Novidades en Igualdade Laboral do primeiro trimestre do ano

Rematamos o primeiro trimestre de 2026 e con iso, facemos unha recapitulación das novidades máis importantes en materia de igualdade laboral no ámbito internacional, europeo, nacional e autonómico dos últimos meses. Unha sección na que se pode atopar información sobre normativa, axudas, estudos e informes, materiais de sensibilización etc., así como accións impulsadas por distintas entidades e organismos.

Ámbito autonómico

SUBVENCIÓN

A Xunta de Galicia convoca un Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE) que ten a pemes, persoas traballadoras autónomas con persoal contratado e entidades sen fins de lucro de Galicia como entidades beneficiarias. A convocatoria, que conta cun investimento de 1,4 M€, ten tres liñas de actuación:

  • Liña 1: elaboración e implantación de plans de igualdade.
  • Liña 2: conciliación (que conta con tres subliñas: incentivos para fomento do teletraballo, incentivos para o fomento da flexibilidade horaria e subvención para adquirir elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo).
  • Liña 3: certificación de Responsabilidade Social Empresarial.

Prevese que esta liña de apoio contribúa a xerar contornas máis igualitarias e de calidade en ata 200 organizacións galegas.

SUBVENCIÓN

A Xunta de Galicia convocou unha liña de axuda para a creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial para 2026 que ten como organizacións beneficiarias ás asociacións empresariais e organizacións sindicais intersectoriais de Galicia e un financiamento de 400.000€. Como obxectivos principais están o asesoramento e apoio técnico, o desenvolvemento de plans de igualdade, a realización de análises sectoriais dos plans de igualdade que formen parte dun convenio colectivo, a identificación de boas prácticas en plans de igualdade e a información e divulgación en materia de igualdade nas organizacións.

SUBVENCIÓN

Xa está aberto o prazo -que finalizará o 30 de setembro- para que as persoas autónomas poidan solicitar as axudas dirixidas ao inicio, consolidación, mantemento ou reactivación da actividade, publicadas nunha orde única da Xunta de Galicia dotada con 40,7 M€ e que está cofinanciada parcialmente pola UE a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027. As liñas de apoio estrutúranse do seguinte xeito:

  • Promoción do emprego autónomo: destinada a apoiar ás persoas desempregadas que inicien a súa actividade empresarial como persoas traballadoras autónomas cunha dotación de 28,9 M€.
  • Bono Nova Oportunidade: destinado a facilitar a volta á actividade económica da persoa traballadora autónoma que non tivo éxito no seu anterior intento, que conta cun investimento de 1,5 M€.
  • Bono das persoas traballadoras autónomas: destinado a apoiar a consolidación de proxectos que superaron os 42 meses de vida, co obxecto de mellorar a súa competitividade e cunha achega de 8 M€.
  • Bono Remuda: destinado a evitar o peche de negocios por falta de substitución xeracional e cunha dotación de 1,5 M€.
  • Axudas á conciliación: destinada a apoiar e promover a conciliación das persoas traballadoras autónomas, cunha achega de 750.000 €.

De xeito complementario publicouse unha liña de apoio ás persoas traballadoras autónomas para a contratación e a formación de persoas desempregadas cun investimento de 1,3 M€ e outra liña destinada ás asociacións de persoas autónomas para contribuír ao movemento asociativo do colectivo cunha achega de 350.000 €.

SUBVENCIÓN

A Xunta de Galicia impulsa o Programa Investigo co obxectivo de fomentar a contratación de persoas desempregadas menores de 30 anos en roles de investigación, tecnoloxía, persoal técnico e outros perfís profesionais vencellados ao I+D+i. Na súa convocatoria de 2026, o programa estima apoiar a contratación indefinida a tempo completo de entre 140 e 210 persoas (a convocatoria subvencionará un máximo de 12 meses de relación laboral). Do orzamento total do programa -que supera os 4,8 M€- 1 M€ destinarase a entidades privadas sen fins de lucro que desenvolvan o seu traballo no campo do I+D+i. O prazo de solicitudes permanecerá aberto entre o 18 de febreiro e o 30 de setembro de 2026.

SUBVENCIÓN

Cun investimento de 500.000 € na súa convocatoria de 2026, a Xunta de Galicia reforza o seu compromiso coas empresas cualificadas como IEBT con apoio directo no seu primeiro ano de actividade. Con esta convocatoria, 21 iniciativas de base tecnolóxica recibirán achegas de entre 10.000 e 47.000 € para fomentar a contratación de persoal cualificado, para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar e para a función xerencial. As organizacións que estean constituídas como cooperativas ou sociedades laborais verán a axuda incrementada nun 25%. O prazo desta liña de apoio xa está aberto e continuará recibindo solicitudes ata o 30 de setembro de 2026.

Ámbito nacional

CONVENIO

O pasado decembro de 2025, España ratificou o Convenio núm. 183 e a Recomendación núm. 191 da OIT sobre a protección integral da maternidade –converténdose no 45º Estado Membro en facelo– co obxectivo de promover a igualdade de todas as mulleres na forza de traballo, brindar protección ao embarazo e promover a saúde e a seguridade da nai e as infancias. A Resolución relativa ao traballo decente e a economía do coidado adoptada pola organización en xuño de 2024, tamén pon o foco na corresponsabilidade, a economía dos coidados e a xustiza social. Estes tres documentos, xunto ás normativas estatais e autonómicas, constitúen un marco de referencia para protexer os dereitos e as oportunidades laborais das mulleres traballadoras en situación de embarazo ou coidado de menores.

ESTUDO

O Instituto das Mulleres publicou o estudo “A fenda retributiva entre mulleres e homes: causas, evolución e consecuencias” en contexto da campaña 22F 2026 para visibilizar a fenda retributiva entre mulleres e homes. O documento estrutúrase como ferramenta de análise e coñecemento, incidindo nos factores e características que xeran esta desigualdade e tamén analiza a evolución da fenda salarial e o impacto que isto ten a medio e longo prazo. As accións da campaña inclúen seminarios web, actividades formativas, unha ferramenta de consulta interactiva de datos salariais e fenda retributiva entre mulleres e homes baixo a nomenclatura “Entre salarios” e unha peza interactiva sobre a fenda salarial “Mito ou realidade?”.

INFORME

Durante o ano 2025, ONU Mulleres España liderou un proceso participativo enfocado en xerar un diagnóstico compartido e actualizado sobre a igualdade de xénero en España e fomentar a construción de solucións conxuntas cara á igualdade efectiva no marco da conmemoración do 30º aniversario da adopción da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing baixo o título “De Beijing +30 cara a un futuro con igualdade de xénero – informe de resultados do proceso participativo”.

Ámbito internacional

ÍNDICE EUROPEO DE IGUALDADE DE XÉNERO

O Instituto Europeo de Igualdade de Xénero (EIGE) publicou o Índice Europeo de Igualdade de Xénero do ano 2025 no que España ocupa o 4º posto con 70,9 puntos sobre 100, o que sitúa o país 7,5 puntos por enriba da media europea. O estudo recolle o incremento de 15,4 puntos sobre datos de 2010, o que recoñece o compromiso coa igualdade de xénero. Esta ferramenta ten por obxectivo medir avances, identificar fendas persistentes e apoiar políticas baseadas en evidencia nos estados membros da UE.