Cando unha persoa decide traballar por conta propia faino por motivos distintos: algunhas buscan maior autonomía sobre as súas decisións profesionais, outras elixen esta vía porque é o habitual na súa profesión e moitas aspiran a construír un proxecto propio aliñado cos seus valores.
Aínda que o traballo autónomo a miúdo retrátase como oportunidade de flexibilidade e adaptación, axústase isto ás necesidades de conciliación que poida ter a persoa autónoma? É realmente posible atopar un equilibrio entre a súa vida laboral, persoal e familiar? Esta pregunta non ten unha única resposta, xa que cada negocio e actividade profesional ten unhas necesidades e características particulares.
Especialmente para pequenos negocios e para persoas autónomas que non teñen persoal contratado, afrontar os gastos de substitución por coidado de menores ou persoas dependentes ou a suspensión de actividade por nacemento, adopción, risco durante o embarazo ou lactación, pode supoñer un reto tanto económico como organizativo, que afecte á supervivencia do negocio.
Nos últimos anos os órganos lexislativos e as administracións públicas continuaron avanzando na construción dun marco normativo e de recursos que permita ás persoas autónomas conciliar a súa actividade profesional cunha vida persoal e familiar digna, sen que emprender supoña renunciar ao seu benestar.

Marco lexislativo para a conciliación das persoas traballadoras por conta propia
O marco normativo específico sobre conciliación para as persoas autónomas parte da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do Traballo Autónomo, que recoñece de forma explícita, entre os dereitos profesionais das persoas traballadoras por conta propia, o dereito para conciliar a súa actividade profesional coa vida persoal e familiar.
Entre as medidas concretas que regula este marco normativo en materia de conciliación destacan varias:
- O artigo 30 regula a bonificación por conciliación vinculada á contratación, que permite ás persoas autónomas con menores de doce anos ao seu cargo, ou cun familiar ata o segundo grao en situación de dependencia ou discapacidade igual ou superior ao 33%, bonificarse o 100% da súa cota por continxencias comúns durante un máximo de doce meses, sempre que contraten a outra persoa traballadora que substitúa total ou parcialmente a súa actividade.
- O artigo 38 contempla a bonificación de cotas durante o descanso por maternidade, paternidade, adopción, garda co fin de adopción ou acollemento, permitindo unha cota reducida durante ese período aínda que non se conte cunha persoa substituta.
- O artigo 38 quater recoñece unha bonificación do 75% da cota por continxencias comúns para as persoas autónomas que sexan beneficiarias da prestación por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave.
A este marco súmase o Real Decreto-lei 13/2022, do 26 de xullo, polo que se establece un novo sistema de cotización para os traballadores por conta propia ou autónomos e mellórase a protección por cesamento de actividade. Aínda que o seu obxectivo principal é adaptar as cotas aos rendementos netos reais, esta norma tamén ampliou os supostos e a duración da prestación por cesamento de actividade, reforzando a rede de protección que sostén ás persoas autónomas en momentos de menor actividade, incluídos aqueles vinculados a necesidades de coidado.
Esta norma tamén modifica o Estatuto do Traballador Autónomo engadindo o artigo 38 bis. Incorporase unha bonificación específica para as traballadoras autónomas que, cesando a súa actividade por nacemento de fillo ou filla, adopción, garda co fin de adopción, acollemento e tutela, volvan realizar unha actividade por conta propia dentro dos dous anos inmediatamente seguintes á data efectiva do cesamento.
No ámbito fiscal, a Lei 35/2006, do 28 de novembro, do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, declara exentas de tributación as prestacións por nacemento e coidado do menor, así como as prestacións familiares non contributivas no seu artigo 7.h. No artigo 81 desta mesma norma, recóllese a dedución por maternidade que permite minorar a cota diferencial do IRPF ata 1.200 euros anuais por cada fillo ou filla ata cumpridos os 3 anos (que se pode incrementar 1.000 euros adicionais cando existan gastos de gardería ou centros de educación infantil).
Ao longo das últimas décadas conformouse un marco que reflicte un recoñecemento crecente por parte do órgano lexislador de que a conciliación non é un asunto exclusivamente privado, senón unha cuestión que require respaldo institucional.

Apoios á conciliación das persoas autónomas en Galicia
Desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, ofrecemos unha serie de recursos para facilitar que as persoas autónomas poidan exercer unha conciliación digna e que atopen o equilibrio entre a súa vida laboral, persoal e familiar.
Destacamos neste apartado as axudas á conciliación das persoas traballadoras autónomas, que se convocan de forma anual para persoas traballadoras por conta propia con domicilio fiscal e actividade económica en Galicia e que contan con tres liñas de financiamento:
- Bono autónomo concilia I: para a contratación dunha persoa traballadora para a substitución da persoa autónoma no seu negocio nos casos de maternidade ou paternidade, unha vez iniciado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento. Tamén se apoiará esta contratación en caso de baixa por risco durante o embarazo e/ou lactación. Á súa vez, incentívanse os contratos indefinidos realizados coa mesma persoa contratada para a substitución, unha vez finalizado o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento. A persoa solicitante terá que escoller e optar pola axuda para substitución ou pola axuda de transformación en indefinido.
- Bono autónomo concilia II: para a contratación indefinida dunha persoa traballadora para apoiar á persoa autónoma no coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia ao seu cargo, independentemente de que existisen ou non situacións de maternidade ou paternidade ou asimiladas.
- Bono autónomo concilia III: para apoiar os gastos dos servizos de coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia a cargo da persoa autónoma.
Con estas axudas, as persoas autónomas de Galicia teñen acceso a unha liña de apoio que combina substitución e coidados, un modelo máis integral e efectivo, pouco frecuente noutros territorios.
Se es unha persoa traballadora por conta propia e necesitas apoio na túa conciliación familiar, animámoste a revisar a nosa Oficina Virtual do Emprego Autónomo para manterte ao día coas novidades e liñas de apoio específicas en materia de conciliación laboral. Á súa vez, é recomendable que acudas á túa administración local de referencia, xa que é posible que ofrezan programas específicos de conciliación para persoas autónomas ou para a cidadanía en xeral.