A igualdade laboral en sectores masculinizados, programa Galicia Emprega

Alcanzar a igualdade laboral real e efectiva é un desafío en todos os sectores, pero naqueles tradicionalmente masculinizados é un reto aínda maior e como sociedade debe ser abordado. A pesar dos avances sociais e lexislativos en materia de igualdade de xénero, en moitas profesións séguense contratando a poucas mulleres, por causas moi diversas entre as que se inclúen nesgos de xénero. Isto limita as oportunidades das mulleres en ámbitos tradicionalmente masculinizados. Para abordar esta problemática e outras relacionadas co emprego e a renovación xeracional, a Xunta de Galicia implementou o programa Galicia Emprega, unha iniciativa que busca incentivar a contratación de persoas desempregadas, especialmente daquelas pertencentes a colectivos con maiores dificultades de inserción laboral: mulleres, incluíndo ás mulleres en sectores masculinizados, persoas mozas, persoas paradas de longa duración, persoas emigrantes retornadas e estranxeiras, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión e maiores de 52 anos. O programa de 2025 conta cunha dotación de 19,7 millóns de euros e espera promover a contratación de aproximadamente 1.700 persoas desempregadas en Galicia o que representa un paso significativo cara á construción dun mercado laboral máis inclusivo e equitativo.

Programa de empregabilidade, Galicia Emprega

O programa de emprego Galicia Emprega consolidouse como un referente no impulso á contratación en Galicia. Entre 2018 e 2024, a administración pública destinou máis de 85,6 millóns de euros ao seu desenvolvemento, beneficiando a 8.223 empresas en toda a comunidade. Grazas a este investimento, lográronse formalizar 10.502 contratacións, contribuíndo á inserción laboral de colectivos prioritarios e ao fortalecemento do tecido empresarial galego nun contexto xeral complexo debido á crise da COVID-19 e de acontecementos xeopolíticos de envergadura, como a guerra de Ucraína.

A edición 2025 de Galicia Emprega, publicada na ORDE do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia emprega de incentivos á contratación na empresa ordinaria, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TR342C), ten como obxectivo principal fomentar a contratación indefinida e a tempo completo de persoas pertencentes a colectivos prioritarios nas políticas activas de emprego da Xunta, como persoas mozas, mulleres, persoas desempregadas de longa duración, maiores de 52 anos, persoas emigrantes retornadas e persoas estranxeiras, co propósito de aproveitar e reter o seu talento no mercado laboral galego. Esta convocatoria está dirixida a entidades empregadoras e empresas, incluíndo persoas autónomas, sociedades civís, entidades sen ánimo de lucro, centros especiais de emprego e empresas de inserción, que teñen de prazo ata o 30 de setembro para presentar as súas solicitudes por vía electrónica a través do formulario do anexo I da convocatoria que está dispoñible na sede dixital.

Impulso da contratación de mulleres en sectores masculinizados

As mulleres aínda enfrontan importantes barreiras para acceder e desenvolverse profesionalmente en sectores tradicionalmente masculinizados como o mar, a industria ou a construción. A falta de referentes femininos, os estereotipos de xénero e as dificultades para conciliar a vida personal, laboral e familiar limitan as súas oportunidades nestes ámbitos. Ademais, esta desigualdade tende a manifestarse tamén na segregación vertical, é dicir, mulleres que non chegan a postos de responsabilidade porque deben demostrar constantemente a súa valía en contornas onde persisten prexuízos sobre a súa capacidade e liderado. Por todo iso, apréciase a necesidade de potenciar programas para fomentar a presenza de mulleres en sectores masculinizados.

Na edición de 2025, o programa Galicia Emprega dá un paso máis aló na súa consolidación e inclúe novidades para desenvolver e impulsar a presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados cun investimento de 1,7 millóns de euros. Esta iniciativa está presente desde a convocatoria anterior onde se focalizou en sectores tecnolóxicos e industriais de alto valor engadido, entre os que se destacan o da información e comunicación ou en actividades científicas e técnicas. Nesta ocasión, o anexo II recolle de forma explícita os grupos ocupacionais que se consideran obxecto da convocatoria, entre os que se atopan ocupacións como a dirección e xerencia, enxeñerías, técnicas profesionais, bombeiras, persoal da construción, mecánicas, operadoras de maquinaria específica ou peóns e peoas.

A convocatoria contempla as contratacións indefinidas iniciais de persoas desempregadas con incentivos con distintas contías base, segundo o colectivo ao que pertenza a persoa contratada. No caso de contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas esta axuda para as entidades pode ser de 10.000€, que se incrementará nun 15% se se cumpre algún outro requisito, sendo acumulables entre si, entre os que se atopa que o centro de traballo estea situado nun concello rural. A contía máxima posible a subvencionar por cada persoa contratada de maneira indefinida é de 14.500€.

Ademais, contémplase a posibilidade de subvencionar o incremento de xornada de contratacións indefinidas, o incremento da duración anual dos contratos fixos descontinuos a un mínimo de 9 meses e a xornada completa e a adaptación dos postos de traballo ou pola dotación de equipamentos de protección persoal.

A igualdade laboral en sectores masculinizados segue sendo un reto no noso territorio, especialmente en ámbitos chave para Galicia como a industria, o mar ou a construcción, onde as mulleres enfrontan barreiras estruturais. Para impulsar a súa inserción no mercado laboral, e a doutros colectivos discriminados tradicionalmente, desenvolveuse este programa que ata finais de setembro espera consolidar o emprego de calidade para colectivos vulnerables en Galicia.