A chegada da Covid-19 ao noso país a principios de 2020, acelerou a chegada da dixitalización e do traballo remoto ás nosas vidas. Tras cinco anos de cambios na lexislación laboral e nos acordos empresariais, algo que parecía unha solución temporal dada a situación socio-sanitaria operativa, é agora una das modalidades laborais utilizadas por organizacións de diversas características a nivel global.
Segundo o informe Teletraballo 2024 elaborado polo Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade do Ministerio para a Trasformación Dixital e da Función Pública, a nivel europeo, España sitúa a súa incidencia en teletraballo por baixo da media da Unión Europea cun 14,3% fronte ao 22,1% de media na Unión. No primeiro trimestre de 2024 teletraballaban en España o 14,4% da poboación ocupada, un punto por encima que no mesmo trimestre do ano anterior. Desa porcentaxe, a maioría son mulleres que acumulan o 14,8% do traballo a distancia fronte ao 14% dos homes.
En Galicia, o 34,1% das empresas de 10 ou máis persoas empregadas permite o teletraballo, o que a sitúa no quinto posto entre as Comunidades Autónomas. Tamén está entre as que máis realiza reunións en remoto cun 57,9%. Os datos corresponden á enquisa sobre O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2023/2024 publicada en 2024 polo Instituto Nacional de Estatística.
Que impacto positivo xera o teletraballo?
Os beneficios asociados ao teletraballo son múltiples e repercuten de forma transversal no plano empresarial e na vida persoal das persoas traballadoras:
- Beneficios empresariais: redución de custos operativos (oficinas, subministracións…), menor absentismo laboral, atracción e retención de talento global, mellora da pegada de carbono e o compromiso coa sustentabilidade (evítanse desprazamentos e consumo de recursos na oficina).
- Beneficios para as persoas traballadoras: maior dispoñibilidade horaria e aforro económico ao evitar desprazamentos, maior flexibilidade horaria e de localización, facilidades na conciliación da vida persoal, familiar e laboral, redución do estrés.

Pode o teletraballo provocar novas desigualdades no contexto laboral?
A pesar de que o teletraballo pode ter un impacto positivo no ámbito laboral, tamén xera riscos e desigualdades que se acentúan no caso das mulleres traballadoras. Traballar desde a comodidade dos nosos fogares soa prometedor sempre que estes sexan espazos seguros e libres de perigos. A continuación recollemos unha serie de riscos e desigualdades por razón de sexo e xénero motivadas polo traballo en remoto:
- Hai menos mulleres traballadoras nos sectores que lideran o teletraballo: segundo o informe O mercado de traballo das ocupacións STEM en España 2024 elaborado polo Observatorio das ocupacións do Servizo Público de Emprego Estatal, no 4º trimestre de 2023, a cifra de persoas ocupadas en ocupacións consideradas STEM era de 1.750.700, das cales o 72,75 % foron homes e as 27,25 % mulleres. As mulleres que estudan graos universitarios STEM só alcanzan o 34,85 % e na FP STEM oscila entre o 8,80 % e o 14,89 % en función de se son graos medios ou superiores. O ámbito das TIC e da dixitalización é un dos sectores de maior crecemento na última década, á súa vez, é unha industria que lidera o desenvolvemento económico a nivel global, ofrecendo salarios e beneficios sociais altamente competitivos. Se atendemos aos datos do SEPE, identificamos unha desigualdade manifesta entre mulleres e homes ao redor de oportunidades laborais e de promoción en ocupacións STEM, o que á súa vez acentúa a fenda salarial por razón de xénero no teletraballo.
- A dobre xornada acentúase: se esta xa é unha desigualdade para todas aquelas mulleres que acoden fisicamente ao seu lugar de traballo, esta situación agudízase cando traballan desde casa. O tempo que antes se investía nos desprazamentos á oficina a miúdo remátase destinando ás responsabilidades familiares ou ás tarefas domésticas, o que provoca unha sobrecarga de traballo. Esta carga adicional pode levar ao esgotamento emocional, estrés ou fatiga, debido á dificultade de delimitar de maneira clara a esfera laboral da vida persoal.
- Riscos psicosociais: como o tecnoestrés, o illamento ou a falta de oportunidades de formación ou ascenso, son máis habituais nas mulleres e pódense ver acentuados ao traballar desde o fogar cando o teletraballo non se xestiona de forma adecuada por parte da empresa. O constante uso de tecnoloxías e a presión por estar sempre dispoñibles, pode levar a unha sobrecarga mental. As mulleres que teletraballan ven máis limitadas as súas oportunidades de colaboración, networking, participación en programas de formación ou en procesos de promoción dentro da empresa. Todos estes factores contribúen a unha sensación de soidade, esgotamento mental e desconexión da contorna laboral que pode impactar de forma directa o desenvolvemento laboral da persoa implicada, así como á súa saúde mental e física.
- Discriminación e acoso laboral por razón de sexo ou xénero en liña: o ciberacoso, ten un impacto directo na vida das mulleres que sofren acoso laboral a través de medios e plataformas dixitais. Este tipo de acoso ou discriminación maniféstase a través de comentarios sexistas ou despectivos, mensaxes non solicitadas con contido sexual, difamación en liña, exclusión, discriminación dixital ou violación da privacidade dixital. O illamento dixital e ambiental, así como as barreiras dixitais poden dificultar que as mulleres denuncien ante a empresa estas actitudes nocivas que teñen un impacto psicolóxico negativo significativo con cadros depresivos, estrés, ansiedade, trastornos do sono ou fatiga emocional entre outros.
- Risco para mulleres vítimas de violencia de xénero: para aquelas mulleres que conviven co seu agresor nun mesmo domicilio, os riscos vinculados ao teletraballo increméntanse. A exposición continua ao agresor, combinada co illamento social no traballo xera unha situación de risco e perigo constante, ten un impacto directo na vida da vítima, afectando a medio e longo prazo o seu benestar e integridade física.

O teletraballo, oportunidade para conseguir a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes
O teletraballo chegou para quedar e as empresas deben poñer especial atención no proceso de adaptación. As organizacións teñen unha serie de obrigacións lexislativas destinadas a garantir a igualdade de trato e a non discriminación entre mulleres e homes no ámbito laboral. Atendendo a esta lexislación, algunhas accións recomendadas serían:
- Garantir o dereito á desconexión dixital.
- Asegurar que a xestión das persoas que teletraballan se inclúa na PRL.
- Elaborar un ADT (acordo de teletraballo).
- Instaurar medidas preventivas específicas en materia de riscos psicosociais vinculados ao teletraballo.
- Promover a igualdade de oportunidades ao redor da formación e dos procesos de promoción, con especial atención ao persoal que teletraballa.
- Fomentar a conciliación da vida persoal e laboral (horarios flexibles, permisos de coidado…).
Estas medidas, favorecen que o teletraballo se presente como unha oportunidade para contribuír á igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e impulsan un novo modelo laboral cun importante potencial, pola súa flexibilidade, as súas oportunidades de conciliación e adaptabilidade ás necesidades de cada persoa. Isto propicia a consolidación de contornas laborais máis equitativas e saudables para todas as persoas traballadoras.