Certificación Galega de Excelencia en Igualdade

O pasado 29 de outubro, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, publicou no Diario Oficial de Galicia o Decreto 96/2025, do 6 de outubro, polo que se regula a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade e o Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade. Este documento ten por obxecto a regulación da concesión, utilización, renovación e perda da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, dos dereitos, facultades e obrigas derivadas da súa obtención, así como a creación e regulación do Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade.

Proximamente, publicarase a orde que determinará a puntuación mínima a acadar polas empresas e entidades e o método de valoración e ponderación dos criterios de igualdade.

Con esta norma, dáse cumprimento ao establecido na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que recolle na súa Sección 5ª. A Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, unha serie de requisitos e características básicas que, non só serviron como antesala para introducir este distintivo e regular algunhas das súas características, senón que tamén puxeron de manifesto a intención da Xunta de Galicia de impulsar esta iniciativa como ferramenta para alcanzar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes no contexto laboral.

Requisitos e criterios para a obtención da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade

Tal e como se regula na a Lei 7/2023, poderán solicitar a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade as empresas, de carácter público ou privado, e as entidades do terceiro sector que teñan o seu domicilio social en Galicia ou que conten con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación aberta na nosa Comunidade Autónoma, sempre que teñan persoal contratado nelas.

As organizacións desta natureza, tamén terán que cumprir os requisitos que se recollen no artigo 4 do Decreto 96/2025 que inclúen cuestións como: contar cun plan de igualdade negociado e rexistrado no Rexistro e Depósito de Convenios Colectivos, Acordos Colectivos de Traballo e Plans de Igualdade e ter implantadas como mínimo o 25 por cento das medidas, presentar un informe de seguimento e avaliación do plan, acreditar unha composición equilibrada de mulleres e homes no Consello de Administración ou organismo similar, ter como mínimo 6 persoas contratadas en Galicia e subscribir un compromiso explícito en materia de igualdade de oportunidades, entre outras.

Ademais dos criterios incluídos no artigo 4, é imprescindible que as organizacións alcancen polo menos a puntuación mínima establecida nos criterios de igualdade. Estes criterios, que se atopan recollidos no artigo 5 do Decreto 96/2025, analizan, entre outras, características como:

  • A implantación de procesos de selección e contratación baixo perspectiva de xénero.
  • O deseño dun plan de carreira que contemple o acceso de mulleres a postos masculinizados e viceversa.
  • A contratación dun perfil experto en materia de igualdade.
  • A adquisición de certificacións de responsabilidade social empresarial.
  • A adopción de medidas concretas que amplíen o marco legal e convencional en materia de corresponsabilidade e conciliación da vida familiar e laboral.
  • A oferta de accións formativas en materia de igualdade.
  • A realización de actuacións de visibilización, sensibilización ou captación de persoas traballadoras para alcanzar unha representación equilibrada.
  • O impulso dunha oferta formativa para facilitar o acceso a persoas do sexo menos representado a postos infrarrepresentados.
  • A existencia dunha axeitada representación de mulleres e homes en todos os grupos e categorías profesionais.

Como obter ou renovar a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade?

O proceso para obter ou renovar a Certificación debe realizarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no procedemento TR357E. Este proceso iniciarano voluntariamente as organizacións que cumpran todos os requisitos e deberán entregar a documentación solicitada, así como aceptar a comprobación de datos por parte da administración competente.

A Certificación terá unha vixencia inicial de catro anos e poderá renovarse sucesivamente por períodos de catro anos a condición de que a organización continúe cumprindo os requisitos e entregue a documentación pertinente nos prazos estipulados (nos trinta días naturais anteriores á data de expiración).

Dereitos, facultades e obrigacións derivados da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade

As entidades que obteñan o distintivo conta cos seguintes dereitos ou facultades:

  • A utilización do logotipo da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade.
  • A publicidade e difusión institucional, por parte da consellería competente, das organizacións que obtivesen a Certificación.
  • A valoración da Certificación como criterio obxectivo para adxudicar subvencións cando así o establezan as bases reguladoras.
  • A valoración da Certificación no ámbito da contratación pública como criterio de desempate entre dous ou máis ofertas cando o establezan os pregos.

Á súa vez, deben de cumprir coas seguintes obrigacións:

  • Deberán promover activamente a igualdade efectiva de mulleres e homes.
  • O distintivo deberá reproducir con exactitude o logotipo da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade.
  • O distintivo deberá ir asociado ao nome da organización distinguida, con código de inscrición no Rexistro e co ano de concesión ou de renovación.
  • O uso do distintivo deberá axustarse aos límites temporais da vixencia inicial ou renovacións da súa concesión.

Creación do Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración tamén creará un rexistro público de carácter administrativo, no que se inscribirá de oficio por parte da administración competente ás organizacións que conten coa devandita certificación.

Por que é importante a creación deste distintivo e o seu correspondente rexistro?

A creación da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ven motivada por unha banda pola necesidade de cumprir coas súas obrigacións regulamentarias, atendendo ao recollido no artigo 111 na Sección 5ª da Lei 7/2023, á vez que para conseguir alcanzar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes no ámbito laboral, tal e como recollen as disposicións xerais do Decreto 96/2025.

Espérase que este distintivo contribúa de xeito significativo a visibilizar o traballo daquelas organizacións galegas ou con sede en Galicia, que asumen un compromiso transversal coa igualdade laboral entre mulleres e homes. Á súa vez, esta Certificación incentivará ás empresas que actualmente non cumpren os requisitos solicitados, a implementar cambios estruturais no ámbito da igualdade de xénero, que lles permitan acceder á obtención do devandito distintivo.

Un dos aspectos máis relevantes do distintivo, é a inclusión da súa valoración como criterio obxectivo para adxudicar subvencións, así como a súa utilización como parámetro de desempate no ámbito da contratación pública. Un criterio especialmente valorado polas organizacións, que acelerará a implementación de accións en materia de igualdade naquelas empresas ou entidades que actualmente non se cualifican para a obtención da Certificación.

Desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais animamos e recomendamos ás empresas e entidades do terceiro sector galegas a que obteñan a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade para dar visibilidade ao seu compromiso coa igualdade laboral. Para asesoralas neste proceso, publicaremos na web de igualdade laboral todas as novidades relacionadas co procedemento de obtención e renovación da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade (prazo, documentación necesaria…).