Día Mundial da Saúde Mental Materna

Desde 2016, o primeiro mércores do mes de maio, celébrase anualmente o Día Mundial da Saúde Mental Materna, unha data que ten como obxectivo a sensibilización sobre trastornos de saúde mental no período perinatal (etapa que comprende desde o embarazo ata o primeiro ano tras o nacemento) para que as nais busquen o apoio, tratamento ou acompañamento necesario e melloren a súa vivencia da maternidade. Esta data tamén reivindica a formación de profesionais e os avances nos sistemas de saúde a nivel global para mellorar a prevención, detección e tratamento dos trastornos mentais perinatais.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) conclúe que 1 de cada 5 mulleres experimentan un trastorno perinatal (que inclúen depresión, ansiedade, trastorno obsesivo-compulsivo e psicose posparto) e estímase que 7 de cada 10 ocultan ou minimizan os seus síntomas. A pesar das cifras, e en gran parte polo estigma social vinculado á maternidade, estas enfermidades adoitan pasar desapercibidas, o que implica que millóns de nais atravesan estes procesos sen o acompañamento ou tratamento adecuado, producindo non só un impacto negativo na súa saúde mental, senón tamén na do/a menor e mesmo no vínculo familiar e na contorna.

Fortalecer a atención á saúde mental perinatal, fomentar unha atención respectuosa da maternidade e traballar activamente na erradicación da estigmatización das mulleres neste período de especial vulnerabilidade, son tres piares fundamentais para salvagardar o benestar e a saúde perinatal de mulleres en todo o mundo.

Factores, promoción e prevención

Os factores que afectan á saúde mental materna son múltiples, polo que, realizar unha correcta promoción e prevención pode contribuír de forma directa a mellorar a realidade de millóns de mulleres e a reducir a exposición a factores de risco na época perinatal. A OMS recoñece a promoción da saúde mental perinatal como o apoio directo a persoas para que se poidan desenvolver e a creación de contornas que favorezan o benestar mental. Para esta organización, a prevención destes trastornos tradúcese no aumento da concienciación sobre sintomatoloxía e sinais de alerta para favorecer a detección precoz.

Dentro das medidas de promoción e prevención dos trastornos de saúde mental perinatal a OMS destaca:

  • A psicoeducación. Ferramenta clave para capacitar ás mulleres, grazas á divulgación de información sobre enfermidades mentais e posibles tratamentos, para que coñezan a sintomatoloxía e os recursos dispoñibles.
  • A xestión do estrés. Integrar exercicios de control do estrés no período perinatal pode contribuír de xeito determinante ao benestar da muller e a previr un agravamento da sintomatoloxía.
  • O reforzo do apoio social. Contar cunha rede de familia e amizades que ofrezan apoio emocional e práctico é un factor clave para a saúde mental da nai.
  • O fomento do funcionamento e das habilidades para a vida. As mulleres que sofren trastornos mentais poden atopar dificultades á hora de desenvolver a súa vida diaria con autonomía. Por iso, implementar accións e actividades que contribúan á súa aprendizaxe e á súa participación plena na sociedade pode ser fundamental para minimizar os riscos psicosociais que enfrontan.
  • O recoñecemento de trastornos mentais. Dotar aos sistemas de saúde perinatais de ferramentas para fortalecer a detección precoz destes trastornos e establecer protocolos de actuación áxiles e personalizados.

A saúde mental materna é un asunto de saúde laboral

A saúde mental perinatal debe ser un factor a ter en conta dentro da saúde laboral das entidades, xa que o período que se considera de afección comeza durante o embarazo e remata un ano despois do nacemento do/a menor, o que abarca tempo de actividade laboral para as mulleres. Nesta etapa de especial vulnerabilidade, as nais vense expostas a diferentes riscos e retos que deben afrontar, que poden xerar problemas de saúde mental que lles afecten non só a elas senón tamén á súa contorna. Neste esquema, o compromiso laboral e a posición das organizacións pode funcionar como un factor de prevención, activando mecanismos que faciliten a conciliación entre a vida laboral e familiar e acompañando as necesidades específicas das mulleres nesta etapa, ou como un risco cando non se ten en conta este cambio nas circunstancias.

Desde a perspectiva da vixilancia da saúde, os trastornos perinatais poden ter un efecto vinculante temporal no desempeño da traballadora afectando á súa capacidade de concentración, carga cognitiva, falta de motivación ou privación do soño, o que pode afectar á súa produtividade. Por iso, desde as entidades débense implementar modificacións temporais na realidade laboral das traballadoras para evitar que a relación laboral sexa un factor que contribúa a agravar os posibles trastornos perinatais.

No ámbito normativo, destaca o artigo 26 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, dedicado á protección da maternidade e aplicable durante o embarazo e o período de lactación.

Algunhas das accións que se poden desenvolver desde as empresas para favorecer a saúde mental materna, máis aló daquelas recollidas na lexislación laboral vixente, son:

  • Incorporar a saúde mental perinatal como factor de risco psicosocial dentro da avaliación de riscos laborais da empresa, co fin de incluíla no plan de formación (para todo o persoal) e establecer medidas preventivas específicas.
  • Establecer procedementos de incorporación gradual tras a suspensión do contrato de traballo por nacemento de menor, para coñecer o seu estado de saúde mental, valorar cargas laborais (e axustalas de xeito discreto e coherente) e flexibilizar os tempos.
  • Flexibilidade horaria e espacial (sempre que sexa posible), como medida preventiva clave que permita á traballadora poder adaptar os seus horarios de entrada e saída e a localización desde a que desenvolve o seu traballo. Recoméndase que estas medidas se recollan por contrato ou nun acordo asinado por ambas as partes para garantir a súa aplicación.
  • Actualizar o Programa de Asistencia á persoa Empregada (EAP) ou coberturas sanitarias privadas para garantir unha atención específica durante o período perinatal (no caso de que a empresa o ofreza), unha acción que demostra o compromiso da empresa coa saúde mental no período perinatal.
  • Establecer un procedemento de seguimento e acompañamento para as traballadoras en período perinatal e posparto, que garanta un seguimento respectuoso e non invasivo por parte dunha persoa designada pola empresa, que facilite un espazo seguro para a traballadora desde o que valorar necesidades específicas que a empresa poida facilitar.
  • Promover unha cultura organizativa proactiva e explícita de apoio á maternidade, que garanta ás traballadoras que esta etapa vital non comprometerá o seu desenvolvemento nin a súa seguridade profesional e que demostre que a empresa é unha organización preparada para acompañar este proceso.

Estas medidas poderían ser negociadas e incluídas nos convenios colectivos, garantindo así o seu cumprimento e aplicación efectiva.

Desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia recomendamos ás organizacións galegas implementar medidas concretas que protexan a saúde mental perinatal e convertan a contorna laboral nun espazo de apoio real para as nais traballadoras.