-
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugurou o webinario Saúde e Teletraballo, organizado polo Issga con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo que se celebra hoxe
-
Pon en valor as vantaxes do teletraballo e a importancia de consolidar as medidas de protección e a vixilancia dos riscos derivados desta modalidade laboral
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugurou hoxe o webinario Saúde e Teletraballo, unha das actividades organizadas pola Consellería de Emprego e Igualdade con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, que se celebra baixo o lema Actuar xuntos para construír unha cultura de seguridade e saúde positiva.
Mancha destacou na xornada formativa, celebrada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), co apoio de Asepeyo, a necesidade e a importancia de crear unha cultura da seguridade e saúde no traballo, dándolle un maior peso no eido sociolaboral. Apuntou tamén que cando se fala de seguridade e saúde no traballo é preciso recordar a importancia de vixiar a saúde física e a mental.
Con respecto ao teletraballo, indicou no webinario, que seguiron máis de 300 persoas, que é unha “ferramenta útil” para a corresponsabilidade. Entre as súas vantaxes, Mancha salientou que axuda, ademais, a incrementar a produtividade e a racionalización de horarios; a fixar poboación no territorio, sobre todo nas áreas rurais; a reducir custes laborais; e contribúe ao aforro nos desprazamentos reducindo a contaminación e a sinistralidade viaria.
Tamén referiuse a importancia de consolidar as medidas de protección e a vixilancia dos riscos derivados desta modalidade laboral, xa que incidiu en que pode incrementar o sedentarismo, a perda de forza corporativa ou a sensación de aillamento, entre outros. Pode afectar, en definitiva, a saúde musculoesquelética ou mental. “O feito de que o teletraballo se realice no domicilio da persoa traballadora ou noutro lugar elixido por esta non debe ser obstáculo para desenvolver todas as actividades preventivas na normativa co mesmo alcance e rigor que no caso de que a mesma actividade executásese de forma presencial”, engadiu.
A Xunta, neste eido, desenvolveu o pasado ano unha campaña de protección contra os riscos do teletraballo, ao tempo que apoia esta modalidade laboral cun programa de axudas dirixido a pemes e micropemes para a realización de pactos de teletraballo e a adquisición de equipos tecnolóxicos.
En concreto, o Goberno galego apoia a conciliación da vida laboral, familiar e persoal con incentivos para o fomento do teletraballo (2.000 euros por traballador ou traballadora, cun máximo de 8.000 euros por empresa) e a flexibilidade horaria (8.000 euros por firma). Estes apoios increméntanse en 1.000 euros para aqueles autónomos ou empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.
Para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten a implantación efectiva do traballo a distancia, coa finalidade tamén de promover o uso das tecnoloxías da información e comunicación (TIC), finánciase o 80% do investimento, co tope de 1.500 euros por traballador beneficiado e cun límite máximo de 20.000 euros por empresa. Esta axuda aumenta nun 10% naquelas empresas que a taxa de ocupación feminina é polo menos igual á masculina.
As empresas que opten ás axudas para fomentar o teletraballo ou para adquirir elementos tecnolóxicos que posibiliten a súa implantación efectiva deben contar cun mínimo dunha persoa traballadora; si se solicitan os apoios para favorecer a flexibilidade horaria, deberán contar cun mínimo de cinco traballadores.