As empresas e as administracións teñen unha responsabilidade legal coas persoas traballadoras de velar pola súa seguridade e saúde no traballo (SST). Esta obrigación atópase recollida en multitude de textos lexislativos e a nivel estatal regúlase principalmente na Lei 31/1995, de Prevención de Riscos Laborais (LPRL) e no Real Decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos Servizos de Prevención. En 1995 e 1997, cando entraron en vigor estes textos, non existían referencias lexislativas, que atendesen á saúde laboral e á prevención de riscos con perspectiva de xénero. Nese momento, a maioría das medidas aplicábanse de forma xenérica, sen ter en conta os riscos biolóxicos e psicosociais que afectan de forma diferenciada a mulleres e homes, salvagardando exclusivamente a realidade biolóxica e reprodutiva da muller.
Non foi ata entrados os anos 2000 que se comezou a lexislar no campo da saúde e a prevención de riscos laborais con perspectiva de xénero. Empezando por organizacións internacionais como a Organización Internacional do Traballo (OIT) ou a Organización Mundial da Saúde (OMS), que publicaron diferentes estudos e recomendacións, e chegando ata aplicacións concretas na lexislación estatal e autonómica. A nivel nacional, a chegada da Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, obrigou a incluír a perspectiva de xénero e medidas para garantir a igualdade de mulleres e homes na saúde e no traballo en multitude de normas, entre elas a Lei 31/1995 (LPRL). Do contexto galego destacamos a Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 que incorpora a perspectiva de xénero e a igualdade laboral como un dos principios informadores de carácter transversal así como a publicación Pautas para a integración da perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais. Ferramentas para a súa integración do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) .
Por que habemos de incorporar a perspectiva de xénero á lexislación e políticas de prevención de riscos e saúde laboral?
A igualdade de xénero e a non discriminación por razón de sexo ou xénero, debe ser imprescindible na lexislación laboral xa que as diferenzas biolóxicas e psicosociais entre mulleres e homes xeran desigualdades no ámbito laboral, e afecta de forma directa á saúde das persoas traballadoras. Incorporar a perspectiva de xénero na PRL, facilita a identificación de prácticas laborais que poden estar a operar baixo nesgos de xénero, riscos aos que se están enfrontando as mulleres que non foron identificadas ou necesidades específicas que implican facer modificacións en postos de traballo para garantir o benestar das persoas traballadoras.

A publicación Pautas para a integración da perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais. Ferramentas para a súa integración elaborada polo ISSGA, contextualiza as principais desigualdades de mulleres e homes no contexto laboral:
- A cuestión distintiva biolóxica entre mulleres e homes, con especial protección ao embarazo e a lactación.
- A segregación horizontal do mercado laboral que sucede pola división por razón de sexo dos roles (moi vinculada aos estereotipos de xénero) que provoca que sectores como a construción, a industria ou a defensa sexan ámbitos masculinizados, mentres que o terceiro sector e o sector servizos son áreas laborais feminizadas.
- A segregación vertical do traballo, referida á ocupación de altos cargos e postos de liderado por homes e postos de menor responsabilidade e con poucas posibilidades de promoción por mulleres. Esta situación resulta nunha perda de poder adquisitivo para as mulleres así como unha baixa participación na toma de decisións, o cal continúa perpetuando estereotipos de xénero.
- A precariedade laboral feminina, cunha maior empregabilidade en postos a xornada parcial (en 2024 o 39,25 % dos contratos femininos corresponden a xornadas a tempo parcial, fronte ao 21,04 %, dos contratos asinados por homes), maior taxa de desemprego e desemprego de longa duración e salarios máis baixos pola súa ocupación en roles de menor “capacitación”.
- A “dobre xornada”, referida á combinación do traballo remunerado e o traballo doméstico e non remunerado que asumen a maioría de mulleres nos seus fogares. Esta situación ten un impacto negativo na vida das mulleres, que inclúe a carga física e mental de ambas tarefas, a fenda de tempo e oportunidades entre mulleres e homes que dificulta o descanso, as posibilidades de promoción e as desigualdades económicas que manteñen a fenda de xénero.
Desta forma, os traballos feminizados expoñen riscos de carácter ergonómico e psicosociais, que en moitas ocasións son complexos de identificar de forma directa xa que son multicausais, que se desenvolven a medio ou longo prazo, dificultando á súa vez o vínculo co contexto laboral. Os homes, con todo, enfróntanse maioritariamente a riscos de seguridade que están vinculados a unha maior porcentaxe de accidentes traumáticos.

Como aplicar a perspectiva de xénero na PRL da empresa?
Esta mesma publicación recolle unha guía de recomendacións con estratexias para aplicar a PRL con perspectiva de xénero. Algunhas das máis relevantes son:
- Implicar ás mulleres traballadoras no deseño de medidas preventivas específicas aos seus roles na empresa.
- Aplicación de medidas para a adaptación do posto de traballo a cada persoa aplicadas ao deseño dos lugares e postos, a selección de equipos, os métodos de traballo e a organización do mesmo.
- Medidas de protección individual adaptadas ás características anatómicas e fisiolóxicas das persoas traballadoras e tendo en conta o seu estado de saúde.
- Medidas de vixilancia e control que atendan á diversidade do persoal, tendo en conta factores biolóxicos, psicosociais e relacións laborais.
- Impulsar programas específicos que aborden os riscos aos que se expoñen as mulleres traballadoras.
Outra estratexia atopámola na ferramenta de traballo nº 10: Saúde e riscos laborais con perspectiva de xénero do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, que dentro do seu decálogo de boas prácticas recolle: “o Plan de Prevención de Riscos Laborais e o Plan de Igualdade, son dúas ferramentas básicas para garantir a incorporación da perspectiva de xénero no ámbito da seguridade e a saúde laboral, e a coordinación e interrelación entre ambos os plans é necesaria para a boa xestión da prevención.”
Desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais recomendamos incorporar as metas da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 que inclúe a perspectiva de xénero e igualdade laboral como un dos seus seis principios informadores de carácter transversal. Á súa vez, propoñemos revisar de forma regular os recursos e formacións facilitados polo ISSGA e incorporar a perspectiva de xénero nas políticas empresariais, incluíndo a prevención de riscos e seguridade e saúde no traballo, para construír realidades laborais seguras e igualitarias para mulleres e homes.