A Xunta defende o benestar das persoas traballadoras ante os novos riscos laborais derivados dos procesos de dixitalización que enfrontan as empresas

  • A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, avogou hoxe nun foro internacional sobre o impacto destes procesos na seguridade e saúde no traballo, por vixiar a saúde psicosocial e o risco de illamento de traballadoras e traballadores

  • A dispoñibilidade permanente, os límites difusos entre a vida laboral e persoal ou os horarios irregulares son algúns dos perigos identificados por Relacións Laborais

  • A Xunta propón o desenvolvemento de marcos éticos ou códigos que permitan deseñar modelos de traballo nos que se teña en conta o factor humano

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na apertura do simposio internacional sobre dixitalización global e o seu impacto na seguridade e saúde no traballo organizada pola Fundación Internacional ORP de prevención de riscos laborais. Neste marco defendeu que as empresas establezan marcos que permitan protexer ás persoas traballadoras dos perigos, sobre todo no eido psicosocial, que enfrontan a causa da irrupción da intelixencia artificial ou das plataformas dixitais nas súas organizacións.

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participa na apertura dunha xornada sobre dixitalización global e o seu impacto na seguridade e saúde no traballo organizada pola Fundación Internacional ORP de prevención de riscos laborais.

Mancha alertou da modificación dos hábitos laborais, que veñen de alterar os lugares de traballo, que se están a adaptar ás novas tecnoloxías con maior intensidade tras a pandemia. “Estes avances tecnolóxicos poden implicar melloras na produción e redución de custos, pero tamén abren a porta a novos riscos laborais que administracións e as empresas deben abordar”, incidiu a directora xeral.

Segundo relatou a representante da Xunta, unhas das tecnoloxías que máis impacto están a ter no eido do traballo son a intelixencia artificial e as plataformas en liña. “Son tecnoloxías emerxentes que están en proceso de aprendizaxe e mellora e, por iso, poden significar riscos laborais aos que se debe enfrontar os empregados”, remarcou.

A Xunta avoga por combater os riscos psicosociais e organizativos derivados do uso das tecnoloxías emerxentes, que se materializan na necesidade de adaptación das persoas traballadoras a un mundo mecanizado, que lles pode supor estrés e frustración.

As plataformas dixitais, por outra banda, permiten a monitorización e o control sobre o traballo de modo máis acentuado, o que pode esixir dispoñibilidade permanente, horarios de traballo irregulares, límites difusos entre o traballo e a vida privada e formas precarias de desempeñar as tarefas; algo que a xuízo da directora xeral “pode afectar a factores de risco como a excesiva carga de traballo ou a propia autonomía” que deben evitarse.

Tal e como engadiu Mancha, “a falta de contacto con outros compañeiros provoca un illamento social pode causar depresión ou pode afectar as interaccións sociais das persoas, que afecta ao ítem de relacións e apoio social”.

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participa na apertura dunha xornada sobre dixitalización global e o seu impacto na seguridade e saúde no traballo organizada pola Fundación Internacional ORP de prevención de riscos laborais.

Por este motivo a Xunta insta ás empresas a buscar novas medidas de seguridade que aseguren o benestar dos seus traballadores e traballadoras para aproveitar mellor as oportunidades da dixitalización, a partires da súa correcta aplicación, xestión e regulación.

A directora xeral alertou, por último, da necesidade de vixiar os riscos psicosociais a través de estratexias de seguridade e saúde nas organizacións, como as que propón a Axencia Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo que pasan, por exemplo, polo desenvolvemento dun marco ético, con códigos de conduta e gobernanza axeitadas; o compromiso coa prevención e o deseño de procesos de dixitalización que integren os factores humanos; ou a aplicación da normativa de protección en toda a súa extensión.