Cada trimestre recapitulamos as novidades máis reseñables en materia de igualdade laboral a nivel internacional, europeo, nacional e autonómico dos últimos meses. Unha sección na que se pode atopar información sobre normativa, axudas, estudos e informes, materiais de sensibilización etc., así como accións impulsadas por distintas entidades e organismos.
Nivel autonómico

CERTIFICACIÓN GALEGA DE EXCELENCIA EN IGUALDADE
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, publicou o 29 de outubro no Diario Oficial de Galicia o Decreto 96/2025, do 6 de outubro, polo que se regula a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade e o Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade. Unha norma que ten como obxecto a regulación da concesión, utilización, renovación e perda da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, dos dereitos, facultades e obrigacións derivados da súa obtención, así como a creación e regulación do Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade. Segundo presentou o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, o Decreto está dirixido a empresas e entidades do terceiro sector que teñan o seu domicilio social en Galicia ou que conten con axencia, sucursal, delegación, e que contratasen na Comunidade Autónoma de Galicia, como mínimo, a seis (6) persoas traballadoras de media nos seis meses anteriores á presentación da solicitude. A Certificación inclúese dentro das medidas da Xunta de Galicia para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a Responsabilidade Social Empresarial nas empresas galegas.
ESTRATEXIA GALEGA DE EMPREGO FEMININO
A Estratexia Galega de Emprego Feminino está na súa etapa final de redacción. Esta pioneira estratexia ten como obxectivo promover a incorporación, permanencia e progresión profesional das mulleres en ámbitos laborais masculinizados. Para a súa elaboración, cóntase con diversos grupos de traballo que reúnen perfís profesionais nos ámbitos de seguridade e emerxencias, obra civil, loxística, dirección xeral, deporte, industrias culturais e creativas, sector agrogandeiro, pesca e industrias agroalimentarias, entre outros. Unha vez se finalice o seu desenvolvemento, levarase á Mesa de Diálogo Social para abordar esta folla de ruta con patronal e organizacións sindicais.
GUÍA DE BOAS PRÁCTICAS: PREVENCIÓN DAS ENFERMIDADES DA VOZ NO ÁMBITO LABORAL
Especialistas en logopedia, medicina de traballo e persoal técnico en prevención de riscos laborais do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) elaboran a Guía de boas prácticas: Prevención das enfermidades da voz no ámbito laboral, atendendo de forma específica ás profesións de axentes de telefonía, colectivo docente, locutoras e locutores de radio e televisión e actrices, actores e cantantes. Segundo se recolle na guía, existe unha gran desigualdade por sexo na aparición de nódulos nas cordas vocais como enfermidade profesional, afectando ás mulleres en máis do 90 % dos casos, debido á feminización dos postos de traballo anteriormente citados. Esta iniciativa desenvólvese no contexto da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, en liña cos marcos estratéxicos europeo e español, que poñen o foco en seguir traballando para reducir as enfermidades profesionais.
5ª EDICIÓN DO PROGRAMA “QUE NON TE LÍEN, TI ELIXES”
Comezou a 5ª edición do programa “Que non te líen, ti elixes” impulsado de forma conxunta polas Consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que levará charlas que fomentan que as mulleres orienten a súa elección profesional en función das súas capacidades e intereses persoais, sen verse condicionadas por estereotipos ou prexuízos de xénero a 91 centros de educación secundaria. O proxecto ten como obxectivo continuar avanzando na presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados como o forestal, a construción, a automoción, o marítimo-pesqueiro, o do metal ou as TIC.

Nivel nacional
CONSULTA PÚBLICA AXENTE DE IGUALDADE
O Ministerio de Igualdade do Goberno de España ven de convocar unha “Consulta pública previa sobre a proposta de Lei pola que se regula o exercicio da profesión de Axente de Igualdade” coa intención de recoller as achegas das persoas e das organizacións máis representativas a nivel estatal, potencialmente afectadas pola próxima norma que regulará a profesión de axente de igualdade. Este proceso iníciase co obxectivo de regular a profesión de axente de igualdade, concretar as funcións e competencias a desenvolver por este perfil profesional e definir a formación e/ou as condicións de acceso necesarias. Por agora sabemos que a norma terá rango de Lei, que se creará un título universitario oficial para “axente de igualdade” e que se habilitará unha vía transitoria excepcional para acreditar como “axentes de igualdade” a quen conte con experiencia profesional previa en funcións equivalentes ou a quen acredite a formación requirida.
INFORME “INTEGRACIÓN DA PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS NOS PLANS DE IGUALDADE”
O Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) publica o informe técnico “Integración da prevención de riscos laborais nos plans de igualdade” co obxectivo de analizar como as empresas están a integrar a prevención de riscos laborais (PRL) dentro dos seus plans de igualdade. O informe técnico avalía cunha mostra aleatoria de empresas se se está incluíndo a prevención de riscos laborais nos plans de igualdade e como se aplica a perspectiva de xénero no ámbito da saúde laboral e a prevención de riscos. Tras a análise de resultados propóñense pautas para a súa integración dentro do proceso de negociación do plan de igualdade. O estudo encádrase no “Marco Estratéxico da UE en materia de saúde e seguridade no traballo 2021-2027” da Comisión Europea e na Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo.
Nivel internacional
INFORME OS DEREITOS DAS MULLERES 30 ANOS DESPOIS DE BEIJING
ONU Mujeres presentou o informe “Os dereitos das mulleres 30 anos despois de Beijing” durante a celebración da Conferencia de Líderes Mundiais sobre a Muller que tivo como obxectivo conmemorar o 30 aniversario da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing de 1995. O estudo avalía os avances conseguidos en materia de dereitos das mulleres nos últimos 30 anos e visibiliza as situacións desiguais de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en función do país de residencia.

INFORME DA ORGANIZACIÓN INTERNACIONAL DO TRABALLO (OIT) DA FENDA DE XÉNERO NAS LICENZAS PARENTAIS REMUNERADAS
A Organización Internacional do Traballo (OIT) publicou un estudo sobre a fenda de xénero nas licenzas parentais remuneradas, coincidindo coa conmemoración do 25 aniversario da adopción do Convenio sobre a protección da maternidade, 2000 (núm. 183). Unha oportunidade para poñer en valor os avances experimentados nos últimos 25 anos nas políticas relativas a licenzas parentais remuneradas, corresponsabilidade, conciliación da vida laboral e persoal, impulso do desenvolvemento infantil e o efecto positivo que isto tivo na participación das mulleres no mercado laboral e na súa independencia económica. A investigación, menciona a España como o único país a nivel mundial que non presenta fenda de xénero nas licenzas parentais remuneradas.
INFORME “AVANCES NOS OBXECTIVOS DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE. PANORAMA DE XÉNERO PARA O 2025”
Desde ONU Mulleres publican o informe “Avances nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Panorama de Xénero para o 2025”, no que analiza o progreso mundial cara á igualdade de xénero e o cumprimento de metas dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030. O documento achega información en relación aos avances en materia de igualdade nos ámbitos de actuación dos 17 ODS, proporcionando información de escala global que afecta a mulleres e nenas ao redor do mundo e analizando tendencias en función de continentes e países. No contexto laboral, o estudo pon o foco na necesidade de eliminar a fenda dixital entre mulleres e homes, en garantir o acceso ás novas tecnoloxías para mulleres e nenas, na representación de mulleres en postos de toma de decisións e en erradicar a discriminación por razón de sexo e xénero no lugar de traballo.