no contido real do posto. Unha valoración sen DPTs resta obxectividade e rastrexabilidade ao sistema, pode invalidar a valoración ante unha inspección de traballo ou unha impugnación na mesa negociadora, xa que o propio RD 902/2020 esixe que os criterios utilizados sexan adecuados, obxectivos e verificables. A elaboración das DPTs é, por tanto, o punto de partida imprescindible: sen unha definición previa e documentada do que esixe cada posto, calquera valoración posterior carece da base técnica necesaria para ser obxectiva e libre de nesgos de xénero.

Outros erros comúns que se adoitan dar neste proceso son:

  • Valorar o posto en función da agrupación profesional á que pertence e, por tanto, do salario que xa percibe, no canto de ao revés.
  • Confundir valoración de postos con avaliación do desempeño das persoas traballadoras.
  • Deixar a valoración en mans dunha soa persoa, sen comité técnico nin participación da representación legal das persoas traballadoras.
  • Non revisar nin actualizar a valoración cando cambian as funcións reais do posto.
  • Realizar a valoración de forma illada, sen conectala coa auditoría retributiva e o rexistro salarial.

Todas as organizacións deben evitar cometer estes erros para que a valoración de postos cumpra a súa verdadeira función: garantir que a igual valor do traballo corresponda igual retribución, sen nesgos de xénero. Unha valoración ben construída é a base sobre a que se sosteñen a auditoría retributiva, o rexistro salarial e, en definitiva, calquera plan de igualdade eficaz. Desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais animamos a todas as empresas a construír estruturas salariais xustas e transparentes e poñemos ao seu dispor contido de interese no noso blog, no apartado de recursos e no Campus Formativo en Liña.