A igualdade entre mulleres e homes é un dereito recoñecido na Constitución Española. Con todo, as desigualdades de xénero seguen presentes en moitos ámbitos da vida; entre eles, no emprego. Fenómenos como a segregación ocupacional, a fenda salarial ou as dificultades de acceso a postos de responsabilidade para as mulleres seguen estando vixentes no mercado laboral. Estas realidades vanse construíndo aos poucos, a través do proceso de socialización. Por iso, a coeducación é unha ferramenta clave para avanzar neste campo.
A escola ocupa un papel central na vida das persoas, xa que non só transmite coñecementos, senón que tamén moldea actitudes, valores e expectativas. Dentro das funcións dos centros educativos, a orientación laboral con perspectiva de xénero convértese así nunha ferramenta imprescindible para garantir que as decisións do alumnado sobre o seu futuro profesional se baseen nas súas capacidades e intereses reais, e non nos estereotipos de xénero.
En España, a Lei Orgánica 3/2007 para a igualdade efectiva de mulleres e homes e a Lei Orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, establecen a obrigación de integrar a igualdade e a coeducación no sistema educativo. En Galicia, a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes avanza mencionando a obrigatoriedade de que o currículo educativo integre “a garantía da coeducación na Comunidade Autónoma de Galicia, dentro das súas competencias propias, dirixida ao libre desenvolvemento da personalidade sen barreiras de xénero e superando as desigualdades sociais”.
A publicación de hoxe analiza a relevancia de educar para traballar en igualdade, centrándose no papel da orientación laboral desde a escola.

Os centros educativos: espazos coeducativos
A coeducación pódese definir como unha proposta pedagóxica que da resposta á igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Vai máis aló de aplicar medidas sinxelas como compartir aulas, implica revisar os contidos, as metodoloxías, os espazos de socialización e os referentes para que todas as persoas atopen un espazo de desenvolvemento en igualdade.
Todo o sistema educativo debe estar impregnado con esta visión, debe ser transversal, para que as alumnas e os alumnos adquiran unha serie de valores que posibiliten unha participación na sociedade en igualdade de condicións.
A orientación profesional forma parte desta mirada coeducativa porque acompaña ao alumnado nun dos momentos máis importantes da súa vida: decidir o seu futuro académico e profesional.
Orientación profesional con perspectiva de xénero
A Lei Orgánica 3/2020 recolle que na educación secundaria obrigatoria e no bacharelato prestarase especial atención á orientación educativa e profesional do alumnado con perspectiva de xénero (artigo 22.2. Principios xerais da etapa e artigo 35.1. Principios pedagóxicos do Bacharelato, respectivamente). Ademais, a Lei Orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da Formación Profesional recolle unha definición de orientación profesional como o proceso de información e acompañamento na planificación persoal do itinerario formativo e profesional no marco do Sistema de Formación Profesional, que inclúe, polo menos, os seguintes ámbitos: posibilidades de formación profesional, elección dunha profesión, perfeccionamento, cambio de profesión, evolución do mercado laboral e oportunidades de emprendemento e desenvolvemento de habilidades para a xestión da carreira profesional (artigo 2).

Así pois, resulta evidente a importancia da orientación profesional dentro do sistema educativo. Un desenvolvemento deste apoio de orientación con perspectiva de xénero deberá:
- Deseñarse para axudar á detección e cuestionar os estereotipos. A través de titorías, actividades e cuestionarios, a orientación axuda a identificar crenzas que limitan, como “as nenas son mellores en letras” ou “os nenos encaixan mellor na enxeñería”. Unha vez visibilizadas, estas ideas poden ser desmontadas mediante información obxectiva e exemplos reais.
- Ofrecer referentes diversos. É fundamental que o alumnado coñeza mulleres enxeñeiras, científicas, políticas ou empresarias, así como homes que traballan na educación, a enfermería ou as artes. Ver que é posible percorrer camiños non tradicionais amplía os horizontes de elección.
- Promover un acompañamento individualizado. Cada alumna e alumno necesita apoio personalizado para tomar decisións informadas. A orientación non debe limitarse a ofrecer información sobre estudos e saídas laborais, senón tamén a fortalecer a autoestima e a confianza nas súas capacidades.
Desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia traballamos para implementar recursos de apoio aos servizos de orientación profesional dos centros educativos galegos, a través de iniciativas como Que non te líen! Ti elixes ou que complementan outras desenvolvidas pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional como Edureferentes.