Construíndo unha Galicia máis igualitaria no traballo

Con motivo do 25 de xullo e a celebración do Día de Galicia, repasamos algunhas das accións máis relevantes en materia de igualdade entre mulleres e homes da comunidade autónoma de Galicia. A aposta en políticas públicas innovadoras e temperás neste contexto, así como o seu enfoque integral e transversal con diversas liñas de acción que atenden á igualdade en áreas e contextos diferenciados, déixannos entrever unha clara implicación e unha salvagarda activa do benestar, os dereitos humanos e especialmente a igualdade de mulleres e homes no ámbito laboral.

Galicia, pioneira en políticas públicas de igualdade entre mulleres e homes

A comunidade autónoma galega foi pioneira en materia de igualdade entre mulleres e homes a nivel estatal. Proba diso é que en Galicia apróbase a primeira Lei de Igualdade en todo o Estado español, a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes -actualmente derrogada pola entrada en vigor de Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia– que entra en vigor en xullo de 2004, case tres anos antes que a primeira Lei de igualdade a nivel estatal, a Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes. Este novo marco lexislativo, inicia unha liña de actuación de carácter innovador, que contribuíu a mellorar a situación da muller en todos os ámbitos da vida, entre eles o laboral.

De forma complementaria a esta norma comezan a aprobarse novos textos, plans e protocolos, así como liñas de axuda específicas e obrigacións en materia de igualdade entre mulleres e homes e non discriminación por razón de sexo nas empresas.

Destacan no contexto galego os Plans Estratéxicos de Igualdade, o primeiro deles 2008-2011. Actualmente está vixente o VIII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, que marca o rumbo para Galicia en materia de igualdade, cuxos eixos transversais son: a resposta para os efectos da COVID 19, a diversidade das mulleres, a ruralidad e a interseccionalidade (atención ás situacións de discriminación múltiple). Destacamos que das súas 9 liñas de acción, 5 delas están directamente relacionadas coa igualdade laboral.

Galicia tamén foi unha das primeiras comunidades autónomas en publicar un plan de conciliación e corresponsabilidade, unha medida que atende a un dos grandes retos actuais do tecido empresarial. Así en abril de 2018 publícase o I Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade, que foi substituído polo II Plan Galego De Benestar Laboral, Conciliación e Corresponsabilidade (2022-2025).

Que recursos teñen dispoñibles as empresas para construir un contexto laboral máis igualitario?

A Xunta de Galicia impulsa diversas iniciativas para acompañar ás empresas no cumprimento da normativa laboral así como no fomento de medidas de sensibilización e fomento da igualdade entre mulleres e homes. Cóntase cunha web específica en igualdade laboral con contidos, información actualizada, normativa e recursos dispoñibles para todas as empresas de Galicia.

Á súa vez, existen diferentes liñas de axudas que contribúen a acelerar a implementación de plans de igualdade, melloras na contratación de mulleres en diferentes sectores e o fomento do emprego feminino. Destacan neste ámbito as axudas destinadas á creación e/ou ao funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial, as axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e o Programa Emega para o fomento do emprendemento feminino entre outras.

Desde 2021, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais impulsa o Campus Virtual de Igualdade Laboral, unha plataforma dixital gratuíta que facilita a formación en materia de igualdade laboral contribuíndo á sensibilización do tecido empresarial galego, cunha visión integradora para incorporar a perspectiva de xénero de forma transversal en todas as áreas.

Co obxectivo de visibilizar e premiar a todas aquelas empresas galegas que destacan na implementación de medidas de igualdade laboral entre mulleres e homes, a Xunta está a traballar nunha certificación galega de excelencia en igualdade. Segundo o artigo 2 do borrador do Decreto a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade é un distintivo outorgado pola Administración autonómica para recoñecer aquelas empresas ou entidades do terceiro sector que destaquen na aplicación das políticas de igualdade para a equiparación laboral entre mulleres e homes. Ademais, segundo o artigo 4.1. b e c, deberán contar cun plan de igualdade negociado e rexistrado no Rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo dependente da autoridade laboral, estatal ou autonómica, de acordo co establecido na lexislación laboral vixente. Tamén, terán que ter implantadas, como mínimo, o 25% das medidas recollidas no plan de igualdade.

Como se comprobou, existe un marco lexislativo pioneiro e un amplo abanico de recursos gratuítos para que as empresas galegas fomenten a igualdade entre mulleres e homes como eixo transversal nas súas organizacións. Desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta priorizamos o acompañamento ás empresas galegas para que a igualdade entre mulleres e homes sexa unha realidade no noso contexto. A consecución de obxectivos en materia de igualdade non se pode levar a cabo de forma illada desde as administracións públicas, senón que é imprescindible que o tecido empresarial privado se implique neste proceso, priorizando o benestar e os dereitos laborais das persoas traballadoras e impulsando redes de traballo e boas prácticas que favorezan á consecución dunha igualdade laboral real e unha sociedade máis xusta.