Figuras relevantes na igualdade laboral: Rosa María Crujeiras

Retomamos a sección dedicada a Figuras relevantes na igualdade laboral, cuxo obxectivo é visibilizar o labor de mulleres que lograron fitos importantes neste ámbito. Nesta ocasión, centrámonos na figura de Rosa María Crujeiras, matemática, investigadora e catedrática no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da  Universidade de Santiago de Compostela. O pasado 11 de marzo foi elixida como a primeira reitora nos 531 anos de historia desta institución, sendo a primeira muller en ocupar este cargo en toda Galicia.

Quen é Rosa María Crujeiras?

Rosa María Crujeiras naceu en Artes, no municipio de Ribeira, en 1978. Estudou a licenciatura de Matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e doutorouse en Estatística e Investigación Operativa en 2007.​ Tras unha estancia postdoutoral no Instituto de Estatística da Universidade Católica de Lovaina (Bélxica), regresou á capital galega para desenvolver a súa carreira académica, onde empezou como profesora substituta interina.

Como parte do grupo Optimización, Decisión, Estatística e Modelos de Aplicacións (MODESTYA), a súa investigación centrouse no desenvolvemento de métodos estatísticos non paramétricos e a súa aplicación en áreas como a biomedicina, a neurociencia ou a análise de datos funcionais. É catedrática no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da USC e participou en numerosos proxectos de investigación nacionais e internacionais, contribuíndo significativamente ao avance do coñecemento estatístico aplicado. Ademais, publicou artigos científicos en varias revistas de prestixio e alto impacto en Estatística e estableceu colaboracións con investigadores e investigadoras de disciplinas diversas, tales como ecoloxía, xeografía, enxeñería química, lingüística, economía ou ciencias da computación.

Ao longo da súa traxectoria, Crujeiras desempeñou distintos cargos de xestión. Entre 2010 e 2013, foi secretaria no Instituto de Matemáticas da USC, e entre 2013 e 2015, vicedecana da Facultade de Matemáticas.​ ​Ese mesmo ano integrouse no equipo de goberno da USC como adxunta á Vicerrectoría de Comunicación e Coordinación, con competencias en calidade, e máis tarde asumiu responsabilidades como vicerreitora. En 2020, entrou a formar parte da Comisión de Mujeres e Matemáticas da Real Sociedade Matemática Española, e é membro dos comités científicos da Universidade Pública de Navarra e do IUMA da Universidade de Zaragoza.​ Antes de presentarse como candidata á rectoría da Universidade de Santiago de Compostela, estivo catro anos á fronte da dirección científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga).

Ademais, recibiu diversos recoñecementos polos seus logros científicos, entre os que cabe mencionar o premio John Chambers Statistical Software outorgado pola Asociación Estadounidense de Estatística (ASA) e que recibiu xunto a outros colegas en 2014, o Premio ao Talento Novo Científico Feminino da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais (2023) e o Premio á Mellor Contribución Metodolóxica en Estatística da Sociedade de Estatística e Investigación Operativa e da Fundación BBVA, que obtivo xunto ás profesoras María Alonso e Irène Gijbels en 2024.

Por que é tan importante a súa contribución á igualdade laboral?

Desde que Elisa Pérez Beira converteuse na primeira reitora dunha universidade española, asumindo o cargo na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) entre 1982 e 1987, a representación feminina no máximo posto de responsabilidade das universidades españolas foi evolucionando lentamente. Aínda que seguen estando infrarrepresentadas, a cifra de reitoras case se quintuplicou desde 2012, pasando do 7% dese curso ao 27% que recolle o último informe Científicas en Cifras 2025 publicado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Nese informe tamén se constata que, a pesar de que a matriculación feminina supera á masculina no nivel de grao e nos másteres oficiais, na etapa de doutoramento a súa presenza equipárase á dos homes e cae de maneira notable entre quen comeza a carreira académica como persoal docente e investigador. A representación feminina segue descendendo nas distintas figuras de profesorado, alcanzando a súa taxa máis baixa nas cátedras e entre o profesorado emérito.

Neste sentido, a elección de Rosa Crujeiras representa un paso adiante na rotura do teito de cristal e do efecto tesoira na universidade porque se trata da primeira muller en acceder ao cargo non só na institución compostelá, senón en toda Galicia. A súa designación supón un cambio de tendencia tras máis de cinco séculos de mandatos masculinos. Así mesmo, a súa candidatura aposta por unha universidade feminista e libre de violencias que aplique medidas efectivas de conciliación, como a redución da carga docente tras períodos de maternidade ou de acollemento para potenciar a carreira investigadora. Por tanto, o seu mandato representa un avance cara á igualdade laboral no ámbito universitario, fomentando un modelo de liderado inclusivo, que promove a representación feminina e visibiliza a importancia da diversidade de xénero nos espazos de poder.