• A Xunta de Galicia quere distinguir o bo traballo das firmas en materia de responsabilidade social e conciliación

  • Os galardóns diríxense a pequenas, medianas e grandes empresas que destaquen polas súas prácticas en materia laboral-económica, ambiental e de acción social

  • Outorgarase unha mención ás iniciativas que promovan medidas para favorecer a corresponsabilidade, o desenvolvemento profesional da muller, o teletraballo ou a flexibilidade horaria, entre outras

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2022.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén aberto o prazo para a recepción dos Premios de Responsabilidade Social de Galicia 2022, cos que se queren recoñecer as boas prácticas do tecido empresarial da comunidade en materia laboral, ambiental e social, así como de fomento da conciliación e a corresponsabilidade.

Empresas públicas ou privadas con domicilio social ou centros de traballo na comunidade poden presentarse a estes galardóns ata o próximo 5 de decembro. As bases da convocatoria veñen de ser publicadas no  Diario Oficial de Galicia.

Os premios comprenden dúas modalidades: unha primeira, para recoñecer os avances que en materia de responsabilidade social empresarial teñan acadado pequenas, medianas e grandes empresas; e unha segunda, que outorgará mencións polo apoio á conciliación das firmas galegas.

O Premio á Responsabilidade Social Empresarial (RSE), distribuiranse por separado para pequenas empresas (de ata 49 persoas traballadoras), medianas (entre 50 e 249) e grandes (250 ou máis persoas empregadas).

O Goberno galego considerará as medidas implantadas polas empresas no ámbito laboral, tanto no eido da creación de emprego de calidade ou accións implementadas para reducir o absentismo, formar o persoal, ou promover a dixitalización.

Serán recoñecidas tamén as actuacións que permitan evitar desigualdades nas contornas de traballo como a existencia de plans de igualdade, igualdade retributiva, mulleres nos órganos de decisión, códigos éticos, entre outros. O compromiso medioambiental relacionado coa produción sustentable, co consumo ecoeficiente e aforro de enerxía ou mesmo de tratamento de residuos, serán recoñecidos tamén nesta convocatoria.

Coa idea de promover os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e estándares recoñecidos con carácter universal, a convocatoria porá en valor as actuacións promovidas no eido social pola empresa, para o recoñecemento da diversidade, a igualdade de oportunidades, o voluntariado e o compromiso coa contorna.

Os premios inclúen unha mención específica destinada ás iniciativas empresariais que propicien a conciliación laboral, familiar e persoal e a corresponsabilidade.

Tal e como recolle a convocatoria valoraranse como positivas a activación de políticas na empresa que permitan racionalizar os usos do tempo e que permitan o crecemento profesional das mulleres en áreas nas que estean infrarrepresentadas, así como a dotación de salas de repouso para embarazadas e/ou lactación ou a existencia de incentivos aos permisos de paternidade.

A Xunta de Galicia segue a poñer o foco na promoción da igualdade entre homes e mulleres no mundo da empresa e a prol da conciliación.  O artellamento de mecanismos para flexibilizar o horario ou para o acceso ao teletraballo e permisos por coidados ou para dar cobertura ás vacacións escolares, constitúen algúns dos exemplos que se terán en conta para acadar este recoñecemento público.

Categorías

Actualidade

Novas

Toda a actualidade e información de interese no ámbito da igualdade laboral.
Últimos días para inscribirse no taller formativo “A Corresponsabilidade: o eixe central da igualdade laboral”
30 Novembro 2022
O vindeiro 7 de decembro remata o prazo de inscrición...
SEGUIR LENDO >
Novidades en materia de igualdade laboral
30 Novembro 2022
Como cada mes, recapitulamos as novidades máis reseñables...
SEGUIR LENDO >
A nova Lei de igualdade situará o benestar laboral como panca para o crecemento económico de Galicia e a mellora das condicións da poboación traballadora
28 Novembro 2022
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha,...
SEGUIR LENDO >
Violencia de xénero no traballo
24 Novembro 2022
A violencia de xénero é o culmen da desigualdade estrutural...
SEGUIR LENDO >

Subscríbete ao noso boletín

E recibe todas as nosas novidades no teu correo electrónico.