• A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, abriu hoxe o segundo obradoiro no campus virtual da Xunta sobre igualdade laboral e lembrou que este ano ofertará 5.000 prazas gratuítas de formación

  • A participación nestes webinarios brinda ás persoas participantes a posibilidade de obter un certificado de aproveitamento ao remate da xornada

  • A Xunta estrea no campus un repertorio xurisprudencial con información e pílulas audiovisuais sobre as máis recentes sentenzas en igualdade laboral

O espazo de teleformación da Xunta en materia de igualdade laboral ofrece hoxe o obradoiro gratuíto en liña co título A igualdade de oportunidades e a prohibición de discriminación que conta con cerca de 400 inscricións. Con esta nova formación, que hoxe inaugurou a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, preténdese afondar na inclusión do principio de non discriminación desde a perspectiva dos plans de igualdade e a súa inclusión na negociación colectiva. O de hoxe é o segundo obradoiro en liña que a Administración galega ofrece a través da plataforma na que se espera este ano ofertar un total de 20 obradoiros con máis de 5.000 prazas de formación aberta á cidadanía.
A directora xeral cualificou os plans de igualdade como “instrumentos revolucionarios” para “garantir a igualdade entre mulleres e homes nas condicións laborais”. “É totalmente imprescindible que a súa elaboración sexa a adecuada, para que ao final da mesma se inclúan as medidas necesarias que ataquen e erradiquen a desigualdade”, incidiu.
A sesión de hoxe distribuíuse en 4 horas docentes nas que afondar sobre o marco normativo do principio de igualdade e a súa aplicación na negociación colectiva. Imparten a formación o catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, Jaime Cabeza; e a inspectora de traballo, Teresa Pedrosa.
Mancha aproveitou para anunciar un próximo taller que se celebrará o 8 de febreiro que que versará sobre a diagnose e a información cuantitativa e cualitativa que é necesaria para a realización dos plans de igualdade. Terá continuidade, tal e como detallou, con máis actividades formativas nas que se abordará a análise de cada unha das materias que integran os plans e as medidas a activar polas empresas.
As persoas participantes nestas actividades poden obter o correspondente certificado de aproveitamento do taller sempre que asistan á sesión en liña e respondan satisfactoriamente a polo menos o 70 % das cuestións expostas no test de avaliación que se facilita ao seu remate con varios días para poder cumprimentalo.

5.000 prazas de formación gratuíta

En 2022 o Goberno galego ofertará 5.000 prazas a través do seu espazo virtual de teleformación en igualdade laboral con cursos que afondarán, entre outras cuestións, na fenda salarial, a desconexión dixital, os teitos de cristal ou o teletraballo.
Trátase de concienciar da importancia da igualdade no traballo e da necesidade de que mulleres e homes poidan desenvolver a súa profesión baixo as mesmas condicións.
En 2021 máis de 3.000 persoas recibiron o seu certificado de aproveitamento, sendo ademais Galicia a primeira e única comunidade autónoma en impartir este tipo de cualificación en modalidade virtual por medio da plataforma estreada no mes de outubro.

Repertorio xurisprudencial

Mancha informou de que a páxina web do campus virtual abriu unha nova sección que inclúe un repertorio xurisprudencial, no que se inclúen as sentenzas máis novas relacionadas coa igualdade laboral, acompañadas dunha pílula audiovisual e un pequeno resumo. Está ao dispor das persoas interesadas na ligazón https://igualdade-laboral.gal/informacion-tematica/.

Categorías

Actualidade Formación Igualdade Plan de igualdade

Novas

Toda a actualidade e información de interese no ámbito da igualdade laboral.
Novidades en materia de igualdade laboral
29 Decembro 2022
Como cada mes, recapitulamos as novidades máis reseñables...
SEGUIR LENDO >
As achegas á igualdade laboral no ano 2022
22 Decembro 2022
O ano 2022 foi un período no que desde a Xunta de Galicia...
SEGUIR LENDO >
A Xunta avoga por unha ciencia en igualdade que cree máis oportunidades e aposte polo talento galego na entrega do premio Wonenburger 2022
20 Decembro 2022
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,...
SEGUIR LENDO >
Lorenzana presenta o espazo de conciliación promovido no porto da Coruña pola Xunta de Galicia para axudar ás familias este Nadal
20 Decembro 2022
As instalacións, situadas no peirao do Parrote, abrirán...
SEGUIR LENDO >

Subscríbete ao noso boletín

E recibe todas as nosas novidades no teu correo electrónico.