Balance anual do Campus de Igualdade

O Campus Virtual de Igualdade Laboral da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia tivo un 2025 moi favorable, superando a cifra de 8.000 persoas rexistradas e un cómputo total de 137 accións formativas desde o seu arranque en 2021.

A través deste Campus Virtual, a Xunta de Galicia fortalece o seu compromiso coa igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, ofrecendo formación en materia de igualdade laboral de calidade e gratuíta, fomentando a igualdade de xénero real e a non discriminación por razón de sexo no tecido empresarial galego.

Este Campus ten como obxectivo sensibilizar á sociedade galega en materia de igualdade laboral para fomentar a reflexión e un cambio de actitudes e valores que promovan o fin das desigualdades laborais entre mulleres e homes, integrar a igualdade laboral en todos os ámbitos da sociedade e facilitar recursos para que as persoas poidan desenvolver coñecementos necesarios na materia para mellorar o seu desempeño profesional.

Por que escoller o Campus Virtual de Igualdade Laboral para a túa formación?

O Campus Virtual está aberto a todas as persoas que queiran mellorar a súa formación en materia de igualdade laboral independentemente de se traballan por conta allea, se son profesionais autónomas ou se se atopan en situación de desemprego. Esta formación contribúe a fortalecer o perfil profesional, fomenta o respecto e a reflexión persoal, desenvolve habilidades de liderado inclusivo, pódete converter nun axente de cambio para a túa organización, prevén situacións de discriminación e acoso laboral por razón de sexo e xénero e contribúe a construír contornas laborais máis xustas e inclusivas, onde a toma de decisións se realice con perspectiva de xénero.

Retrospectiva do 2025

Entre xaneiro e decembro de 2025 o Campus Virtual de Igualdade Laboral impulsou un total de 38 accións formativas, das cales 22 foron cursos de formación e 16 talleres vinculados á igualdade laboral.

No apartado de cursos de formación apostouse polas formacións esenciais do Campus Virtual, que son formacións de continuidade que manteñen o seu formato virtual combinando sesións asíncronas e outras en directo para favorecer a participación das persoas interesadas que poden realizar a formación ao seu propio ritmo, mentres se xeran oportunidades para intercambiar experiencias. Como novidade, incorporáronse dous novos cursos de valoración de postos de traballo, o rexistro e a auditoría retributiva.

Nas formacións de continuidade mantivéronse:

  • Curso sobre discriminación por xénero. Lexislación e xurisprudencia. Cunha duración de 15 horas celebrou en 2025 un total de 5 edicións, desde a 5ª ata a 10ª.
  • Curso teórico-práctico para a protección fronte ao acoso no traballo. Formación que require dunha dedicación de 15 horas e que celebrou o pasado ano 5 edicións, desde a 12ª ata a 17ª edición.
  • Curso básico en igualdade laboral. Supón unha dedicación de 8 horas por ser un curso de carácter introdutorio. O campus virtual acolleu 5 edicións desta formación que xa se atopa na súa 19ª edición.
  • Curso avanzado en igualdade laboral. Cunha duración de 35 horas, esta formación xa vai pola súa edición número 13 das cales 4 impartíronse en 2025.

Formacións novas:

Este ano incorporouse á selección formativa o Curso sobre valoración de postos de traballo, o rexistro retributivo e a auditoría retributiva. A formación púidose gozar en dous formatos, cunha duración de 67 horas celebráronse dúas edicións (unha delas comezou en novembro de 2024 e estendeuse ata abril de 2025) e unha edición con dedicación de 35 horas.

A formación estrutúrase a través de catro módulos cuxos contidos inclúen:

  1. Módulo 1. Contextualización e previos á igualdade retributiva
  2. Módulo 2. A valoración de postos de traballo
  3. Módulo 3. O rexistro retributivo
  4. Módulo 4. A auditoría retributiva

Talleres formativos:

De xeito complementario, as persoas que desexan comezar ou continuar a súa formación en igualdade laboral, tamén puideron apuntarse aos talleres formativos que se ofertan no marco do Campus Virtual. En 2025 impulsáronse un total de 16 talleres de entre 2 e 4 horas de duración que combinan as modalidades de presencial e streaming para favorecer a participación das persoas interesadas.

Estas formacións puntuais acollen temáticas diversas que atenden de xeito integral ás necesidades en materia de igualdade no lugar de traballo. Os contidos das formacións pódense distribuír nos seguintes apartados fundamentais:

  • Fundamentos de igualdade e perspectiva de xénero.
  • Marco normativo e negociación colectiva en igualdade.
  • Plans de igualdade.
  • Xestión de persoas e procesos empresariais con perspectiva de xénero.
  • Saúde laboral e prevención de riscos laborais.
  • Violencia de xénero e actuación no ámbito laboral.
  • Diversidade, inclusión e dereitos LGTBI.
  • Innovación tecnolóxica e enfoque de xénero no ámbito laboral actual.

Desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia facemos un balance moi positivo do alcance do Campus Virtual en Igualdade Laboral en 2025. En tan só 12 meses impartimos un total de 38 accións formativas que contribuíron ao desenvolvemento profesional e impulsaron a transformación do tecido empresarial galego para favorecer a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e para construír contornas de traballo máis inclusivas e respectuosas con todas as persoas. Desde a Secretaría avanzamos da man das empresas e das persoas para conseguir a igualdade real e efectiva no contexto laboral galego.