Hoxe en día, calquera persoa, independentemente de se é home ou muller, debería poder participar no mercado laboral. Con todo, a realidade mostra que isto non é así debido, principalmente, á alta carga de traballo non remunerado que seguen asumindo as mulleres: coidado de persoas dependentes, tarefas domésticas e todo aquilo que recae baixo o paraugas dos coidados.
A publicación de hoxe está centrada en analizar o impacto das excedencias e reducións de xornada por coidados na carreira profesional das mulleres, xa que, como é evidente, seguen sendo as mulleres as persoas que máis se acollen a estas modalidades de permisos de conciliación recollidos na normativa laboral.
En primeiro lugar, e antes de pasar á revisión de datos, é necesario coñecer ben de que imos falar. Recoñécese como excedencia a suspensión temporal do contrato de traballo a petición da persoa traballadora, regulada principalmente no artigo 46 do Estatuto dos Traballadores e no artigo 89 do Estatuto Básico do Empregado Público. Doutra banda, a redución de xornada (tamén recollida nas anteriores normas) permite ás persoas traballadoras diminuír o tempo dedicado á súa actividade profesional. Esta medida pode ter carácter voluntario ou forzoso, pero sempre leva consigo unha diminución proporcional do salario.

A realidade galega
Segundo os datos máis actualizados do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, o 80% das excedencias por coidado de familiar solicitadas en 2025 en Galicia son de mulleres. Esta cifra é lixeiramente inferior á media estatal (83%) e sitúanos como a cuarta comunidade autónoma onde menos mulleres solicitan a excedencia, soamente por detrás de Canarias (72%), Melilla (73%) e Illes Balears (78%).
En canto á realidade dentro de Galicia, pódense observar situacións diversas. Por unha banda, atópase a provincia de Lugo, que é a provincia de toda España con menor taxa feminina de excedencias (70,6%). Doutra banda, o resto de provincias galegas sitúanse entre a media autonómica e a nacional, por esta orde, Pontevedra (80,0%), Ourense (82,0%) e A Coruña (82,8%).
Se analizamos as reducións de xornada, a consistencia dos datos é menor ao non ter as mesmas series de datos para España e Galicia. Así, en España no último trimestre de 2023, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, o 88% das reducións de xornada para o coidado de persoas dependentes e outras obrigas familiares foron de mulleres. Pola súa banda, en Galicia, os datos publícaos o Instituto Galego de Estatística, que, na súa última revisión de 2017, mostra que o 76% das reducións de xornada para coidado de menores de 0 a 12 anos foron de mulleres.
Así, pois, independentemente da cifra estudada, evidénciase de maneira clara que as medidas de conciliación impulsadas pola normativa laboral e aplicadas nas organizacións, non teñen unha distribución equilibrada e impactan, principalmente, nas mulleres.

Penalización por maternidade
A penalización por maternidade ou motherhood penalty é un concepto que ilustra o impacto negativo que a maternidade ten sobre a carreira profesional das mulleres. Non só inflúen as excedencias e reducións de xornada, senón tamén a menor taxa de emprego ou maior carga de traballo non remunerado, así como outros factores estruturais. Diversos estudos como o recente titulado Gender gaps in paid and unpaid work persist (OCDE, 2025), ou a serie de publicacións Mulleres e Homes en España (INE) ou o Índice Europeo de Igualdade 2025 para España sinalan que:
- A fenda na taxa de emprego entre mulleres e homes con fillas/os menores de 2 anos é do 25%.
- Entre as persoas ocupadas, as mulleres suman 63,6 horas semanais de traballo ao combinar emprego, coidados e desprazamentos, fronte ás 56,7 horas nos homes.
Todo iso impacta directamente nas cotizacións, os ingresos e o desenvolvemento profesional das mulleres:
- As reducións de xornadas teñen un impacto directo nos salarios, polo que a fenda salarial acentúase. Os datos máis actuais mostran que a fenda salarial en Galicia é do 15,74% (Enquisa anual de estrutura salarial, 2023)
- Tendo en conta que, de media, as mulleres gañan menos que os homes, toman máis pausas laborais e de maior duración por licenzas familiares e teñen maior probabilidade de abandonar o mercado laboral a idades máis temperás, é inevitable que o seu efecto se evidencie nas fendas de xénero nos ingresos por pensións.
- O exceso de tarefas reduce o tempo dispoñible para formarse ou asumir novos retos, xerando unha fenda de oportunidades que non reflicte a capacidade profesional.
Ademais, existen outra serie de consecuencias con impacto indirecto na saúde laboral:
- Tras a xornada laboral comeza unha segunda xornada de tarefas domésticas e coidados. A longo prazo, esta dobre carga pode xerar fatiga constante, dores físicas e problemas de soño, reducindo a concentración e o rendemento no traballo. O Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo identifícao como un risco psicosocial denominado dobre presenza.
- Así mesmo, en moitas ocasións, o exceso de carga mental incrementa o estrés e a ansiedade. Este estrés acumulado pode fomentar o absentismo e reducir a participación en actividades laborais, así como xerar unha percepción errónea de menor compromiso, cando en realidade o que existe é un sobreesforzo invisible.
Que poden facer as organizacións?
Diferentes organismos, como o Instituto Europeo de Igualdade de Xénero, afirman que as culturas organizativas que apoian activamente a corresponsabilidade aumentan o uso de permisos por homes. Así pois, lexitimar o coidado masculino (comunicar explicitamente que os homes deben acollerse aos permisos ou incluír a corresponsabilidade nos valores da entidade), fomentar o liderado modelo (máis directivos usando permisos), garantir que non hai penalizacións profesionais (en canto a promocións, acceso a formación, avaliación do desempeño…), deseñar campañas de sensibilización específicas en materia de corresponsabilidade, normalizar a flexibilidade laboral para todas as persoas, etc, son medidas que se poden executar desde todas as entidades para promocionar os coidados entre os traballadores.
Desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia poñemos en marcha medidas como as axudas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da xornada de traballo ou as axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma. Tamén impulsamos o debate de medidas de conciliación e apoio nos coidados como parte do Diálogo Social en Galicia, que será institucionalizado mediante un decreto que se prevé que saia á luz a principios de 2026. Con esta norma preténdese dotar ao Diálogo Social de maior transversalidade, potenciándoo como ferramenta estratéxica para abordar cuestións de calado como a prevención de riscos laborais e do absentismo inxustificado, a igualdade ou o benestar laboral.