-
A directora xeral de Relacións Laborais visitou as instalacións de Toldos Gómez en Arzúa e destacou o firme compromiso en materia de igualdade laboral que mantén a firma arzuá cun plan vixente que persigue eliminar discriminacións en contratos, xornadas ou a categoría laboral e cos procesos de incorporación e formación
-
A dinamización da economía local é outra das máximas desta empresa, da que Mancha subliñou que o 78% das súas 100 persoas traballadoras pertencen a comarca arzuá
-
O Goberno galego mantén aberta a inscrición no programa para que pequenas e medianas empresas melloren a súa competitividade
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, visitou hoxe en Arzúa (A Coruña) a empresa Toldos Gómez, unha das beneficiarias do programa Responsabilízate 2022-2024 co que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade continúa a promover a responsabilidade social empresarial (RSE), para axudar a unhas 180 pemes galegas a ser máis sostibles e impulsar a súa competitividade. Mancha destacou o compromiso desta firma co emprego local e a igualdade laboral ao ter implantado medidas contra a discriminación por razón de xénero e para favorecer a corresponsabilidade entre as persoas traballadoras.
A Xunta está comprometida co fomento da incorporación de criterios sostibles á xestión empresarial a través da aplicación de valores ambientais, sociais e de gobernanza, así como na posta en marcha de medidas que fomenten a igualdade de oportunidades. Tal e como especificou Elena Mancha, o modelo que desenvolve Toldos Gómez é exemplo destes obxectivos polo seu “compromiso local, colaboracións de acción social e por promover a igualdade no seo da organización”.
Mancha puxo en valor, neste sentido, que a firma arzuá, con 113 anos de traxectoria, manteña un “firme compromiso local” tanto no que se refire ao emprego -co 78,4% da plantilla integrada por persoas da comarca- como no desenvolvemento da súa actividade, xa que máis da metade dos provedores se atopan en Galicia, e máis do 43% na provincia da Coruña. Tamén subliñou as medidas de acción social que esta firma promove na súa contorna mediante a promoción de hábitos saudables nunha carreira anual que patrocina e aportacións a entidades deportivas.
A Administración galega colabora con esta empresa, que desde o ano 2019 recibiu máis de 8.000 euros no eido da RSE, o desenvolvemento de plans de igualdade e do teletraballo, entre outros.
A firma arzuá conta cun Plan de Igualdade vixente ata o próximo 2023 e cunha comisión paritaria encargada do seu seguimento integrada por representantes da empresa e das persoas traballadoras. Entre outros obxectivos, Mancha remarcou o compromiso da entidade por eliminar calquera discriminación relacionada cos tipos de contrato, xornada ou categoría laboral. Tamén a aplicación deste mesmo principio aos procesos de incorporación de persoal, formación, avaliación do rendemento e promoción interna.
“O desenvolvemento da corresponsabilidade da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras sen que afecte ás posibilidades de traballo, ás condicións laborais ou ao acceso a postos de especial responsabilidade de mulleres e homes resulta fundamental cara a avanzar nun mercado laboral responsable a futuro”, especificou Elena Mancha.
Toldos Gómez participa activamente nas actividades de formación que a Xunta ofrece no campus en liña de igualdade laboral. Tal e como dixo a directora xeral, “varias persoas traballadoras da entidade realizaron cursos do campus sobre acoso laboral e outros obradoiros temáticos”.
Programa ‘Responsabilízate’
A firma ademais é beneficiaria do programa Responsabilízate, no que este ano participan máis de 100 empresas. “As pemes interesadas en participar aínda están a tempo de facelo, pois o prazo de inscrición en Responsabilízate continúa aberto na sede electrónica da Xunta ata completar as 180 prazas previstas”, especificou Mancha.
Responsabilízate diríxese ás pequenas e medianas empresas que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual co obxectivo de impulsar a súa competitividade nun contexto de transformación no que as prácticas como a xestión responsable das persoas, a adaptación a unha economía baixa en carbono, ou o desenvolvemento de condutas éticas na cadea de subministración, son claves para o posicionamento das empresas.