Retomamos a sección dedicada a Figuras relevantes na igualdade laboral, cuxo obxectivo é visibilizar o labor de persoas que lograron fitos importantes neste ámbito. Nesta ocasión, centrámonos na figura de Carmen de Burgos Seguí, escritora, xornalista, mestra, tradutora e defensora dos dereitos da muller. Tamén coñecida como Colombine, a autora asinou as súas obras baixo diversos pseudónimos, entre eles «Gabriel Luna», «Perico o dos Palotes», «Raquel», «Honorine» e «Marianela». Pertencente á Xeración do 98, é recoñecida como unha das figuras feministas máis importantes do seu tempo.
Quen foi Carmen de Burgos Seguí?
Carmen de Burgos Seguí naceu en Almería en 1867 e morreu en Madrid en 1932. Creceu nunha contorna familiar burguesa que apreciaba a educación e a cultura. Grazas a iso, recibiu unha formación de calidade, algo pouco común para as nenas do seu tempo, o que lle facilitou desenvolver desde moi nova a súa paixón pola literatura e a escritura. Aos dezaseis anos, casou con Arturo Álvarez Bustos, xornalista almeriense que herdou a imprenta do seu pai. En 1899, separouse e volveu á casa familiar, onde puido completar os estudos de maxisterio e, máis tarde, obtivo unha praza como mestra en Guadalaxara.

Durante eses primeiros anos como mestra, tentou publicar en Madrid os seus escritos sobre Almería, aínda que só logrou que algúns textos breves aparecesen na revista Madrid Cómico. Desde 1903, mantivo unha columna titulada «Lectura para mulleres» no Diario Universal, na que lle asignaron o pseudónimo de Colombine para ocultar a súa condición de muller nun campo dominado por homes. En 1909 instalouse en Madrid e comezou a escribir para varios xornais e revistas, cubrindo unha ampla gama de contidos, literarios, culturais e sobre temas sociais. É nese momento cando inicia unha relación sentimental con Ramón de la Serna, que se prolongou durante 20 anos.
O seu estilo claro e sincero fíxolle gañar popularidade entre o público. Inicialmente, dedicouse a temas relacionados con receitas de cociña e consellos de beleza feminina para logo penetrar en temas máis polémicos de reivindicación feminista como o divorcio, sobre o que chegou a publicar un libro en 1904. As súas ideas e opinións espertaron distintas reaccións. Entre quen lle mostrou o seu apoio, cabe destacar a persoas que conformaban a Xeración do 98 como Vicente Blasco Ibáñez, Pío Baroja e Miguel de Unamuno. Publicou tamén varias biografías e escritos de viaxes.

En 1921, publicou a novela curta titulada El artículo 438, na que avogaba pola modificación das leis que prexudicaban ás mulleres simplemente polo seu xénero. Ese mesmo ano, foi elixida presidenta da Cruzada de Mujeres Españolas. Liderou a primeira manifestación das sufraxistas españolas e, dous anos despois, dirixiu a Liga Internacional de Mujeres Ibéricas e Hispanoamericanas. En 1923, escribiu La malcasada, onde reflectía a súa propia experiencia de infelicidade matrimonial. Ademais, en 1927, publicou La mujer moderna y sus derechos, unha recompilación das súas contribucións ao feminismo, na que abordaba temas como o divorcio, o sufraxio universal, a capacidade intelectual da muller e a liberdade no amor. Morreu de maneira repentina en 1932 e ao seu enterro acudiron persoas relevantes da política e da intelectualidade da época. Clara Campoamor, xunto con varios intelectuais, pediu que se dese o seu nome a unha rúa de Madrid.
Por que é tan importante a súa contribución é igualdade laboral?
Carmen de Burgos foi a primeira muller en exercer como redactora profesional cun espazo propio na prensa, onde asinaba os seus artigos baixo pseudónimos. Na súa columna semanal abordou temas de especial relevancia para a muller e mantivo un compromiso firme coa reivindicación dos seus dereitos.
A súa obra literaria abordou temas profundamente feministas, como a emancipación da muller, a igualdade de xénero e a xustiza social. A través dos seus escritos, desafiou continuamente as normas sociais establecidas e avogou polos dereitos das mulleres. Foi unha fervente defensora do sufraxio feminino e participou activamente en diversos movementos feministas da súa época. O seu principal obxectivo era sensibilizar á sociedade acerca da violencia doméstica que sufrían as mulleres, promover a educación feminina e fomentar a súa independencia económica. Sostiña que as mulleres debían ter as mesmas oportunidades que os homes en todos os ámbitos e promoveu cambios sociais para lograr esa igualdade.
Carmen de Burgos foi unha pioneira ao romper as barreiras de xénero na literatura e o xornalismo en España. Cunha perspectiva innovadora e adiantada ao seu tempo, o seu activismo e a súa obra desempeñaron un papel esencial no avance dos dereitos da muller. Hoxe en día, segue considerándose unha fonte de inspiración para feministas e escritoras en todo o mundo, xa que a súa contribución á xustiza social e á igualdade de dereitos entre mulleres e homes supuxo unha peza fundamental na historia do feminismo.