Dirección Xeral de Relacións Laborais. Que somos e que facemos

direccion-xeral-relacions-laborais-xunta

En base aos criterios de eficacia que presiden a organización administrativa e a eficiencia e contención no gasto público, a Consellería de Emprego e Igualdade refundiu nun único departamento as competencias que ata setembro de 2020 se exercían por dúas entidades, agora extintas: a Consellería de Economía, Emprego e Industria, na área de emprego e, a Secretaría Xeral da Igualdade, na área da promoción e adopción das medidas encamiñadas á consecución da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.

A Consellería, tras a recolocación de departamentos e distribución de funcións, divídese en sete órganos superiores e direccións, entre as que se atopa a Dirección Xeral de Relacións Laborais. Analizando en detalle estas áreas atopamos á Conselleira, na actualidade Dona María Jesús Lorenzana, a Secretaría Xeral Técnica, a Secretaría Xeral da Igualdade, a Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, a Dirección Xeral de Formación e Colocación, as Xefaturas territoriais e a nosa Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Imaxe: Xunta de Galicia

Hoxe imos introducir as funcións e estrutura da Dirección Xeral de Relacións Laborais para saber máis e contextualizar a área administrativa na que se inclúe a igualdade laboral e a conciliación e corresponsabilidade da vida persoal, familiar e laboral dentro da administración autonómica de Galicia. Imos alá!

 

As funcións da Dirección Xeral de Relacións Laborais

Todas as áreas da Consellería de Emprego e Igualdade están recollidas e ben documentadas no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade. Este decreto publicouse no Diario Oficial de Galicia o xoves 17 de decembro de 2020 e é un documento relevante para o coñecemento profundo desta área administrativa que hoxe tratamos. 

No artigo 28 do mencionado decreto descríbense as funcións e atribucións que ten a Dirección Xeral de Relacións Laborais e que describimos a continuación:

  1. Por unha banda establécense as funcións de dirección, coordinación, control e execución en materia de relacións laborais, seguridade e saúde laboral. Tamén aquelas funcións de responsabilidade social empresarial (RSE), promoción do emprego de calidade, lexislación laboral e prevención de riscos laborais (PRL) e outras funcións derivadas da autoridade laboral. 
  2. Destácase o impulso e desenvolvemento de políticas de igualdade laboral e de medidas de conciliación corresponsable da vida persoal, familiar e laboral nas empresas. Dentro desta área é onde se desenvolve a actividade divulgativa do noso portal web www.aigualdadelaboral.gal, os perfís de redes sociais asociados a esta (Facebook e Linkedin) e todos os  webinars e formacións que poñemos en marcha para a promoción en materia de igualdade laboral e conciliación. 
  3. Coordinación e o impulso do diálogo social en Galicia, a través de conciliacións en conflitos laborais, eleccións sindicais, convenios colectivos, calendarios laborais, relacións co  Consello  Galego de Relacións Laborais e os Expedientes de Regulación de Emprego (ERE) e Expedientes de Regulación Temporal de Emprego ( ERTES). 
  4. Funcións relativas á Inspección de Traballo e Seguridade Social en materia de laboral e de prevención de riscos laborais. Nesta área inclúese a coordinación coa Administración Xeral do Estado para a execución dos plans de actuación da Inspección de Traballo e Seguridade Social. 
  5. O coñecemento e resolución dos recursos de alzada interpostos e tramitados polos órganos territoriais para a xestión de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector, de conformidade co Decreto 70/2008, do 27 de marzo.
  6. Elaboración das propostas orzamentarias e a memoria da área, así como da xestión, seguimento e avaliación. 
  7. Funcións derivadas do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, no ámbito das competencias en materia de emprego atribuídas á consellería.

 

A estrutura da Dirección Xeral de Relacións Laborais

Dentro da Dirección Xeral de Relacións Laborais atópanse diferentes áreas para a xestión diaria das funcións descritas no apartado anterior. 

Imaxe: toma de posesión de doña Elena Mancha, directora general de Relaciones Laborales

A Dirección Xeral divídese en tres áreas principais. En primeiro lugar, atópase a Subdirección Xeral de Relacións Laborais, que para o desenvolvemento das súas funcións divídese no Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral e no Servizo de Réxime Xurídico. En segundo e terceiro lugar respectivamente, atópanse a Unidade Administrativa de Igualdade e o Servizo de Verificación de Fondos.

A Subdirección Xeral de Relacións Laborais encárgase, entre outras funcións da promoción, coordinación, desenvolvemento, control e execución da RSE, a igualdade laboral e das medidas de conciliación corresponsable coa vida persoal, familiar e laboral nas empresas. Tamén das relacións laborais cos grupos de interese económicos e sociais. Ademais é a área encargada da coordinación dos rexistros administrativos e eleccións sindicais, das asociacións empresariais e sindicais e dos convenios colectivos (o denominado, REGCON).

Doutra banda, a Unidade Administrativa de Igualdade é o órgano de apoio que integra a dimensión de xénero no ámbito das competencias en materia de emprego, e está en permanente coordinación coa Secretaría Xeral da Igualdade.

No caso dos Servizos de Verificación de Fondos as súas funcións son as de planificación, coordinación e verificación do cumprimento das normas europeas, estatais e autonómicas, ademais da execución dos programas de axudas e subvencións para todas as medidas de políticas activas de emprego xestionados na Consellería de Emprego e Igualdade, entre outros. 

Agora que xa nos presentamos só resta por comentar que aquí podedes atopar o directorio da Consellería de  Emprego e  Igualdade e leste é o portal específico da Dirección Xeral. Non dubides en contactar connosco para solucionar as túas dúbidas en materia de relacións laborais.