A igualdade na contratación pública

A OCDE define a contratación pública como a compra de bens, servizos e obras por parte de gobernos e empresas estatais. Dado que representa unha parte substancial do diñeiro dos contribuíntes, cabe esperar que se leve a cabo de maneira eficiente e con altos estándares de conduta a fin de garantir a alta calidade da prestación do servizo e salvagardar o interese público.

Segundo os datos dos Orzamentos xerais 2022, o teito de gasto público galego en materia de bens correntes e servizos ascende a 1.984 millóns de euros. Trátase, pois, dun sector estratéxico no que a administración pública ha de respectar os principios xerais de contratación no proceso de adxudicación e execución de cada un dos contratos públicos. É tal a súa importancia que a lexislación aplicable identifica como obrigatoria e transversal a incorporación de criterios sociais e ambientais. Entre eles, atópase o respecto a dereitos fundamentais como a igualdade e a non discriminación. Isto recóllese nos art.1.3 e 145 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de Contratos do Sector Público e o art. 67 da Directiva 2014/24/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 26 de febreiro de 2014 , sobre contratación pública, que indican que “en toda contratación pública incorporaranse de maneira transversal e preceptiva criterios sociais e ambientais sempre que garde relación co obxecto do contrato…”.

Como introducir a igualdade nos contratos?

A mellor forma de introducir criterios de igualdade na contratación pública é mediante pregos de cláusulas administrativas, que deben reflectir con claridade os criterios de adxudicación. Segundo o Observatorio de Contratación Pública, estes criterios teñen que ser facilmente interpretados polas empresas (está prohibida a súa escuridade) e teñen que cumprir requisitos tales como non ser discriminatorios e aparecer nos pregos de cláusulas administrativas particulares indicando unha orde decrecente de importancia e valoración.

Para o establecemento destes criterios, é necesario contar cunha persoa experta na aplicación da perspectiva de xénero que evite malas prácticas como esixir que as organizacións conten cun 50% de mulleres no seu cadro de persoal sen ter en conta se se enmarca dentro dun sector masculinizado ou feminizado. Por exemplo, sería difícil de cumprir nunha empresa que opte a un contrato de obras, pero irrelevante para unha entidade que ofreza un servizo de limpeza.

Algúns exemplos de boas prácticas na redacción destas cláusulas están identificados na Guía de Incorporación da perspectiva de xénero en contratos, subvencións, convenios e concertos da Comunidade Foral de Navarra (2020):

Relativas á contratación de mulleres

  • A empresa adxudicataria deberá empregar como persoal que execute o contrato e durante toda a prestación contractual a X mulleres.
  • A empresa adxudicataria deberá empregar como persoal que execute o contrato e durante toda a prestación contractual a X mulleres en postos de responsabilidade, xerencia ou cualificados.
  • Se existise o deber de subrogar ao persoal ou a empresa non precisase contratar novo persoal no momento de iniciar a execución do contrato, deberá contratar a mulleres en todas (ou o X%) das novas contratacións no marco da execución do contrato para postos de xerencia, responsabilidade ou cualificados.

Relativas á execución do contrato

  • Impartir polo menos X horas anuais de formación en materia de igualdade ao persoal que executa o contrato.
  • Aprobar e difundir un protocolo específico para o emprego de linguaxe de xénero na empresa, de modo que toda a documentación, publicidade, imaxe ou material, que se xere con motivo da execución do contrato, promova un uso non sexista da linguaxe, evite calquera imaxe discriminatoria das mulleres ou estereotipos sexistas e fomente unha imaxe con valores de igualdade, presenza equilibrada, diversidade, corresponsabilidade e pluralidade de roles e identidades de xénero.
  • Deseñar, establecer e aplicar X número de medidas de conciliación entre a vida persoal, laboral e familiar para o persoal que execute o contrato ou para as persoas beneficiarias do mesmo, sempre que melloren as xa existentes.

Relativas á entidade licitadora

  • X persoas cunha formación mínima acreditada de 150 horas en materia de igualdade entre mulleres e homes.
  • X persoas adscritas á execución do contrato cunha experiencia laboral acreditada de polo menos tres anos en traballos directamente relacionados coa igualdade entre mulleres e homes.

Relacionados coas persoas beneficiarias

  • Un número de mulleres beneficiarias ou usuarias do contrato que non sexa inferior ao 50% do total.
  • Ao finalizar a prestación contractual, hase de presentar un informe con datos desagregados por sexo das persoas usuarias ou beneficiarias da prestación contractual.

A igualdade na contratación pública galega. Futuros pasos.

Desde a Xunta de Galicia estáse a avanzar nesta materia. De feito, o borrador do Proxecto de lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, no capítulo XI sobre Cláusulas de igualdade de xénero na contratación administrativa e no réxime autonómico de subvencións, indica que “cando se utilicen unha pluralidade de criterios para a adxudicación dun contrato incluirán entre eles, sempre que estea vinculado ao obxecto do contrato, polo menos, un dos seguintes criterios:

  1. a) eliminar as desigualdades entre o home e a muller no mercado de traballo e favorecer a aplicación de medidas, que non sexan de conciliación, que fomenten a igualdade entre mulleres e homes no traballo. 
  2. b) combater o paro que afecta as mulleres.”

As medidas de conciliación son obxecto dun criterio de valoración específico previsto na Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia. O criterio sobre a igualdade valorarase con polo menos o 10 % da puntuación máxima da oferta. De non alcanzar esa porcentaxe, ha de motivarse no expediente a atribución e non debe ser inferior ao 5 %. Para a súa valoración, a Administración terá en conta a existencia dun plan de igualdade na empresa que conteña as medidas obxecto de valoración e que se aplique á execución do contrato. Para acreditar a súa existencia e cumprimento, terase en conta, entre outros, a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade.”