Perspectiva de xénero no acceso ás pensións

O sistema de pensións español conta con dúas categorías de pensións: contributivas e non contributivas. As pensións contributivas son prestacións económicas de carácter indefinido, que se manteñen ata o falecemento da persoa beneficiaria. Para acceder a elas, é necesario cotizar previamente á Seguridade Social durante un tempo mínimo, ademais de cumprir outros requisitos establecidos pola normativa.

Doutra banda, as pensións non contributivas están dirixidas a aquelas persoas en situación de necesidade que non dispoñen de recursos suficientes para o seu sustento. Estas axudas económicas poden outorgarse mesmo se a persoa nunca cotizou ou non alcanzou o período mínimo de cotización esixido para acceder a unha pensión contributiva.

As pensións non contributivas son xestionadas por cada Comunidade Autónoma, mentres que as contributivas son competencia do Estado. Estas últimas divídense en tres categorías: xubilación, incapacidade permanente e prestacións por falecemento.

Esta publicación analiza o impacto de xénero nas pensións contributivas; en concreto, nas pensións de xubilación. Cando unha persoa traballadora en activo, xa sexa por conta propia ou allea, alcanza a idade legal mínima para pasar a unha situación pasiva ou de inactividade, está a executar o acto administrativo que se coñece co nome de xubilación. Nese momento, ten dereito a percibir a prestación económica por xubilación, incluída en todos os réximes do sistema da Seguridade Social, e que trata de substituír as rendas do traballo por unha pensión vitalicia, única e imprescriptible.

Situación actual

Mensualmente, a Seguridade Social actualiza os datos estatísticos relativos ás pensións contributivas. Os datos máis recentes, corresponden ás pensións en vigor ao 1 de febreiro de 2025. En Galicia, 489.533 persoas perciben unha pensión de xubilación, das cales o 40% son da Coruña, o 32% de Pontevedra e o 14% de Lugo e Ourense, respectivamente. A pensión media de xubilación en Galicia é de 1.283,79 €/mes.

Para poder analizar o impacto do xénero sobre as pensións de xubilación, necesítanse coñecer os datos desagregados por sexo. Para iso, o Instituto Galego de Estatística, recolle que a pensión media de xubilación dos galegos é de 1.405,93€/mes, mentres que a das galegas é de 1.110,41€/mes. Isto implica que a fenda retributiva nas pensións en Galicia é do 22%.

A desigualdade laboral ao longo da carreira profesional de homes e mulleres queda evidenciada na fenda existente na pensión de xubilación. Esta situación é extensible ao resto de tipoloxías de pensión, onde as contías colocan ás mulleres maiores nunha posición visiblemente peor que a dos homes maiores.

Hai que ter en conta que as pensións son un reflexo da carreira de cotización dos traballadores e traballadoras. Así que a parcialidade existente nos contratos femininos (ao longo da vida laboral pero, en concreto, na idade anterior á xubilación) fan que o salario e o tempo de cotización (factores que máis inflúen no nivel de protección que se alcanza dentro do sistema) sexan menores nas mulleres que nos homes. O salario e o tempo de cotización tamén están afectados polos paróns na carreira profesional debido aos coidados de familiares ou o emprego de man de obra feminina en sectores precarizados.

Perspectiva de xénero nas pensións

Como se comentou ao longo desta publicación, a fenda de xénero nas pensións (en concreto na de xubilación) en España é unha manifestación das desigualdades estruturais que afectan as mulleres ao longo da súa vida laboral. Factores como a maior incidencia do traballo a tempo parcial, as interrupcións na carreira profesional debido ao coidado de fillas, fillos ou familiares dependentes e a segregación ocupacional en sectores de menor remuneración provocan que as mulleres acumulen menores cotizacións á Seguridade Social. Como resultado, ao chegar á xubilación, as súas pensións son significativamente inferiores ás dos homes, o que aumenta o risco de pobreza e exclusión social na vellez.

Para corrixir esta desigualdade, é imprescindible que as políticas públicas adopten un enfoque integral que contemple medidas como:

  • Desenvolver plans específicos para atallar a parcialidade no emprego feminino.
  • Flexibilizar os requisitos de cotización esixidos para acceder ás prestacións contributivas da Seguridade Social das traballadoras a tempo parcial.
  • Compensar os períodos de coidados no cálculo da pensión, a través dun recoñecemento de tempo cotizado dedicado aos coidados de familiares.
  • Ter en conta o traballo doméstico e de coidados para poder solicitar a anticipación da idade de xubilación, do mesmo xeito que sucede naqueles grupos ou actividades profesionais cuxos traballos sexan de natureza excepcionalmente perigosa, tóxica ou insalubre e acusen elevados índices de morbilidade, mortalidade ou a incidencia de enfermidades profesionais.

Pero non só as administracións públicas teñen que desenvolver políticas dirixidas a solucionar este problema. As empresas tamén poden implementar accións específicas. Entre outras:

  • Promocionar o traballo a tempo completo e a conciliación: moitas mulleres optan polo traballo a tempo parcial por dificultades para conciliar, as empresas poden facilitar opcións de flexibilidade horaria, teletraballo ou xornadas adaptadas sen que isto implique unha penalización económica ou profesional.
  • Contratar plans de pensións complementarios: implementar plans de pensións de empresa con contribucións adicionais para as persoas traballadoras con menores cotizacións históricas (como quen tivo interrupcións por coidado familiar) axudaría a compensar as desigualdades.
  • Desenvolver plans de carreira: fomentar a presenza de mulleres en postos de responsabilidade para contribuír a que haxa un equilibrio de xénero entre as persoas traballadoras de maior rango salarial.
  • Medidas para a corresponsabilidade: poñer en marcha incentivos para que os homes asuman máis permisos de paternidade e conciliación, reducindo o impacto negativo na carreira profesional das mulleres.

A introdución da perspectiva de xénero no acceso ás pensións non só é unha cuestión de xustiza social, senón tamén unha estratexia chave para garantir a sustentabilidade do sistema de pensións e fomentar unha sociedade máis igualitaria e cohesionada.