Investir nas mulleres: acelerar o progreso

Investir nas mulleres: acelerar o progreso é o lema escollido este ano pola ONU para celebrar o Día Internacional da Muller. Con este título, preténdese poñer o foco na urxencia de alcanzar a igualdade de xénero e o benestar da muller en todos os ámbitos. Só así se poderán xerar economías prósperas e xustas. Con todo, un dos principais desafíos para logralo en 2030, tal como establecen os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, é o financiamento en materia de xénero. Na actualidade, o déficit anual en medidas de igualdade de xénero chega aos 360.000 millóns de dólares. É dicir, de aquí a 2030, esa sería a cantidade necesaria cada ano para aspirar a completar os obxectivos establecidos na Axenda.

Neste sentido, son moitos os aspectos susceptibles de mellora en materia de igualdade laboral. A fenda de xénero en posicións de poder e liderado e nos salarios é aínda grande. Ademais, ao ritmo de progreso actual, a próxima xeración de mulleres seguirá dedicando unha media de 2,3 horas diarias máis que os homes ao traballo doméstico e de coidados non remunerado. Algo que continuará constituíndo unha fenda para alcanzar un desenvolvemento profesional similar ao masculino. Por outra banda, estímase que a proporción de mulleres en postos directivos seguirá sendo inferior á paridade mesmo en 2050. Por iso, o último informe sobre o avance nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible avoga por un enfoque integrado e holístico para promover a igualdade de xénero. Isto implica a colaboración de todas as partes interesadas e un respaldo financeiro sostido. A falta de investimento para lograr a paridade de xénero pon en risco toda a Axenda 2030 e de aí xorde a conmemoración desta edición do 8M.

Áreas fundamentáis para unha acción conxunta

As Nacións Unidas propoñen cinco áreas fundamentáis que requiren dunha acción conxunta para evitar que as mulleres queden atrasadas:

  • Entender que o investimento nas mulleres é unha cuestión de dereitos humanos. A igualdade de xénero segue a ser o maior reto en materia de dereitos humanos e investir nas mulleres é a pedra angular para crear sociedades inclusivas.
  • Loitar contra a pobreza. Desde o ano 2020, a pandemia, os conflitos xeopolíticos, os desastres climáticos e as turbulencias económicas incrementaron o número de persoas en situación de pobreza severa. De seguir esta tendencia, 342 millóns de mulleres e nenas poderían vivir por baixo do limiar da pobreza en 2030. Por tanto, é crucial actuar de inmediato para evitalo.
  • Poñer en marcha un financiamento transformador para a igualdade de xénero. As medidas de austeridade repercuten negativamente nas mulleres, xa que reducen o gasto público en servizos esenciais, políticas de coidados e protección social. É fundamental implementar medidas cun enfoque de xénero para mitigar a desigualdade.
  • Avanzar cara ao desenvolvemento sostible e unha sociedade do coidado. O actual sistema económico afecta de maneira desproporcionada ás mulleres, sobre todo a aquelas que se enfrontan a múltiples discriminacións. Ese é o motivo polo que a ONU leva tempo apostando polo avance cara a unha sociedade do coidado que preserve o medioambiente e a sustentabilidade, amplificando a voz das mulleres.
  • Apoiar os feminismos que impulsan o cambio. As organizacións feministas lideran a loita contra a pobreza e a desigualdade das mulleres. Para continuar co seu traballo, necesitan recursos e é necesario incrementar o apoio financeiro que reciben.

A necesidade dun enfoque de xénero no investimento no eido laboral

Alcanzar a igualdade de xénero sería un motor que multiplicaría e aceleraría o progreso, o crecemento económico e o desenvolvemento sostible. Con todo, non poderá lograrse sen os recursos necesarios e estratexias definidas para a asignación dos mesmos. Por exemplo, unha intervención para a xeración de emprego sen un enfoque de xénero poida que non aborde aspectos como as normas sociais ou as necesidades de coidado infantil que impiden ás mulleres participar de maneira igualitaria no mercado laboral. Sen obxectivos específicos en materia de xénero e sen o financiamento adecuado, este tipo de medidas poderían mesmo exacerbar as desigualdades en lugar de mitigalas.

A pouco máis dun lustro para chegar á meta proposta pola Axenda 2030, é crucial priorizar medidas e programas comprometidos coa eliminación da fenda de xénero e o empoderamento feminino. A igualdade de xénero é un obxectivo transversal a todos os obxectivos globais.

En Galicia, a nova Lei de Igualdade é un claro exemplo dos esforzos para lograr a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. De feito, entre os seus obxectivos inclúese integrar transversalmente a perspectiva de xénero no deseño e desenvolvemento das políticas públicas da competencia da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público. Ademais, ten un capítulo dedicado á promoción da igualdade de xénero nas políticas activas de emprego, cun artigo (116.2) que se centra naqueles colectivos de especial vulnerabilidade en relación á contratación de mulleres.

Este ano celébrase por primeira vez o 8M con esta nova normativa en vigor e espérase que sexa unha ferramenta que contribúa de maneira activa a lograr a igualdade real. Un ano máis, desde a Xunta de Galicia renovamos o noso compromiso de impulsar políticas e accións que axuden a reducir a fenda laboral, fomenten a conciliación, a corresponsabilidade e o recoñecemento do rol transformador que desempeñan todas as mulleres na nosa sociedade.