Figuras relevantes na igualdade laboral: María Dolores Fernández Galiño

Retomamos a sección dedicada a Figuras relevantes na igualdade laboral, cuxo obxectivo é visibilizar o labor de persoas que lograron fitos importantes neste ámbito. A diferenza doutras ocasións nas que se visibiliza o traballo de personalidades históricas, neste caso farase coa figura da maxistrada, avogada-fiscal e actual Valedora do Pobo de Galicia, María Dolores Fernández Galiño, unha muller comprometida co feminismo de forma transversal e defensora da lingua e a cultura galega como cuestión identitaria a salvagardar. 

Quen é María Dolores Fernández Galiño?

María Dolores Fernández Galiño nace no Carballiño en 1963. Licenciada en Dereito e Diplomada en Práctica Xurídica ambas pola Universidade de Santiago de Compostela en 1986. En 1989 supera as oposicións de ingreso na carreira xudicial e fiscal e o seu primeiro destino sitúase no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 1 de Ponteareas entre 1990 e 1992, posteriormente ascende a categoría de maxistrada no Xulgado do Social nº 2 de Pontevedra, onde exerce entre 1992 e 2001. O seu seguinte destino sitúase nos xulgados da Coruña na Sección 2ª da Audiencia Provincial. Ten recoñecida a especialidade en Dereito Civil de Galicia.

Máis aló da súa traxectoria como maxistrada, Fernandez Galiño realizou diferentes estudos e investigacións vinculados ao dereito laboral con perspectiva de xénero. Baixo esta temática publicou diferentes artigos ao redor das relacións laborais e a igualdade de xénero e impartiu formación para institucións e colectivos diversos. Destacan entre outros o artigo “Prexuízos de xénero nas relacións laborais” publicado na Revista Dereito Social e Empresa ou “Xudicatura, avogacía e igualdade de xénero” artigo publicado en IQUAL. Revista de xénero e igualdade, ambos os textos en co-autoría con José Fernando Lousada Arochena.

Actualmente, atópase en situación de excedencia do seu posto como avogada-fiscal nos Xulgados da Coruña porque está a exercer como Valedora do Pobo de Galicia, un posto de responsabilidade, que asume cun gran compromiso desde 2019.

Durante o seu nomeamento como Valedora do Pobo de Galicia, Fernández Galiño, presentaba un decálogo para atender de raíz á loita polos dereitos humanos. A actual Valedora sitúa o feminismo como insignia do seu mandato, con especial atención á violencia de xénero, a colectivos económico e socialmente vulnerables e lembra a obrigación das administracións públicas de erradicar a discriminación por razón de sexo ou xénero, raza e etnia, das persoas LGTBI, das persoas mozas e da terceira idade.

Valedora do Pobo, creación e relevancia estratéxica da institución

A posibilidade da creación dunha institución similar á do Defensor do Pobo en Galicia, recóllese por primeira vez no Estatuto de Autonomía de Galicia no seu artigo 14, a organización finalmente escolle ao seu primeiro Valedor en 1990 e opera baixo as medidas recollidas na Lei 6/1984, do 5 de xuño, da Valedora do Pobo. Os seus obxectivos principais inclúen:

  • Garantir o cumprimento dos dereitos humanos.
  • Supervisar a actuación da administración pública.
  • Resolver as queixas da cidadanía.
  • Investigar de oficio supostos de mala administración.
  • Control de transparencia:
    • Responder ás consultas formuladas polas administracións e institucións públicas.
    • Adoptar recomendacións (ouvida a Comisión da Transparencia) para o mellor cumprimento da lei.
    • Asesorar sobre o acceso á información pública e o bo goberno.
  • Velar pola igualdade de trato e a non discriminación de persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuales de Galicia.
  • Defender os dereitos sanitarios da cidadanía galega.
  • Defender con carácter específico os dereitos da infancia e da adolescencia.

Por que é tan importante a súa contribución á igualdade laboral?

Como maxistrada, María Dolores Fernández Galiño sempre asumiu a perspectiva de xénero como cuestión transversal na súa xudicatura. Á súa vez, dedicou parte do seu tempo a investigar e divulgar contidos sobre relacións laborais, xudicatura e perspectiva de xénero, publicacións que se recolleron en diversas revistas científicas. Actualmente, na súa posición como Valedora do Pobo, sitúa o feminismo e a igualdade de xénero como un dos principios reitores da institución, cunha aplicación transversal nas diferentes iniciativas.

Polo tanto, é importante a contribución de Fernández Galiño en relación á igualdade laboral especialmente en territorio galego, dado a que pola súa posición debe facer recomendacións a órganos públicos e actuar como mediadora entre a cidadanía e as institucións públicas, neste proceso, é imprescindible que a perspectiva de xénero xogue un papel clave. Á súa vez, dado o seu perfil profesional, os coñecementos xurídicos e técnicos de Fernández Galiño en materia de lexislación laboral e de igualdade facilitan unha programación e un know-how óptimo para o desenvolvemento do seu rol actual. A súa figura é relevante xa que o seu traballo ten un impacto no presente das mulleres traballadoras galegas, e desde a súa posición pode abrir canles de comunicación directos e significativos con institucións que contribúan a mitigar as desigualdades entre mulleres e homes no contexto laboral.

No seu posto como Valedora do Pobo, ademais de múltiples suxestións, recordatorios e reclamacións que a institución interpuxo durante o seu mandato contra outras administracións (pódese atopar esta información na sección de Resolucións da web da Valedora do Pobo), tamén creou un novo espazo de divulgación baixo o título “Falemos de feminismo, onde continúa o seu labor de investigación e difusión iniciada na súa etapa como maxistrada. Esta sección ten como finalidade difundir o dereito á igualdade de mulleres e homes a través das opinións de persoas expertas, entre elas xornalistas, xuristas, escritoras, estudantes…Moitos destes artigos fan tamén referencia á igualdade laboral por exemplo o texto “Prexuízos de xénero nas relacións laborais e o seu incidente na evolución do Dereito do Traballo” escrito pola propia Dolores Fernández Galiño ou “Non me dá a vida para ser xornalista” de María Méndez.

María Dolores Fernández Galiño é unha figura especialmente relevante no noso contexto actual en relación á igualdade entre mulleres e homes en Galicia, xa que lidera unha institución clave para salvagardar os dereitos humanos e obriga a institucións a cumprir a lexislación vixente ao redor da igualdade. É importante que quen ocupe o posto de Valedora do Pobo, fágao desde unha mirada feminista, que estruture todas as áreas a través dunha perspectiva de xénero que poida ter un impacto directo na sociedade galega, facilitando que as mulleres progresen nas súas condicións laborais e na súa carreira profesional.