Figuras relevantes na igualdade laboral: Lucía Freitas

Retomamos a sección dedicada a Figuras relevantes na igualdade laboral, cuxo obxectivo é visibilizar o labor de mulleres que lograron fitos importantes neste ámbito. Nesta ocasión, centrámonos na figura da recoñecida chef Lucía Freitas, gañadora de múltiples recoñecementos gastronómicos a nivel local, estatal e internacional, cun claro compromiso polas raíces e tradicións galegas e coa igualdade de oportunidades.

Quen é Lucía Freitas?

Lucía Freitas Rodríguez nace en Santiago de Compostela en 1982. Con tan só 19 de anos, trasládase a Bilbao para formarse na Escola Superior de Hostalaría de Artxanda (Bilbao) cos mellores profesionais do País Vasco. Continúa a súa etapa formativa en Barcelona, onde se forma en pastelería, bombonería e xeadería na Escola de Sobremesas do restaurante Espai Sucre (Barcelona) xunto a Jordi Butrón, Ramón Morató e Angelo Corvitto.

Tras adquirir unha formación diversa e de calidade comeza a súa traxectoria profesional traballando en diferentes restaurantes da xeografía española entre os que destaca o Celler de Can Roca (Xirona) onde traballa especialmente a pastelería da man de Jordi Roca, no restaurante “Bohío” (Illescas) especializado en carnes e casquería xunto a Pepe Rodríguez e posteriormente en Mugaritgz (Errenteria-Guipúscoa), unha aprendizaxe clave na súa traxectoria que inspirou considerablemente a filosofía que caracteriza a día de hoxe a súa cociña. Tamén traballou cos recoñecidos “Relais & Chateau” concretamente no restaurante “Tápies” (Lleida) como xefa de pastelería e no restaurante Bens d`Avall (Mallorca).

En 2009 volta a Santiago de Compostela para cumprir o seu soño de abrir un restaurante propio: A Tafona en Santiago de Compostela. O proxecto nace como unha casa de comidas cunha proposta diferencial máis elaborada. A tan só tres meses da súa apertura faise co primeiro premio no concurso de tapas da cidade (o máis prestixioso de Galicia e que conquistou 5 veces máis). O restaurante actualízase en 2017, cara a un concepto máis particular, con tan só 5 mesas e un menú que cambia a diario, e consegue a súa primeira estrela Michelin en 2018, cun discurso vinculado á orixe e ao ADN da tradición e cultura galegas.

En 2016, Freitas obtén o segundo posto no concurso nacional “Cociñeiro do Ano” e en 2017 pon en marcha o seu proxecto “Tomiño” en Nova York, un paso cara á internacionalización da súa cociña galega máis tradicional coa que consegue en 2018 o prestixioso premio “Bib Gourmand”.

Tamén en 2017 abre o seu segundo restaurante no Mercado de Abastos da cidade compostelá, LUME é un novo concepto de barra gastronómica na que cociñar sen etiquetas, “slow food a lume de carozo”. Este proxecto foi un punto de inflexión na carreira da chef e posicionouna como unha das mellores empresarias gastronómicas en España.

Fotografía: nove.gal

Por que é tan importante a súa contribución á igualdade laboral?

A traxectoria gastronómica de Lucía Freitas estivo sempre vinculada a un discurso pola igualdade e a visibilización das mulleres como peza clave na cultura e gastronomía de Galicia.

Co seu proxecto social, cultural e gastronómico “Amas da Terra” reflexiona sobre quen crearon, gardaron, transmitiron e produciron o receitario identitario, o alimento e a cultura culinaria. As Amas da Terra simbolizan a custodia e o legado dunha forma de cultura e de vida: a gastronomía. O proxecto pon rostro, nomes e apelidos ás mulleres que sosteñen a nivel sociolóxico, emocional e gastronómico a cultura e a identidade de Galicia. Este proxecto pretende ser un exercicio de empoderamento e xustiza co que dar visibilidade a todas as mulleres que forman parte do ecosistema gastronómico e produtivo en Galicia e que a miúdo, están invisibilizadas. Como parte deste proxecto, Freitas xunto á cineasta Xisela Franco realizan unha serie de documentais sobre “as mulleres que sosteñen a gastronomía deste país”. Á súa vez, a iniciativa tamén construíu unha rede que da visibilidade e conecta a produtoras e artesás de diferentes sectores. Actualmente, a iniciativa conta co apoio da Rede de Polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta de Galicia e promove xornadas e formacións en diferentes lugares do territorio para contribuír á dinamización do talento e a creación de redes de mulleres emprendedoras no rural galego.

De xeito complementario, Freitas aposta por un equipo maioritariamente feminino nos seus restaurantes, coa intención non só de xerar emprego de calidade para multitude de mulleres, senón tamén de promover unha contorna que inspire a outras mulleres para romper os teitos de cristal e mostrar que outros xeitos de emprendemento e liderado son posibles.

Á súa vez, Lucía Freitas converteuse nun referente na alta cociña, un sector historicamente masculinizado, onde máis aló dos seus múltiples galardóns, construíu un proxecto propio con identidade clara; unha gastronomía profundamente enraizada na horta, o produto local e o territorio galego. Ademais, a chef destaca polo seu emprendemento e liderado empresarial e o seu compromiso coa igualdade, creando espazos laborais inclusivos e construíndo pontes entre emprendedoras, traballadoras e artesás de distintos sectores. A súa figura vincúlase tamén ao mundo da formación e a divulgación, como voz respectada pola súa visión dunha cociña comprometida co territorio, a sustentabilidade e o papel da muller na gastronomía.