Emprendemento feminino en Galicia. Unha aproximación desde a igualdade laboral

O emprendemento feminino en Galicia sitúase como oportunidade no desenvolvemento económico rexional, especialmente nas zonas rurais. Existe en Galicia unha comunidade resiliente de mulleres emprendedoras que se decantan por priorizar os seus propios proxectos coa intención de xerar un cambio no contexto, de mellorar a súa capacidade adquisitiva ou de facilitar a súa conciliación familiar. Nesta publicación ofreceremos certos datos de interese en relación ao emprendemento feminino, a súa progresión, a súa comparación co masculino e co contexto estatal. Á súa vez compartiremos algúns recursos destinados a aquelas mulleres que escollen o autoemprego como proxecto laboral, destinados tanto a profesionais que xa están en activo, como a aquelas que iniciarán a súa iniciativa emprendedora proximamente.

Cales son as principais motivacións do emprendemento galego?

Segundo o Informe Executivo GEM Galicia 2023 – 2024 as principais motivacións para emprender en Galicia en 2023 por incidencia foron:

  • A maioría de persoas enquisadas afirman que escollen o autoemprego como alternativa fronte á escaseza de traballo (o 71% para proxectos emprendedores consolidados e o 56% de proxectos en etapas iniciais).
  • En segundo lugar, a motivación de crear riqueza ou unha renda moi alta (35% para persoas emprendedoras consolidadas, moi similar aos proxectos emprendedores noveis cun 34%).
  • Marcar unha diferenza no mundo, é outra das grandes motivacións para emprender en Galicia (31% en consolidados e 32% en iniciais, unha influencia moi similar).
  • Outra das grandes motivacións é a continuación cunha tradición familiar (24% en proxectos consolidados e 19% en iniciativas emprendedoras en fases iniciais).

Principais datos do emprendemento feminino en Galicia

O perfil de persoa emprendedora en Galicia: teñen entre 35-44 anos (45%), unha actividade empresarial dedicada a servizos ao consumidor (48%), son na súa maioría micro-pemes (o 45% ten entre 1-5 empregados) e o 35% conta con formación universitaria.

Segundo se recolle na Estratexia de Impulso Autónomo Horizonte 27, Galicia é a comunidade autónoma na que o emprendemento feminino alcanzou unha maior relevancia a nivel estatal, chegando ao 42,1% na franxa temporal entre 2015 e 2022. Este dato pon en valor o potencial do emprendemento feminino galego e a súa capacidade de manterse no tempo.

Figura 1. Evolución da afiliación RETA por sexos por CCAA (2015-2023). Fonte: Estratexia de Impulso Autónomo Horizonte 27.

En relación ao contexto estatal, a porcentaxe de mulleres emprendedoras supera a media española, mentres que a porcentaxe de negocios de homes galegos queda por baixo.

Figura 2. Evolución da afiliación RETA por sexos Galicia/España (2015-2023). Fonte: Estratexia de Impulso Autónomo Horizonte 27.

A evolución da TEA (Taxa de Actividade Emprendedora) desagregada por sexo na nosa comunidade autónoma, revela unha caída actual do emprendemento feminino, que liderou as iniciativas nóveles entre 2018 e 2022. A TEA feminina caeu 0,6 puntos en tan só un ano alcanzando un 6,1 en 2023, fronte a un 6,7 no ano anterior. Esta tendencia á baixa xa se viviu no ano 2020, derivada da situación sociosanitaria producida polo COVID-19. Segundo datos do Grupo GEM, a baixada de novos proxectos de emprendemento feminino derívase dunha caída na percepción de oportunidades para emprender, tan só o 23% das mulleres identifican oportunidades de negocio no seu contexto, mentres que no caso dos homes, é o 35%.

Figura 3. Evolución do índice TEA en función do sexo (% da poboación, 2006-2023). Fonte: Informe Executivo GEM Galicia 2023 – 2024.

Con todo, estes datos contrastan coas cifras de municipios rurais ou aqueles con menos de 10.000 habitantes (o que representa o 29,4% da poboación galega) nos que o autoemprego feminino lidera os proxectos de emprendemento cunha TEA feminina do 7,5% fronte a un 2,5% nos proxectos de emprendemento masculinos. Nestes territorios, os homes perciben menos oportunidades de negocio. As iniciativas emprendedoras representan un motor económico imprescindible para o desenvolvemento sociocultural das poboacións nas que destacan os negocios dedicados ao consumo cun 58% e as iniciativas dedicadas ao sector primario cun 14%.

En conclusión, as mulleres representan unha porcentaxe relevante do emprendemento en Galicia, alcanzando o 42,1% (entre 2015 e 2022), a cifra máis elevada por comunidade autónoma no estado español. Ademais, o emprendemento feminino ten un impacto destacable na economía galega, con especial peso nas comunidades rurais, onde representa un 7,5% fronte ao 2,5% dos homes.

Que recursos existen para emprender en Galicia?

As persoas expertas entrevistadas durante a elaboración do Informe Executivo GEM Galicia 2023 – 2024 valoraron o ecosistema galego con 4,5 puntos, un valor que se sitúa por enriba da media estatal, actualmente en 3,8 puntos.

A continuación recollemos unha serie de recursos que facilitan o emprendemento feminino:

Subvencións

Outros recursos

Desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais continuamos traballando para cumprir as metas recollidas na Estratexia de Impulso Autónomo Horizonte 27 con especial atención a aquelas ferramentas e recursos de apoio aos proxectos de emprendemento feminino que actualmente acumulan unha maior taxa de abandono.