Para conmemorar o Día Internacional da Muller de 2026, ONU Mulleres lanza o lema Dereitos. Xustiza. Acción. Para TODAS as mulleres e nenas, e pon o foco nos avances en materia de xustiza e lexislación para conseguir a igualdade de xeito transversal entre mulleres e homes en todas as esferas da vida. Actualmente, só o 64% das mulleres a nivel global gozan dos mesmos dereitos xurídicos que os homes e ningunha nación conseguiu pechar as fendas xurídicas que existen entre mulleres e homes. ONU Mulleres chama ás nacións a derrubar as barreiras lexislativas que continúan freando o acceso de nenas e mulleres aos dereitos que lles pertencen.
O 8M é unha data crucial de reivindicación da igualdade de oportunidades e os dereitos das mulleres en todo o mundo. É un día de mobilización social no que persoas, organizacións públicas e privadas e administracións unen forzas para esixir o trato igualitario entre mulleres e homes e a participación plena das mulleres na sociedade.
As desigualdades entre mulleres e homes no ámbito laboral continúa sendo unha problemática central no desenvolvemento profesional e vital das mulleres. Tanto institucións como organizacións internacionais, traballan para deseñar marcos xurídicos rigorosos e comprometidos coa intención de mitigar o impacto negativo no desenvolvemento profesional das mulleres e coa certeza de que a igualdade de oportunidades no traballo garante un futuro resiliente, sostible, innovador e con capacidade de adaptación aos retos globais.
Galicia, pioneira en materia de igualdade
A comunidade galega é pioneira en lexislar para garantir a igualdade de mulleres e homes en todos os ámbitos da vida, tamén no contexto laboral. A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes foi a primeira lei para a igualdade de mulleres e homes en España, publicada mesmo con anterioridade á Lei Orgánica 3/2007, a norma de referencia a nivel estatal. Na actualidade, está en vigor a Lei 7/2023, para a igualdade efectiva de mulleres e homes en Galicia.
Ademais, en Galicia cóntase coa Lei 2/2007, de 28 de marzo, de traballo en igualdade das mulleres en Galicia que busca integrar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas competencias autonómicas sobre emprego e relacións laborais.
A Xunta de Galicia ven activando diferentes programas e subvencións para asegurar a igualdade plena entre mulleres e homes, promovendo a formación e a ocupación de mulleres e potenciando o seu liderado e iniciativa empresarial. Entre as iniciativas comprometidas coa igualdade de oportunidades destacamos: o Programa Investigo, o Programa Emega (subvención para o apoio do emprendemento feminino), ou os Programas de axudas ás persoas traballadoras autónomas, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027 entre outras.
Tamén, desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, se desenvolve o programa Que non te líen. Ti elixes, onde a través de charlas didácticas e debates promovidos nos centros educativos sostidos con fondos públicos galegos dirixidas por persoal de asociacións, fundacións e clústeres de sectores con escasa representatividade feminina, ponse sobre a mesa cuestións como as condicións laborais dos diferentes ámbitos profesionais, que constatan mayores salarios nos empregos que soen estar ocupados por homes. Tamén amosa a mulleres referentes de éxito en ámbitos profesionais con reducida presenza feminina, para que podan servir de exemplo ás novas xeracións.

Emprendedoras galegas, clave para o desenvolvemento da nosa comunidade
Neste apartado, queremos compartir algúns proxectos empresariais de mulleres que destacan pola súa capacidade de transformación, polo seu carácter innovador e por achegar desde un lugar comprometido ao desenvolvemento empresarial de Galicia:
- Tatiana López, fundadora e directora de Nanogap: unha startup biotecnolóxica que nace dun proxecto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela. Tatiana lidera un equipo que actualmente opera en Milladoiro e en Silicon Valley. A súa actividade principal é o desenvolvemento e produción de materiais avanzados baseados na nanotecnoloxía, particularmente clústeres cuánticos atómicos (AQC) e nanopartículas con aplicación a diferentes sectores.
- Natalia Asorey Zorraquino, Colaxe: un proxecto de economía social, unha cooperativa de mulleres cun modelo de negocio baseado na recuperación de espazos infrautilizados, a formación, os coidados e o emprendemento no rural galego. Contan con 21 Casas do Maior na zona de Costa da Morte, centros de atención integral a persoas pouco dependentes. O proxecto é unha das Iniciativas gañadoras dos XVI Premios ao Desenvolvemento Rural 2025 da Xunta de Galicia, co 1º Premio na Categoría Proxectos de interese social.
- Lucía Freitas, A Tafona: chef con Estrela Michelín e multitude de recoñecementos polo seu labor gastronómico con esencia galega. Na súa figura como emprendedora, Lucía abriu en 2007 o seu restaurante A Tafona en Santiago de Compostela, e en 2017, baixo o concepto “slow food a lume de carozo” abre Lume no Mercado de Abastos da cidade compostelá. Lucía é unha das beneficiarias do programa Emega para o apoio do emprendemento feminino.
- Muuhlloa: é unha cooperativa de 5 mulleres da comarca da Ulloa, profesionais nas disciplinas de gandería, agricultura, bioloxía, farmacia, ciencias empresariais, fotografía e artes gráficas que en conxunto, deseñan un proxecto de cosmética ecolóxica, natural e sostible Unha iniciativa innovadora, que xera emprego no rural galego, utilizando materias primas da contorna.
- María Elena Ferro Lamela, Eferro: Elena Ferro é a terceira xeración do taller familiar de artesanía Eferro, que leva en funcionamento desde 1915. O taller céntrase na elaboración de zocos e marroquinería, cun estilo que combina a tradición galega cunha estética colorida e actual. Dentro dos obxectivos do proxecto, tamén está o de dinamizar o rural a través de eventos culturais e un espazo cultural que abrirán proximamente. O proxecto de Elena Ferro é unha das Iniciativas gañadoras dos XVI Premios ao Desenvolvemento Rural 2025 da Xunta de Galicia, co 2º Premio na Categoría Mulleres.
- Cristina Gamallo, Situm: nos laboratorios de investigación da Universidade de Santiago de Compostela nace Situm, baixo o liderado de Cristina e os seus socios e socias. A empresa é líder global no posicionamento en interiores e guiado, desenvolvendo ferramentas para mellorar a experiencia das persoas visitantes en grandes espazos. Son referentes no seu sector en Galicia e España, pero o seu alcance é global, con proxectos de grandes dimensións en Francia, Estados Unidos, Singapura, Tailandia, Colombia ou Rusia.
Desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, celebramos o emprendemento feminino destas mulleres e de moitas outras que contribúen a situar a Galicia como territorio referencial en talento e innovación en diferentes sectores. O liderado feminino ten un impacto clave no desenvolvemento empresarial galego das últimas décadas. Na Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais continuaremos apostando por apoiar, premiar e dar visibilidade a todos aqueles proxectos que, grazas ás súas fundadoras, transforman o contexto e converten Galicia nun territorio competitivo, innovador e resiliente.