A menopausa nos lugares de traballo. Como abordala desde as organizacións

A menopausa está a deixar de ser un asunto vinculado á esfera privada para converterse nunha cuestión de saúde laboral e de igualdade de oportunidades. Así o recolle a Organización Internacional do Traballo (OIT), que abriu o debate sobre como esta etapa vital, que afecta á metade da poboación ao longo da súa carreira profesional, condiciona a permanencia, o desenvolvemento e as condicións de traballo das mulleres, e reclama que se aborde de xeito integral: desde o ámbito legal, económico e organizativo.

Comezan a existir datos que confirman que se trata dunha realidade cun impacto directo no persoal das empresas. Segundo o Estudo sobre o impacto da menopausa no traballo en España 2025 elaborado por EADA Business School, o 93,5% das mulleres traballadoras de entre 45 e 58 anos experimenta polo menos un síntoma relacionado coa menopausa, e máis da metade pensou en abandonar o seu emprego por mor deles. A pesar de isto, só o 5% das empresas ofrece algún tipo de beneficio ou adaptación específica para esta etapa, e máis da metade das traballadoras recoñece non telo abordado nunca na súa contorna profesional.

O Servizo Galego de Saúde xa incorpora a menopausa dentro das súas actividades comunitarias de atención primaria, con materiais específicos sobre menopausa e exercicio físico dirixidos á poboación, dentro da Estratexia Galega de Saúde Comunitaria. Son pasos que sitúan a menopausa na axenda pública, pero que, para ter un impacto real no emprego, necesitan trasladarse tamén ao interior das organizacións.

E é que a falta de resposta nas empresas non só repercute no benestar das traballadoras, senón que alimenta a fenda de xénero no emprego e nas pensións, xa que é posible que moitas mulleres reduzan a súa xornada ou abandonen o mercado laboral de xeito prematuro.

A menopausa nos lugares de traballo

Todas as mulleres, tamén as traballadoras, viven a menopausa. Na maioría dos casos, isto ocorre entre os 45 e os 55 anos. En Galicia, segundo os datos máis recentes da Enquisa de Poboación Activa (último trimestre de 2023), hai 172.000 mulleres ocupadas de 45 a 54 anos e 126.100 mulleres ocupadas de 55 ou máis anos. Isto significa que a menopausa impacta no 54,35% da poboación ocupada galega nesa franxa de idade.

Na maioría dos casos, a menopausa é un proceso natural que se produce debido a cambios nos niveis hormonais. Durante os anos fértiles, os ovarios producen estróxeno. A medida que envelleces, a reserva de óvulos diminúe e os niveis de estróxeno baixan. Isto non sucede dun día para outro; o proceso pode durar varios anos, razón pola cal os síntomas poden aparecer e desaparecer. Por iso, é necesario coñecer as diferenzas entre a:

  • Perimenopausa: é o período previo á desaparición da menstruación. Pode comezar ao final da trintena ou a principios da corentena. Os niveis hormonais empezan a flutuar e, a miúdo, é nesta fase cando os síntomas se fan máis evidentes.
  • Menopausa: defínese como o momento en que non se tivo a menstruación durante 12 meses consecutivos.

Con todo, non se pode permanecer alleo a que moitas mulleres están a vivir a menopausa como consecuencia dunha cirurxía ou como consecuencia de pasar por un tratamento contra o cancro.

Pero, que lles sucede ás mulleres durante a menopausa? Algúns dos síntomas máis comúns da menopausa inclúen:

  • Problemas psicolóxicos, como alteracións do estado de ánimo, ansiedade e/ou depresión, perda de memoria, ataques de pánico, perda de confianza e menor capacidade de concentración.
  • Sufocos (ondas de calor breves e repentinas que adoitan sentirse no rostro, o pescozo e o peito).
  • Alteracións do sono que poden provocar cansazo e irritabilidade.
  • Suores nocturnas (sufocos que ocorren durante a noite).
  • Menstruacións irregulares e/ou cambios no fluxo (máis lixeiro ou máis abundante).
  • Rixidez, molestias e dores musculares e articulares.
  • Infeccións recorrentes do tracto urinario (ITU), incluída a cistite.
  • Dores de cabeza.
  • Aumento de peso.
  • Palpitacións (latexos cardíacos que se perciben con maior intensidade).
  • Cambios na pel (secura, acne, proído xeneralizado).
  • Diminución do desexo sexual.

Estes síntomas poden vivirse de xeito diferente, xa que se expresan de forma distinta e con intensidade variable.

Un estudo realizado en Reino Unido en 2023 polo Chartered Institute of Personnel and Development revelou que dous terzos (67%) das mulleres traballadoras de entre 40 e 60 anos que experimentaron síntomas da menopausa afirmaron que estes tiveron un impacto maioritariamente negativo no seu traballo. Entre aquelas que se viron afectadas negativamente o ámbito laboral:

  • O 79% indicou que tiña menor capacidade de concentración.
  • E 68% sinalou experimentar máis tensión.
  • Case a metade (49%) manifestou sentirse menos paciente con clientela e compañeiros/as.
  • O 46% sentiuse fisicamente menos capaz de desempeñar as súas tarefas laborais.
  • Máis da metade das enquisadas afirmou que houbo ocasións nas que non puideron acudir ao traballo debido aos síntomas da menopausa.

Apoiar ás mulleres traballadoras con menopausa

Algunhas das accións que poden implementar as organizacións para apoiar as súas compañeiras con menopausa son:

  1. Realizar a avaliación de riscos relacionados coa menopausa no lugar de traballo. Realizar avaliacións de riscos eficaces pode axudar a organizar o lugar de traballo e as modalidades de traballo de forma que non se agraven os síntomas da menopausa. Isto é importante porque, aínda que a menopausa en si mesma non constitúe un risco, unha avaliación formal proporciona un marco para analizar os diversos efectos que pode conlevar.
  2. Revisar as políticas e os procedementos para atender as necesidades das empregadas que atravesan a menopausa.
  3. Formar ás direccións xerais, direccións de recursos humanos, etc. para que acompañen ás empregadas que experimentan a menopausa. O obxectivo desta capacitación é dotar ás persoas responsables na xestión de equipos dos coñecementos e as habilidades necesarios para apoiar ás empregadas que atravesan a menopausa.
  4. Ofrecer asesoramento de saúde laboral a través do servizo de prevención ás empregadas que atravesan a menopausa. Este enfoque proactivo pode contribuír a reducir as barreiras relacionadas coa saúde que a miúdo afectan máis as mulleres.
  5. Organizar grupos e redes de apoio para a menopausa. Con esta acción pódese mellorar a saúde mental e o benestar das empregadas que atravesan a menopausa.
  6. Ofrecer adaptacións no lugar de traballo para as empregadas que atravesan a menopausa. Algunhas delas poden ser: horarios de traballo flexibles, acceso a zonas de descanso privadas, asesoramento sanitario especializado, posibilidade de modificar as condicións ambientais, como a temperatura e a ventilación do lugar de traballo…

Desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia impulsamos que as empresas galegas incorporen a saúde e o benestar das mulleres en todas as etapas da súa vida laboral como parte das súas políticas de igualdade. Así, a través do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), apoiamos ás organizacións na diagnose e deseño de medidas (como as medidas de adaptación do posto de traballo) que permitan construír contornas laborais saudables, flexibles e libres de estigma.

Animamos ás organizacións a abordar a menopausa de xeito explícito nos seus plans de igualdade e nas súas políticas de saúde laboral, formando aos equipos directivos e ás persoas que ocupan os mandos intermedios, e normalizando a súa abordaxe na contorna de traballo. Só así se evitará a perda de talento feminino nunha etapa clave da carreira profesional e avanzarase cara a unha igualdade laboral real no tecido empresarial galego como comunidade pioneira en materia de igualdade.