O vindeiro 21 de abril celébrase o Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo e este ano céntrase na participación e no diálogo social na creación dunha cultura de seguridade e saúde positiva. Mediante un diálogo social eficaz, os gobernos a distintos niveis e a interlocución social participan activamente en tódalas etapas dos procesos de toma de decisións en materia de seguridade e saúde. E dentro da creación dunha cultura de seguridade e saúde, un elemento básico é abordar esta cuestión con perspectiva de xénero. Aproveitamos esta celebración para reflexionar sobre a importancia da formulación nas empresas de políticas preventivas de seguridade e saúde con perspectiva de xénero.
En Galicia o Instituto de Seguridade e Saúde (ISSGA) leva moitos años traballando a favor da integración da perspectiva de xénero na actividade preventiva. Ademais de actividades formativas, como o webinario ‘Muller e saúde laboral: diversidade, equidade e igualdade’ organizado en colaboración coa Dirección Xeral de Relacións Laborais celebrado opasado mes de outubro, realiza publicacións específicas como a Guía “Pautas para a integración da perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais. Ferramentas para a súa implantación“, que vos animamos a consultar.
Enfoque normativo
A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de Riscos Laborais, vixente a día de hoxe, non inclúe a necesidade de realizar unha revisión das políticas preventiva específica de riscos laborais desagregada por sexos nas organizacións. As únicas medidas preventivas existentes e obrigatorias refírense á capacidade reprodutiva ou ao propio estado biolóxico do embarazo, como estado temporal ou transitorio que merece unha protección específica no marco da seguridade e saúde no traballo.
Doutra banda, non se adoita abordar desde o marco da prevención factores externos ao traballo que poidan interactuar con este ou os riscos asociados ao dobre rol das mulleres dentro e fóra do espazo doméstico.
No ámbito normativo avanzouse, por exemplo, en riscos laborais específicos como poden ser o acoso sexual e por razón de sexo. Existe unha evidencia real de que en casos de acoso os riscos psicosociais maniféstanse de forma particular en problemas de saúde mental, estrés, depresión, ansiedade… Na Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes inclúese a obrigatoriedade que teñen as empresas de introducir medidas específicas para previr o acoso sexual e o acoso por razón de sexo no traballo.
Perspectiva de xénero en saúde laboral
Desde o punto de vista biolóxico, os homes e as mulleres non son iguais (diferenzas de sexo). Ademais, as actividades profesionais que realizan, as condicións de traballo ás que están sometidas e a forma na que son tratados nas relacións laborais son distintas (diferenza de xénero). Estas diferenzas tamén se desenvolven no ámbito da saúde laboral e a cultura preventiva nas empresas. Por iso, debemos ter en conta estas diferenzas e ser conscientes de como poden afectar os perigos no traballo a mulleres e a homes, como avalialos e como controlalos.
A Axencia Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo afirma que existen diferenzas evidentes que afectan os riscos aos que se enfrontan os homes e as mulleres no traballo. En concreto, as mulleres:
- Traballan en sectores específicos e en tipos de traballo específicos.
- Equilibran dobres responsabilidades no traballo e no fogar.
- Contan con pouca representación a escala de supervisión e dirección.
- Son fisicamente distintas aos homes, aínda que existen máis variacións entre mulleres que entre homes e mulleres, por exemplo, respecto da forza física.
- Realizan traballos que se presumen erroneamente como seguros e fáciles.
Con frecuencia estas diferenzas non están recoñecidas na práctica de saúde e seguridade. De feito, con frecuencia se subestima a carga de traballo e os riscos laborais para as mulleres. Por iso, existen algunhas preguntas básicas polas que podemos empezar para saber se estamos a incorporar a perspectiva de xénero na actividade preventiva da empresa son:
- Avaliáronse os postos ocupados por mulleres?
- A avaliación de riscos contempla os riscos asociados a tódalas tarefas que se realizan?
- A que colectivo dirixíronse maioritariamente as accións formativas realizadas o pasado ano?
- Practicouse algún tipo de adaptación ergonómica nos postos ocupados por traballadoras? E nos ocupados por traballadores?
- Tivéronse en conta na avaliación de riscos psicosociais factores ligados ao xénero, como as dificultades para conciliar a vida persoal, laboral, familiar; diferenzas na asignación de funcións e na importancia/relevancia das tarefas asignadas, a existencia de fenda salarial, teito de cristal, etc.?
- Que poden facer os distintos axentes da prevención?
Exemplos das diferenzas de xénero en canto á saúde
O informe da Axencia Europea para a Seguridade e Saúde titulado As cuestións de xénero en relación coa seguridade e a saúde no traballo proporciona moita información sobre os riscos para as mulleres traballadoras e a súa prevención, e como adoptar un enfoque de xénero. Recollemos aquí cinco destas diferenzas detectadas:
- Estrés. Aínda que ambos os sexos rexistran taxas elevadas; con todo, entre os factores de estrés particulares das mulleres inclúense o acoso sexual, a discriminación, os traballos mal considerados con pouco control da situación, o traballo con gran esixencia emocional, e a dobre carga dun traballo remunerado e outro non remunerado no fogar.
- Violencia exercida polo público. Normalmente sófrena as mulleres, que estatisticamente adoitar ocupar máis postos de atención á clientela.
- Enfermidades cutáneas. Sufridas en maior medida polas mulleres; por exemplo, debidos ao traballo coas mans húmidas, en sectores como servizos de comidas, ou polo contacto da pel con produtos de limpeza ou químicos en salóns de peiteado.
- Asma e alerxias. Maior incidencia entre as mulleres, xa que é causada por produtos de limpeza, axentes e po esterilizantes presentes en luvas protectoras de látex empregados no sector sanitario, e pos na industria téxtil e da confección.
- Saúde reprodutiva. Entre os ámbitos que se descoidaron inclúense a fertilidade, os trastornos menstruais, a endometriose ou a menopausa.
Ten o teu plan de prevención de riscos laborais incorporada a perspectiva de xénero? Dende aquí animámoste a que cho cuestiones e fagas unha revisión tendo en conta as circunstancias concretas do teu sector e dos teus postos de traballo.