A igualdade laboral en Galicia a propósito do 25 de xullo

O 25 de xullo celébrase o Día de Galicia na nosa Comunidade Autónoma e non só é unha data para celebrar a nosa identidade e cultura, senón tamén unha oportunidade para reflexionar sobre os desafíos e avances na sociedade. Un dos temas máis necesarios e relevantes é a igualdade laboral nas empresas galegas para evitar as desigualdades entre as persoas traballadoras. Proba diso son os avances lexislativos que se produciron nos últimos anos, que puxeron o foco na planificación, desenvolvemento de medidas, avaliación e mellora en relación coa igualdade laboral.

Nas últimas décadas realizáronse numerosos esforzos por parte das empresas de Galicia, pero as disparidades de xénero, a fenda laboral e outros factores de desigualdade seguen presentes nas organizacións. A continuación búscase explorar a igualdade laboral nas empresas de Galicia e as medidas que o goberno galego puxo en marcha para o fomento da igualdade co obxectivo de construír un futuro máis equitativo para todas as persoas.

A igualdade nas empresas de Galicia

Segundo o informe “Valoración da igualdade laboral por xénero na empresa galega” realizado recentemente pola Cátedra Ardán, Consorcio da Zona Franca de Vigo e Universidade de Vigo, os datos demostran que aínda se debe seguir traballando para impulsar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes no traballo. As conclusións do informe evidencian “a distinta distribución de homes e de mulleres nas diferentes áreas funcionais da empresa. Este desequilibrio de xénero está presente tamén nos niveis xerárquicos e, en consecuencia, afecta as retribucións. Constátase, como en anos anteriores, que a proporción de mulleres diminúe a medida que se avanza nos niveis xerárquicos, así como nos tramos retributivos”.

Das medidas máis destacadas para implantar a igualdade na empresa atópase a elaboración e posta en marcha de plans de igualdade, que na actualidade é obrigatorio por lei para empresas de 50 ou máis persoas traballadoras. A este respecto o documento recolle que “é destacable que a porcentaxe de empresas que o implantou (36,1%) é superior ao de empresas con máis de 50 persoas en persoal (24,3%). Aínda que este non é o único requisito para que o plan de igualdade sexa obrigatorio, podería supoñer que unha parte das pequenas empresas estivesen a implantalo con carácter voluntario, demostrando así o seu compromiso coa igualdade de xénero no traballo”.

Medidas para o fomento da igualdade laboral en Galicia

A aposta da Xunta de Galicia polas políticas inclusivas, as relacións laborais e o fomento da igualdade laboral vén de longo e é continua. Nos últimos anos puxéronse en marcha medidas, programas, recursos e axudas para que as empresas da comunidade poidan adaptarse ás regulacións en materia de igualdade e seguir dando pasos máis aló da normativa vixente, convertendo a igualdade de oportunidades nun ámbito estratéxico e transversal dentro das organizacións. Entre as accións que se levaron a cabo máis recentemente por parte do goberno galego cabe destacar unha nova Lei de Igualdade, o fomento da igualdade a través de axudas e subvencións para pemes, persoas traballadoras autónomas con persoas traballadoras a cargo e medidas de prevención a través de formación gratuíta. A continuación detallamos as principais medidas postas en marcha:

  • A Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia púxose en marcha coa determinación de incorporar “á Comunidade Autónoma dunha regulación máis completa e adaptada á sociedade actual, sobre todo no relativo á posición que as mulleres e homes ocupan nela, e que permita definir un novo marco legal que sirva de instrumento integral para dar respostas novas no camiño cara á igualdade efectiva. Deste xeito reforzarase o compromiso da Comunidade Autónoma de Galicia en eliminar a discriminación entre mulleres e homes e en promover a igualdade de xénero”. A lei organízase en sete capítulos, sendo o Título III exclusivo da igualdade de mulleres e homes no emprego e relacións laborais.
  • O pasado xaneiro puxéronse en marcha as bases reguladoras do Programa de axudas e incentivos para pemes, persoas traballadoras autónomas con persoas traballadoras a cargo, para implantar a igualdade laboral, adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida persoal, familiar e laboral e para implantar sistemas de xestión de responsabilidade social empresarial (RSE). Estas históricas axudas tiñan un orzamento total de 1.400.000,00 € para a anualidade actual e contaron cunha liña específica para a elaboración e implantación de plans de igualdade.
  • Así mesmo, a aposta pola formación de calidade, gratuíta e en igualdade laboral mantense co Campus En liña de Igualdade Laboral da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Ao longo do primeiro semestre do ano puxéronse en marcha talleres e cursos centrados na igualdade de oportunidades no ámbito laboral, a protección integral fronte ao acoso no traballo ou a intelixencia artificial aplicada ao emprego.

En definitiva, a igualdade laboral en Galicia é unha necesidade para construír unha sociedade máis xusta e equitativa e desde os axentes da sociedade séguense aplicando medidas para que sexa unha realidade máis pronto que tarde. Cada paso cara á igualdade non só beneficia a quen sofre discriminación, senón que fortalece o tecido social e económico da nosa comunidade, por todo iso, débese seguir traballando para conseguir unha igualdade real e efectiva para alcanzar unha Galicia máis xusta e próspera.