Día Internacional do Orgullo LGTBI

Nuns días, o 28 de xuño, celébrase ao longo do todo o planeta o Día do Orgullo LGTBI, unha data de reivindicación dos dereitos das persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuales, sen esquecernos das persoas asexuales, queer e demais identidades. Actualmente, cada vez máis persoas LGBTI móstranse abertas sobre quen son pero o medo, a violencia e a discriminación seguen sendo elevados, tal como amosan os resultados da enquisa da Axencia dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea sobre as experiencias das persoas LGBTI en Europa. Con 140.000 persoas consultadas, é a maior enquisa xamais realizada sobre os delitos de odio e a LGTBIfobia. As conclusións mostran que se deben impulsar medidas políticas para protexer e promover aínda máis os dereitos destas persoas.

Desde a Xunta de Galicia, e máis en concreto desde a Consellería de Promoción do Emprego e  Igualdade, a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais, queremos aproveitar esta data para continuar co noso traballo en favor dos dereitos do colectivo, xa que somos a terceira Administración Pública que aprobou unha lei autonómica de dereitos LGTBI en España: a LEI 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuales en Galicia.

A lei galega pola igualdade de trato e a non discriminación das persoas LGTBI

Esta lei, pioneira no marco lexislativo do Estado Español, conta cun capítulo enteiro dedicado a medidas dirixidas ao ámbito laboral. Entre outras cousas, a lei recolle como desde a Xunta de Galicia instamos ás organizacións sindicais e empresariais presentes no diálogo social a que actúen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e, no seu caso, en colaboración coas asociacións, organizacións e colectivos LGTBI, a:

  1. Impulsar medidas inclusivas para persoas LGTBI nos convenios colectivos de tódolos sectores laborais.
  2. Informar sobre a normativa en materia de discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero.
  3. Promover os dereitos e a visibilidade das persoas LGTBI nos lugares de traballo.
  4. Tratar de maneira específica a discriminación múltiple, na que a causa de orientación sexual e identidade de xénero se combine coa de sexo ou enfermidade,  discriminación física ou intelectual ou pertenza a calquera etnia ou relixión, así como a discriminación de persoas transexuais e transxénero, e incentivar a súa contratación.
  5. A representación legal das persoas traballadoras velará pola promoción do dereito á igualdade de trato e non discriminación na empresa por razón das causas previstas nesta lei e, en particular, en materia de medidas de acción positiva, e pola consecución dos seus obxectivos.

As persoas LGTBI e emprego en Galicia

Na actualidade non temos datos concretos sobre a situación laboral das persoas LGTBI, pero na lei recóllese a previsión da elaboración dun estudo no que se visibilice a situación das persoas LGTBI. O obxectivo é coñecer a súa situación laboral e as medidas que se deben adoptar para loitar contra a súa posible discriminación no ámbito das empresas públicas e privadas.

Unha das aproximacións máis recentes podémola atopar no Estudo sobre a discriminación laboral das persoas LGTBI elaborado polo sindicato UXT. Nel, sitúase a Galicia como a terceira comunidade autónoma na que se notificaron máis situacións de discriminación laboral por motivos de orientación sexual, só tras Asturias e Murcia. Esta investigación realizouse sobre a base da realización de 3.400 enquisas a nivel nacional. Os resultados indican que o 96% das persoas enquisadas en Galicia consideraron “inconveniente” revelar a súa orientación sexual, mentres que un 91% ocultouna. Ademais, seis de cada dez persoas traballadoras galegas do colectivo recoñeceron sufrir algún tipo de agresión.

Nestes momentos, a Dirección Xeral de Relacións Laborais impulsou a elaboración dun estudo, que se está realizando desde unha perspectiva participativa, onde se integran as opinións das asociacións que traballan a favor dos dereitos das persoas LGTBI, dos principais sindicatos galegos e de entidades empresariais. Esta investigación inclúe a realización dunha enquisa que se difundirá entre persoas LGTBI a través das entidades asociativas, así como grupos de discusión participativos entre estes axentes para recoller a súa voz e as súas reivindicacións, así como identificar as discriminacións que sofren ao longo das diferentes fases da relación laboral.

Está prevista a publicación dos resultados deste estudo no mes de setembro. Coas conclusións, pensamos avanzar para converter a Galicia nunha autonomía comprometida coa creación de espazos de traballo inclusivos.