Como apoiar ás mulleres traballadoras vítimas de violencia de xénero

A Lei Orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero define no seu artigo 1.1 a violencia de xénero como aquela “que, como manifestación da discriminación, a situación de desigualdade e as relacións de poder dos homes sobre as mulleres, exércese sobre estas por parte de quen sexa ou fosen os seus cónxuxes ou de quen estea ou estivesen ligados a elas por relacións similares de afectividade, aínda sen convivencia”.

Ademais, esta definición vese ampliada en Galicia, xa que a Lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero defínea no seu título preliminar como “calquera acto violento ou agresión, baseado nunha situación de desigualdade no marco dun sistema de relacións de dominación dos homes sobre as mulleres que teña ou poida ter como consecuencia un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas de tales actos e a coacción ou privación arbitraria da liberdade, tanto se ocorren no ámbito público como na vida familiar ou privada. Inclúese, ademais, a violencia vicaria, entendida como o homicidio, asasinato ou calquera outra forma de violencia exercida sobre as fillas ou fillos da muller, así como sobre calquera outra persoa estreitamente unida a ela, coa finalidade de causarlle maior dano psicolóxico, por parte de quen sexa ou fose o seu cónxuxe ou por quen mantivese con ela unha relación análoga de afectividade, aínda sen convivencia”.

Imagem de la notícia

Historicamente, con base nestas definicións, a violencia de xénero non era unha cuestión que se traballase internamente nas empresas, máis aló que algunha tivese implantadas medidas específicas no seu plan de igualdade. Con todo, desde que España ratificou en 2022 o Convenio 190 da OIT sobre violencia e o acoso no mundo do traballo, as organizacións viron reforzadas a súas obrigas en materia de prevención, en concreto en materia de riscos psicosociais (onde se inclúe a violencia e o acoso). E é que unha muller traballadora que estea a sufrir violencia de xénero pode ter danos físicos ou psicolóxicos que lle afecten ao desempeño do seu traballo, así como posibles faltas de asistencia (co seu conseguinte efecto na organización do traballo), baixo rendemento e mesmo vivir situacións de acoso ou de presenza do agresor na contorna laboral. Así que, cada vez é máis necesario que as empresas adopten unha actitude proactiva para a erradicación da violencia de xénero.

Que pode facer a miña organización

As entidades, públicas ou privadas, de calquera tipo de sector ou tamaño, poden emprender accións en diferentes ámbitos. Destacamos os seguintes:

A prevención. Previr en materia de violencia de xénero no traballo busca crear contornas seguras e igualitarias onde se detecten a tempo os sinais de alerta e cada traballadora conte con apoio e garantías reais. Algunhas accións que se poden realizar neste ámbito son:

  • Medidas de sensibilización: colocar en taboleiros, intranet ou outras canles de comunicación interna información sobre o 016 e os recursos de apoio que existen nas localidades dos centros de traballo, campañas en datas clave como o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, breves sesións informativas ao persoal, etc.
  • Medidas de formación: programar formación básica a todo o persoal sobre que é a violencia de xénero e que recursos existen, formar a persoas con responsabilidades en equipos sobre como detectar sinais e como reaccionar…
  • Recursos de apoio: como deseñar programas de acompañamento contactando con entidades especializadas en asesorar a mulleres vítimas de violencia de xénero para que poidan guiar e apoiar ás traballadoras no seu proceso de saída da violencia de xénero.
  • Protocolo de actuación específico: para poñer en marcha cando se teña sospeita ou coñecemento de que unha das traballadoras da empresa está a sufrir violencia de xénero no ámbito privado.

Imagem de la notícia

A detección. Identificar os sinais de alerta para detectar a tempo as situacións de violencia de xénero, como cambios de comportamento, ausencias reiteradas, signos de medo ou de control externo, permitindo desta forma que a traballadora poida recibir apoio antes de que a situación empeore. Unha cuestión clave en materia de detección é saber que observar. Hai que coñecer os sinais físicos compatibles cunha situación de violencia de xénero (negróns, sinais no corpo, dores de cabeza, perda de cabelo…) e as psicolóxicas (cambios de actitude, crises nerviosas, diminución da atención…).

A actuación. Actuar en materia de violencia de xénero no traballo ten como obxectivo responder de forma rápida, respectuosa e eficaz cando se coñece unha situación, protexendo a seguridade da traballadora, garantindo os seus dereitos laborais e ofrecéndolle os recursos de apoio adecuados, sempre respectando a súa vontade e a súa confidencialidade. Nesta fase resulta de especial importancia coñecer como achegarse e escoitar á vítima. As organizacións deben formar ao seu persoal para que, en caso de ser necesario, saiban establecer contacto coa súa compañeira sen culpar, sen minimizar o problema, sen prometer cousas que non se poidan cumprir e, sempre, respectando o seu ritmo e a súa vontade.

Desde a Xunta de Galicia promóvese que todas as persoas que conforman o persoal dunha empresa tomen conciencia de que é a violencia de xénero e como afecta as mulleres que a sofren. Para dar resposta a iso, deseñaron a Guía de indicios para as empresas: Detección de vítimas de violencia de xénero e creado o distintivo de EMPRESA GALEGA COMPROMETIDA coa detección de vítimas de violencia de xénero.

Ademais, desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, a través do seu campus en liña de igualdade laboral, programa periodicamente formación vinculada á actuación das empresas ante a violencia de xénero.