• A conselleira lembrou que o benestar laboral das mulleres e a implantación de plans de igualdade nas empresas constitúe unha das prioridades do seu departamento

  • Aínda que Galicia está algo mellor que a media estatal, por cada 100€ que cobra un home na comunidade, as mulleres reciben 80,75€

  • En 2021 e 2022 a Xunta destina 3,7 millóns de euros a promover a equidade no tecido produtivo galego

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reivindicou hoxe o rol dos poderes públicos e puxo en valor o traballo da Xunta para corrixir discriminacións por razón de xénero e promover unha redistribución de roles, avanzar na igualdade salarial e mellorar a conciliación, no curso do acto celebrado en Santiago de Compostela para conmemorar este 22 de febreiro o Día europeo pola igualdade salarial.
O tempo parcial, o teito de cristal, a presenza en sectores peor remunerados ou as tarefas do fogar son algunhas das múltiples causas da desigualdade salarial por razón de xénero apuntadas pola conselleira durante a súa intervención, na que lembrou que “moitas mulleres teñen que traballar máis para gañar o mesmo que os seus compañeiros homes”.
“O Goberno galego leva anos incidindo neste eido, consciente de que a perspectiva de xénero no ámbito laboral é imprescindible para acadar un óptimo desenvolvemento como sociedade”, afirmou a conselleira, quen engadiu que a equiparación salarial e a eliminación das discriminacións laborais por razón de xénero son eixos que marcan a axenda de traballo da Xunta de Galicia no eido da igualdade.

Lorenzana evocou datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) que indican que por cada 100€ que cobra un home na comunidade, as mulleres reciben uns 80,75€. A pesares de que a desviación salarial (19,25%) sitúa a Galicia en lixeira vantaxe fronte ao 19,50% de media estatal, ao respecto dos traballadores “as mulleres galegas traballan arredor de dous meses ao ano sen cobrar e isto é inaceptable” remarcou a conselleira.

Son as mulleres as que concentran máis xornadas parciais, os empregos en actividades laborais peor valoradas e son vítimas da inequidade cos complementos nos soldos. “O tempo parcial está claramente feminizado e os complementos salariais claramente masculinizados, ao ir en función de parámetros como o esforzo físico ou a penosidade”, incidiu a titular de Emprego e Igualdade. Tamén a maternidade, aseverou, agranda esta fenda ao ser maioritariamente as traballadoras as que asumen os coidados no fogar: o 90% das peticións de excedencia que se rexistran en España para o coidado de fillas e fillos son realizadas por mulleres (datos INE).

Axudas e plans de igualdade

O compromiso da Xunta de Galicia ven consolidado polo feito de que entre 2021 e 2022 está a destinar 3,7 millóns de euros á consolidación da igualdade laboral na comunidade. Con estes fondos ponse ao dispor de axentes sociais e interlocutores empresariais axudas para que desenvolvan plans de formación sobre o diálogo social e a negociación colectiva e para dotar de gabinetes técnicos ás empresas en materia de igualdade laboral e loitar contra a fenda de xénero.

Lorenzana destacou ademais o programa de fomento da igualdade, a conciliación e a responsabilidade social empresarial dirixido a empresas e persoas traballadoras autónomas que fomenta, entre outras medidas, os Plans de Igualdade. “A Xunta de Galicia promove e axuda a todas as empresas, con obrigatoriedade ou non, no proceso de negociación e deseño dos mesmos”, incidiu a conselleira, quen defendeu estes plans como ferramenta que permite avanzar cara a verdadeira igualdade de oportunidades e ao benestar laboral da muller.

No último ano a Xunta, por outra banda, puxo en marcha un portal web e un campus virtual de formación en igualdade laboral, un espazo dixital de teleformación dirixido a informar, formar, sensibilizar e dotar de recursos á sociedade galega e ao tecido empresarial no eido da igualdade laboral entre homes e mulleres. A través do mesmo ofreceranse este ano 5.000 prazas gratuítas en obradoiros sobre conciliación e corresponsabilidade, teletraballo, fenda salarial e rexistro retributivo, teitos de cristal ou o acoso laboral.

No acto de hoxe tomaron parte, ademais da conselleira e de representantes sindicais, da universidade e de colectivos profesionais, as empresas Coruñesa de Etiquetas, Bodegas Martín Códax e Hermanos Toimil García, que compartiron as súas experiencias e boas prácticas en materia de igualdade salarial no seo das súas organizacións.

Categorías

Actualidade Emprego Igualdade Plan de igualdade

Novas

Toda a actualidade e información de interese no ámbito da igualdade laboral.
Novidades en materia de igualdade laboral
29 Decembro 2022
Como cada mes, recapitulamos as novidades máis reseñables...
SEGUIR LENDO >
As achegas á igualdade laboral no ano 2022
22 Decembro 2022
O ano 2022 foi un período no que desde a Xunta de Galicia...
SEGUIR LENDO >
A Xunta avoga por unha ciencia en igualdade que cree máis oportunidades e aposte polo talento galego na entrega do premio Wonenburger 2022
20 Decembro 2022
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,...
SEGUIR LENDO >
Lorenzana presenta o espazo de conciliación promovido no porto da Coruña pola Xunta de Galicia para axudar ás familias este Nadal
20 Decembro 2022
As instalacións, situadas no peirao do Parrote, abrirán...
SEGUIR LENDO >

Subscríbete ao noso boletín

E recibe todas as nosas novidades no teu correo electrónico.