A Xunta demanda que a nova regulación laboral atenda as necesidades reais das micropemes

  • A directora xeral de Relacións Laborais participou hoxe nunha sesión informativa sobre a normativa laboral organizada por APE Galicia

  • Solicitou que a nova normativa outorgue ás comunidades a capacidade de activar mecanismos de redución temporal de emprego no seu tecido produtivo

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, demandou hoxe en Pontevedra que a nova regulación laboral pense nas necesidades reais das micropemes e brinde capacidade de manobra ás comunidades autónomas para activar procedementos de regulación temporal de emprego ante situacións que afecten ao seu tecido produtivo. Mancha participou nunha xornada informativa organizada pola asociación de autónomos e pequenas empresas APE Galicia, na que tomaron parte máis de 250 participantes.

A directora xeral incidiu en que aínda que a redución da temporalidade é necesaria e a consecución do acordo entre os axentes sociais resultou positiva, “no caso das micropemes, a adaptación ás circunstancias é máis complexa xa que adoitan ter máis problemas de liquidez”. A directora xeral incidiu en que tanto as minoracións de plantilla pola redución da actividade, como a extinción das mesmas, poden supor cargas importantes para estas empresas. Na mesma liña magoouse de que os contratos formativos, “habitualmente empregados polas micropemes”, teñan unha regulación moi complexa no novo marco.

Sectores como o da hostalaría, remarcou Elena Mancha, a diferencia doutros, quedan tamén, ao xuízo de Mancha, ”en situación complexa”, xa que, como dixo, “o contrato fixo descontinuo non se adapta ás súas necesidades, o que vai producir unha continua rotación de persoal que vai manter, e mesmo incrementar, a temporalidade”.

A Xunta demanda que o Goberno central dea capacidade de actuación ás comunidades autónomas á hora de activar mecanismos de redución temporal de emprego en sectores específicos do seu tecido produtivo: “prevense ERTE RED, de carácter sectorial, pero nada se di dos ERTES que poidan afectar ao tecido produtivo dunha soa comunidade”, especificou a directora.
A representante do Goberno galego trasladou tamén aos participantes a necesidade de que a Inspección de Traballo adquira maior participación nos procedementos de regulación de emprego (ERE), “axudando ao xulgado a valorar a causa alegada”.