A formación e sensibilización en igualdade na contorna laboral son esenciais para promover un ambiente de traballo xusto e libre de discriminación. Entre as accións que se poden poñer en marcha, destacan cursos, xornadas, talleres e campañas de comunicación e concienciación. O obxectivo é fomentar a comprensión da importancia da igualdade de xénero e a diversidade entre as persoas traballadoras e as empresas, ademais de ofrecer ferramentas para detectar e evitar situacións de discriminación e acoso.
Neste sentido, o compromiso da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia coa formación en materia de igualdade concretouse de maneira máis directa na creación do campus en liña de igualdade laboral no ano 2021. O seu obxectivo é facilitar que calquera persoa interesada en formarse en igualdade laboral poida acceder a diversas xornadas, talleres e cursos formativos. A plataforma converteuse nun instrumento crave para promover a equidade entre mulleres e homes, conta xa con máis de 8.000 persoas usuarias e superou o centenar de accións formativas desde a súa creación. Con esta iniciativa, o goberno galego asumiu un papel fundamental na facilitación do acceso ao coñecemento sobre distintos aspectos relacionados coa igualdade laboral e as boas prácticas que fomentan a igualdade de xénero e a non discriminación por razón de sexo. Desta maneira, deu un paso máis no avance cara á consecución dunha igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.
O Campus en liña de igualdade laboral
O Campus en liña de igualdade laboral xurdiu como parte do compromiso da Xunta de Galicia coa formación e a sensibilización para promover a igualdade laboral entre mulleres e homes. Desde a súa creación, desenvolvéronse diversas actividades formativas que superarán as 120 o próximo xuño. A plataforma creouse con tres obxectivos fundamentais:
- As accións formativas plantéxanse coa finalidade de achegar a igualdade laboral á sociedade a través de conceptos e teorías, co fin de fomentar a reflexión e un cambio de actitudes e valores que promovan o fin das desigualdades laborais entre mulleres e homes.
- O enfoque pretende incorporar a igualdade laboral en todos os ámbitos da sociedade, facilitando ás persoas de diferentes ámbitos unha formación para incorporar a diversidade e a non discriminación na súa práctica profesional, de tal maneira que se impulse un tecido empresarial máis responsable e un emprego de calidade.
- O campus en liña ofrece material para que as persoas participantes poidan obter os coñecementos necesarios sobre a materia de maneira non presencial, optimizando a educación, en canto a tempo e organización, e adquirindo coñecementos básicos que lles permitan aplicar o principio de igualdade no seu exercicio profesional.
No que respecta á participación neste espazo formativo, destacan as persoas traballadoras por conta allea que ocupan postos técnicos ou directivos nas súas empresas. A maioría proveñen principalmente dos sectores de servizos profesionais, agroalimentario e industrial. As temáticas das propostas formativas son moi diversas: desde cursos sobre igualdade laboral ou acoso ata talleres sobre a realización de diagnósticos para os plans de igualdade ou outros aspectos normativos. En canto ás 26 accións formativas previstas para o primeiro semestre de 2025, van abordar distintas temáticas como o impulso da presenza feminina en empresas técnicas e tecnolóxicas ou a obrigación de implementar medidas de igualdade en organizacións con menos de 50 persoas traballadoras, entre outras.

Outros recursos en materia de igualdade laboral
Ademais do campus en liña, a Consellería conta cun banco de recursos para a formación e sensibilización en materia de igualdade:
- Ferramenta de autoevaluación en igualdade laboral nas empresas de Galicia.
- Diversas guías e estudos en materia de igualdade laboral, entre os que se atopan un documento con preguntas e respostas sobre os plans de igualdade, unha guía actualizada para a protección integral fronte a condutas contra a liberdade sexual e a integridade moral nas pemes, o estudo sobre a situación laboral do colectivo LGTBI en Galicia ou a guía para a elaboración dun plan de igualdad
- Repositorio xurisprudencial.
- Folletos da campaña “facendo igualdade” con temáticas diversas.
- Infografías e vídeos sobre igualdade laboral.
Beneficios da formación e sensibilización
A formación e sensibilización en materia de igualdade laboral ofrece múltiples beneficios, entre os que cabe destacar:
- Mellora do clima laboral. Unha contorna de traballo inclusiva e respectuosa promove a colaboración, impulsa a creatividade e aumenta a produtividade.
- Aumento da retención do talento. As persoas traballadoras séntense máis valoradas e motivadas nas contornas nas que se promove a igualdade, o que pode reducir a rotación de persoal.
- Mellora da reputación da empresa. A implementación de políticas e programas de igualdade demostra o compromiso da empresa coa responsabilidade social e a diversidade.
A formación e sensibilización en materia de igualdade laboral son fundamentais para promover unha contorna de traballo inclusiva, respectuosa e libre de discriminación. Estas accións permiten non só cumprir coa normativa legal, senón tamén fomentar unha cultura organizacional baseada na igualdade de oportunidades, o respecto e a posta en valor da diversidade. Ao sensibilizar ás persoas traballadoras sobre a importancia da igualdade, contribúese a reducir desigualdades, potenciar o rendemento e a satisfacción laboral e construír unha sociedade máis xusta e equitativa en todos os ámbitos laborais.