Como todos os anos, o 3 de decembro, celébrase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Esta data foi proclamada como tal polas Nacións Unidas en 1992, co obxectivo de promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, así como sensibilizar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida. O lema elixido este ano é “Nada sobre nós sen nós”, que resalta a necesidade de potenciar o liderado das persoas con discapacidade para garantir un futuro inclusivo e sostible para todas as persoas.
Para lograr a inclusión social das persoas con discapacidade é necesario lograr aumentar a súa incorporación ao mercado laboral. As persoas con discapacidade, en particular as mulleres, enfróntanse a enormes barreiras actitudinais, físicas e da información que dificultan o goce da igualdade de oportunidades no traballo. En comparación coas persoas sen discapacidade, as persoas con discapacidade experimentan maiores taxas de desemprego e inactividade económica e están en maior risco de exclusión social.
Participación no mercado de traballo
Segundo datos da Enquisa de discapacidade, autonomía persoal e situacións de dependencia 2020 do Instituto Nacional de Estatística (INE), en España hai 4,38 millóns de persoas (94,9 de cada mil habitantes) con algún tipo de discapacidade, das cales un 59% son mulleres. Ademais, en relación co emprego, os datos mostran que o 35,3% das persoas de 16 a 64 anos con discapacidade oficialmente recoñecida en 2022 estaban activas. Esta taxa de actividade era 42,7 puntos inferior á da poboación sen discapacidade e aquí é onde realmente reside o problema. A día de hoxe seguen existindo grandes barreiras de acceso ao emprego das persoas con discapacidade.

Debullando estas cifras en función do sexo: o 36,3% das mulleres de 16 a 64 anos con discapacidade oficialmente recoñecida eran activos fronte ao 82,9% dos homes con discapacidade. O que mostra unha diferenza de 46,6 puntos porcentuais. Doutra banda, o 34% das mulleres de 16 a 64 anos con discapacidade oficialmente recoñecida eran activas fronte ao 73,2% das mulleres sen discapacidade. O que mostra unha diferenza de 39,2 puntos porcentuais. Existe, por tanto, unha fenda do 6% en relación coa taxa de actividade entre os homes e mulleres con discapacidade debido a que, aínda que as diferenzas porcentuais son menores, isto é debido a que tamén existe unha fenda de xénero do 12% entre as persoas con discapacidade. Esta fenda atópase tamén noutros indicadores relacionados co emprego. Así, existe unha fenda do 6% na taxa de emprego entre homes e mulleres con discapacidade e unha fenda do 5% na taxa de paro.
Así pois, estas cifran evidencian que é necesario avanzar cara a un mercado de traballo inclusivo que, desde o paradigma da igualdade de oportunidades e a non discriminación, aborde o emprego das persoas con discapacidade como unha oportunidade para toda a sociedade.
Segregación ocupacional
A segregación ocupacional (proceso polo cal os homes e as mulleres acceden ao mercado de traballo de forma diferenciada, con tendencias claras de posicionamento nuns determinados sectores de actividade) non é algo alleo ás persoas con discapacidade. Este fenómeno está detrás de situacións aínda existentes como a fenda salarial. Así pois, segundo os datos máis actuais do INE, o salario medio das mulleres con discapacidade en 2022 foi 20.898,9 euros fronte aos 22.938,4 euros dos homes con discapacidade.

Calidade no emprego
Un emprego de calidade é aquel que aposta por unha redución da precariedade e da temporalidade, mellorando a estabilidade das persoas traballadoras. Tras as reformas en materia de contratación introducidas pola Real Decreto-lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo, empézanse a ver certas melloras na calidade do emprego. Así, algúns datos que se poden atopar no estudo O Emprego das Persoas con Discapacidade do INE son:
- O 90,4% das persoas con discapacidade traballan como asalariadas (5,5 puntos máis que as persoas sen discapacidade).
- O 77,8% das persoas con discapacidade que traballaban por conta allea teñen contrato indefinido.
- O 81,9% das persoas ocupadas con discapacidade traballa a xornada completa (unha proporción inferior en case cinco puntos ás das persoas traballadoras sen discapacidade).
Participación, segregación ocupacional e calidade do emprego, son variables que mostran que aínda queda moito por andar no campo da igualdade laboral das mulleres con discapacidade.
Desde a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia desenvolvemos políticas destinadas a fomentar a actividade laboral do colectivo para favorecer a súa inserción no emprego ordinario, por exemplo o programa de incentivos á contratación por conta allea e á formación onde, ademais de favorecer a contratación de persoas con discapacidade, ofrécense axudas para a adaptación de postos de traballo de persoas con discapacidade. Desde aquí animamos a todas as empresas a contratar a persoas con discapacidade porque beneficia tanto á organización como ao conxunto da sociedade. Achega vantaxes competitivas, mellora o clima laboral e contribúe ao desenvolvemento inclusivo e sostible.