A profesión de axente de igualdade

A Lei 7/2023, de 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia no seu artigo 103 recolle a intención da Xunta de Galicia de establecer regulamentariamente a formación e experiencia esixidas para a acreditación como axentes de igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes.

Nestes momentos, este desenvolvemento normativo en Galicia, está á espera de coñecer o contido da futura norma estatal que definirá esta figura. Entre o 15 de setembro e o 15 de outubro de 2025, o Ministerio de Igualdade do Goberno de España abriu unha “Consulta pública previa sobre a proposta de Lei pola que se regula o exercicio da profesión de Axente de Igualdade” coa intención de recoller as achegas das persoas e das organizacións máis representativas a nivel estatal, potencialmente afectadas pola futura norma que regulará a profesión de axente de igualdade. Este proceso iníciase en cumprimento do ordenamento xurídico estatal e europeo relativo ao test de proporcionalidade antes de adoptar novas regulacións de profesións.

A consulta marca o inicio do proceso da creación dunha norma específica para a profesión de axente de igualdade co obxectivo de:

  • Regular a profesión de axente de igualdade.
  • Concretar as funcións e competencias a desenvolver por este perfil profesional.
  • Definir a formación e/o as condicións de acceso

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia no seu artigo 103 tamén recolle a intención da Xunta de Galicia de establecer regulamentariamente a formación e experiencia esixidas para a acreditación como axentes de igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes.

No ano 2024 o Observatorio das Ocupacións do Servizo Público de Emprego Estatal identifica 273 persoas rexistradas como demandantes de emprego de axentes de igualdade e 629 persoas que foron contratadas para cubrir este rol. Máis aló destas cifras, hai un amplo colectivo de persoas que traballa no campo da igualdade en diferentes sectores, con formación, experiencia e responsabilidades dispares. Polo tanto, esta futura norma situarase como unha aposta imprescindible para a protección dun interese público esencial como é a igualdade entre mulleres e homes.

Evolución da profesión de axente de igualdade

Na publicación “Situación da Figura de Axente de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes en España e propostas para unha Certificación Profesional” elaborada pola Federación Estatal de Asociacións Profesionais de Axentes de Igualdade de Oportunidades (FEPAIO) e editada polo Instituto das Mulleres, Ministerio de Igualdade, no ano 2011, sitúan algunha das primeiras aparicións da figura de axente de igualdade en Estados Unidos, baixo a nomenclatura de Axente de Igualdade de Oportunidades, incluído no Catálogo de Titulacións Ocupacionais desde 1977, cun rol profesional encargado de levar a cabo programas de igualdade de oportunidades no emprego, destinados a mulleres e a minorías étnicas.

Hoxe en día a Unión Europea non conta cunha regularización específica para axentes de igualdade. Con todo, si existen dúas directivas europeas que regulan a igualdade de mulleres e homes a nivel laboral e a non discriminación no acceso a servizos, a Directiva (UE) 2024/1499 e a Directiva (UE) 2024/1500 que recollen as normas relativas aos organismos de igualdade en materia de seguridade social e no acceso a bens e servizos e a igualdade de oportunidades en materia de emprego e ocupación respectivamente. Destaca dentro da UE as políticas públicas en Alemaña, onde as denominadas “Gleichstellungsbeauftragte” (responsables de igualdade) contan cunha lei propia que define a súa figura e regula os seus dereitos e obrigacións.

En España, a figura de axente de igualdade aparece a partir dos anos 80. Desde ese momento, fixéronse numerosos esforzos para acordar unha definición común do perfil. Nestes anos tamén se avanzou substancialmente na consecución da igualdade real entre mulleres e homes, eliminando desigualdades fronte a lei, con accións positivas e incluíndo políticas de igualdade de forma transversal nas políticas públicas. Este progreso levouse a cabo en gran parte grazas ao traballo imprescindible de profesionais que actuaron como axentes de igualdade en diversos contextos.

A chegada da Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes foi no seu momento un marco lexislativo imprescindible para avanzar cara unha igualdade real entre mulleres e homes. A Lei Orgánica 2/2024, do 1 de agosto, de representación paritaria e presenza equilibrada de mulleres e homes na súa disposición final sexta, incorpora á Lei Orgánica 3/2007, tras case 20 anos de vixencia, a disposición adicional trixésima segunda “Regulación do acceso á profesión de axente de igualdade”, onde se menciona a necesidade de contar “cun título de grao, posgrao ou equivalente do ámbito de coñecemento de estudos de xénero, estudos feministas e políticas públicas de igualdade” para acceder á profesión.

O avance na lexislación evidencia a vontade do colectivo lexislador de profesionalizar e homoxeneizar a profesión, poñendo en valor esta figura que salvagarda, deseña e pon en marcha políticas de igualdade e non discriminación por razón de sexo e xénero, medidas imprescindibles na consecución da igualdade real entre mulleres e homes.

Que sabemos da futura lexislación?

A convocatoria de consulta pública adiántanos algúns dos detalles clave deste proceso e futura norma:

  • A consulta pública convocada é para a elaboración dunha norma que terá rango de Lei.
  • Crearase un título universitario oficial para “axente de igualdade”.
  • Habilitarase unha vía transitoria excepcional para acreditar como “axentes de igualdade” a quen conte con experiencia profesional previa en funcións equivalentes ou a quen acredite a formación requirida para exercer.

Por que é importante profesionalizar a figura de axente de igualdade?

Existe unha urxencia por homoxeneizar o perfil de axente de igualdade e asegurar unha definición e uns estándares de calidade comúns, para garantir a igualdade real de oportunidades entre mulleres e homes.

Definir cal é a función dun axente de igualdade e cales son os requisitos de acceso á profesión, permitirá garantir a calidade do servizo, realizar un seguimento correcto das políticas de igualdade e transmitir unha maior confianza ao sector e á sociedade, grazas á existencia dunha maior regulación, control e uns estándares e competencias comúns. Á súa vez, isto dotará ás persoas traballadoras dunha protección laboral e unha seguridade xurídica específica para o seu rol.

Traballar baixo un marco común, permite construír unha narrativa conxunta, baixo unha mesma ética e código de conduta profesional. Esta profesionalización tamén fomenta a mellora continua, o recoñecemento público e a creación dunha identidade laboral.

É precisamente a existencia de lexislación relacionada e o perfil profesional homoxéneo o que favorece a aparición de comunidades ou redes profesionais que intercambian saberes, metodoloxías e experiencias. Isto contribúe a dar visibilidade e credibilidade á profesión, fomenta a innovación e a transformación no ámbito da igualdade e multiplica o impacto.

Desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais entendemos que profesionalizar o perfil de axente de igualdade ofrécenos un marco normativo e conceptual baixo o que impulsar políticas de xénero innovadoras, mentres se garante a calidade das accións e se visibiliza un perfil profesional imprescindible para conseguir a igualdade laboral real entre mulleres e homes.