• A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na cidade herculina na xornada A igualdade, un activo para a empresa da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC)

  • A Xunta estreou esta semana con máis de 800 usuarios o campus virtual en igualdade laboral co que pretende dotar de ferramentas de calidade dun xeito gratuíto a empresas, formadores e usuarios e ofrecer información, formación e sensibilización para acadar unha igualdade real no ámbito das relacións laborais

  • Galicia é a primeira comunidade autónoma en impartir formación específica on line en eidos referidos a plans de igualdade na empresa, conciliación e corresponsabilidade, acoso laboral ou teletraballo

  • O Goberno galego incrementou este ano nun 30,6% o programa de axudas destinado a promover entre os autónomos e as pequenas e medianas empresas (pemes) a igualdade laboral, a conciliación da vida laboral, familiar e persoal e a Responsabilidade Social Empresarial (RSE)

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, destacou hoxe na Coruña a importancia de formar a empresas e traballadores en igualdade laboral para que coñezan as vantaxes dos modelos produtivos que non contan con discriminacións pro xéneros. Na xornada A igualdade, un activo para a empresa, que organizou hoxe na cidade herculina a Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Mancha sinalou que “o primeiro paso para acadar a desexada igualdade no seo das empresas é interiorizar este concepto e reflexionar sobre as causas e consecuencias das discriminacións”.

Destacou que a igualdade no traballo non só aumenta a competitividade das empresas e retén o talento, senón que tamén mellora o clima laboral e reduce o absentismo. En palabras de Mancha, é unha cuestión de xustiza social, pero tamén de responsabilidade que ten incidencia na mellora da situación demográfica e violencia de xénero dun país, ao tempo que incrementa a eficacia das organizacións, fortalece a reputación empresarial e mellora a imaxe externa.

Centrado en dar a coñecer estas vantaxes naceu o campus virtual en igualdade laboral da Xunta, que arrancou esta mesma semana con preto de 800 usuarios para dotar de ferramentas de calidade e dun xeito gratuíto a empresas, formadores e usuarios, ofrecendo información, formación e sensibilización en materias referidas a plans de igualdade na empresa, conciliación e corresponsabilidade, acoso laboral ou teletraballo. Galicia con este espazo de teleformación convértese na primeira comunidade autónoma en impartir formación específica nestes ámbitos.

Para acceder ao campus virtual é necesario inscribirse a través da páxina web www.aigualdadelaboral.gal/formacion. A formación que se oferta é gratuíta, flexible e de calidade, permitirá acceder a un certificado de aproveitamento e está dirixida a toda a poboación, en xeral, e ao tecido empresarial, en particular. As dúas accións formativas, que comezaron esta semana, céntranse, por un lado, en igualdade laboral con 8 horas de duración para facilitar os coñecementos mínimos sobre o procedemento de negociación dos plans de igualdade no seo dunha organización. Esta formación desenvolveuse xa nos dous primeiros trimestres deste ano coa participación de máis de 1.200 persoas nas catro edicións do curso. A segunda acción formativa, que está en marcha no campus virtual, céntrase na prevención e tratamento do acoso sexual no traballo, de 10 horas de duración para facilitar mecanismos para a identificación deste tipo de condutas.

Nas próximas semanas lanzaranse dous novos cursos: un de 35 horas dirixido ás persoas negociadoras dos plans de igualdade e unha serie de talleres teórico-prácticos destinados ás persoas que participan nos procesos de selección, contratación, negociación colectiva, avaliación da actividade preventiva e, en xeral, en proxectos que se enmarcan no eido das relacións laborais no referido á aplicación do principio de igualdade. Ademais, celebrarase unha webinar sobre o rexistro administrativo dos plans de igualdade.

Axudas autonómicas

Macha, ademais, lembrou que a Xunta promove entre os autónomos e as pequenas e medianas empresas (pemes) a igualdade laboral, a conciliación da vida laboral, familiar e persoal e a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) con axudas que incrementou este ano nun 30,6%, polo que o orzamento sumou máis de 2,6 millóns de euros.

O Goberno galego apoia con este programa a conciliación da vida laboral, familiar e persoal con incentivos para o fomento do teletraballo e para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten a implantación efectiva do traballo a distancia, coa finalidade tamén de promover o uso das tecnoloxías da información e comunicación (TIC).

O programa, ademais de apoios para o teletraballo, inclúe axudas para impulsar a flexibilidade horaria nos centros de traballo, apoios para a elaboración de diagnoses en materia de igualdade e de plans de igualdade e a implantación das súas primeiras accións, así como a contratación dunha persoa experta para asesorar á empresa en todo este proceso. Así mesmo, este programa de Emprego e Igualdade tamén facilita ás empresas e autónomos a obtención de normas ou estándares en Responsabilidade Social Empresarial (RSE).

Para rematar, a directora xeral indicou que a posta en marcha destas medidas responde “á obriga das administracións, xunto cos axentes sociais, de ser o motor de cambio e de progreso mediante a ruptura dos teitos de cristal para que deixen de persistir as fendas de xénero e estereotipos referidos ao tempo que lle dedican homes e mulleres ao coidado de menores e de persoas dependentes”.

Categorías

Actualidade Conciliación Formación Igualdade

Novas

Toda a actualidade e información de interese no ámbito da igualdade laboral.
A Xunta reivindica cun estudo pioneiro a necesidade de integrar a perspectiva de xénero na prevención de riscos a bordo dos barcos de pesca
02 Decembro 2021
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena...
SEGUIR LENDO >
Novo curso en igualdade laboral: curso avanzado de 35 horas
01 Decembro 2021
A dirección xeral de Relacións Laborais pon en marcha...
SEGUIR LENDO >
25N. Violencia de xénero, como abordala desde as empresas?
25 Novembro 2021
Abordar a violencia de xénero desde as empresas é un...
SEGUIR LENDO >
A Xunta sitúase á vangarda da igualdade no sector público co 71% de mulleres funcionarias e polo seu compromiso para derrubar as fendas de xénero
18 Novembro 2021
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez...
SEGUIR LENDO >

Subscríbete ao noso boletín

E recibe todas as nosas novidades no teu correo electrónico.