O 11 de febreiro é desde 2015 unha data que aposta polo futuro da ciencia en feminino. Así o estableceu a Asemblea das Nacións Unidas ao acordar designar esta data como o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia para reivindicar a importante achega realizada polas mulleres a prol da ciencia e polo tanto do progreso da sociedade na súa totalidade.

A conmemoración desta data fainos mirar cara atrás, cando as mulleres participaron de forma invisibilizada e discreta nos avances científicos da historia, pero tamén nos fai ollar ao futuro dunha maneira máis optimista, onde elas están chamadas a ocupar o verdadeiro lugar que lles corresponde, liderando o coñecemento e a investigación en todos os seus ámbitos, xa que a diversidade sempre achega novas perspectivas, talento e creatividade.

Pese aos avances rexistrados nos últimos anos en canto á participación das mulleres na ciencia, debemos ser fieis aos datos e lembrar que segundo se desprende do avance do informe europeo She figures 2021, na ciencia persiste a segregación horizontal, que se caracteriza pola existencia no mercado laboral dalgunhas actividades e/ou profesións con maior participación masculina e outras máis feminizadas, de tal modo que se corresponden con estereotipos de xénero aínda presentes na sociedade.

Son múltiples os estudos que evidencian a pervivencia e reprodución das fendas de xénero, tanto verticais coma horizontais, na ciencia e na investigación; discriminacións que resultan de se conxugaren, entre outros, dous fenómenos:

a) O glass ceiling ou «teito de vidro», segundo o cal as mulleres van avanzando posicións nas súas carreiras profesionais ata se atopar cun teito ou barreira invisible que impide o seu progreso ata a cima.

b) O leaky pipeline ou «tubaxe que pinga», polo cal as mulleres van desaparecendo progresivamente, pinga a pinga, das carreiras científicas ás que van accedendo, polos obstáculos e trabas que se atopan.

Pero cómpre sinalar que estamos avanzando, pasiño a pasiño, en mudar esta realidade. Así, Galicia é punta de lanza en garantir a igualdade no eido da investigación e na universidade, prestando atención e regulando por lei desde o pasado ano cuestións como que nas novas convocatorias de axudas neste ámbito -tanto de organismos públicos como privados-, se poida aplicar un factor corrector para compensar os períodos de inactividade (maternidade, paternidade ou permisos temporais por embarazo, lactación ou coidado de persoas dependentes), para que non supoñan unha discriminación nos procesos de avaliación destas mulleres. Un claro exemplo de consenso parlamentario en prol do avance femenino neste eido, un avance tamén colectivo.

Do mesmo xeito, a Xunta de Galicia mantén un traballo constante no seo da Unidade de Muller e Ciencia co obxectivo de incrementar a presenza das mulleres nos ámbitos científico e tecnolóxico de Galicia e visibilizar as súas achegas, así como dar a coñecer as referentes galegas a través de distintos programas.
Deste compromiso derívanse un compendio de actuacións integradas no I e II Programas Galegos de Muller e Ciencia e tamén no III Programa, que está a punto de ver a luz.

O III Programa Galego Muller e Ciencia pretende lograr un sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore de forma efectiva o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, que priorice as necesidades das mulleres e sexa respectuoso coa diversidade; e así aproveite e reteña o talento tanto das mulleres como dos homes da nosa comunidade, para ser o motor do desenvolvemento tecnolóxico, económico e social sostible que queremos para Galicia.

Mellorar a visibilización e participación activa das nosas investigadoras, a súa calidade de vida profesional, as súas posibilidades de promoción e a capacidade de liderado son algúns dos obxectivos que se propón o Goberno galego á hora de deseñar a política científica centrada na achega das mulleres.

Así e todo tamén resulta fundamental poñer o acento en dotar de bos exemplos e referentes reais ás nenas galegas, que serán as científicas do futuro. Proveer de modelos á seguir que inspiren ao alumnado dos nosos centros educativos, e tamén ás familias, así como apoiar a traxectoria investigadora das mulleres, e fomentar vocacións innovadoras nas nenas, son algunhas das motivacións que nos levan a centrar o noso apoio e compromiso coas vindeiras xeracións de científicas de Galicia.

Categorías

Actualidade Conciliación Igualdade

Novas

Toda a actualidade e información de interese no ámbito da igualdade laboral.
A Xunta apoia a flexibilización horaria nas empresas a través da liña de axudas dirixida a pemes e autónomos, á que destina este ano 1,4 M€
23 Maio 2022
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha,...
SEGUIR LENDO >
Un total de 3.765 contratos temporais de mulleres transformáronse a indefinidos no último ano en Galicia grazas as actuacións da inspección laboral
20 Maio 2022
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha,...
SEGUIR LENDO >
A Xunta destaca a importancia de promover nos centros de traballo accións para facer fronte ao estrés e previr os riscos psicosociais
19 Maio 2022
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha,...
SEGUIR LENDO >
Que é o currículo cego?
19 Maio 2022
A igualdade de trato entre mulleres e homes aplicable...
SEGUIR LENDO >

Subscríbete ao noso boletín

E recibe todas as nosas novidades no teu correo electrónico.