Nesta publicación, recollemos unha serie de proxectos, iniciativas ou entidades que impulsan accións vinculadas á igualdade laboral singulares e inspiradoras.
Máis aló das obrigas legais en materia de igualdade e prevención do acoso laboral por razón de sexo que teñen as empresas e organizacións, existen entidades que asumen unha responsabilidade integral e transformadora, con accións concretas que manifestan un compromiso real coa igualdade entre mulleres e homes.
A continuación deixámosvos cinco exemplos de organizacións que impulsan iniciativas inspiradoras con perspectiva de xénero.
5 casos inspiradores en igualdade laboral
“Mulleres de Seu” unha asociación impulsada pola cooperativa CLUN
A asociación “Mulleres de Seu” xorde no 2013 promovida pola recoñecida cooperativa láctea galega CLUN (cuxas marcas inclúen FEIRACO, Clesa e a recente ÚNICLA) baixo a visión de que a igualdade é o único camiño posible para lograr un medio rural habitable, habitado e sostible. A asociación está formada por gandeiras socias da cooperativa e traballadoras de CLUN.
Ao longo dos seus máis de dez anos de historia, a asociación conseguiu empoderar e motivar a multitude de mulleres, fomentando o seu liderado a través de actividades formativas e traballando para visibilizar e recoñecer o papel das mulleres no ámbito rural. Defenden o emprendemento e a innovación como elementos clave para transformar o rural e visibilizar a súa potencia como lugar para traballar e vivir.
O apoio directo a mulleres agrogandeiras de forma transversal, levoulles a recibir numerosos galardóns entre os que destacan o Premio á Igualdade de Oportunidades de Cooperativas Agroalimentarias de España, o Premio pola innovación da Muller no Rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a Medalla Emilia Pardo Bazán da Xunta de Galicia e o Premio Muller Agro que outorgan Siete Agromarketing e Comercio Agrario.

7H Cooperativa Cultural: “Delas Fest”
A cooperativa cultural 7H é un proxecto de autoemprego colectivo, baixo un modelo de economía social que nace en 2015 impulsado polo Premio Emprende Gaiás-Sixto Seco á mellor idea empresarial creativa. A iniciativa constrúese baixo os principios de inclusión, igualdade e diversidade para garantir a participación de todas as persoas nos procesos de creación cultural contemporánea. A cooperativa tamén conta co Premio aos Valores Cooperativos do Consello Galego de Cooperativas e o Premio Begoña Caamaño á Acción Cultural pola Igualdade de Xénero da Deputación da Coruña polo proxecto “Elas tamén pintan”.
O Delas Fest celebra a súa primeira edición en 2019 en espazos públicos de Santiago de Compostela. É o primeiro festival de arte urbana e contextual con perspectiva de xénero en Europa. Este festival é relevante para a igualdade laboral xa que propón un cartel composto integramente por mulleres, nunha disciplina masculinizada como é a arte urbana. Tras 6 anos de traxectoria, o proxecto non só conseguiu achegar unha nova visión á paisaxe e á arquitectura compostelá, senón que tamén visibilizou o traballo de multitude de mulleres artistas mentres normaliza a presenza de mulleres creadoras en sectores masculinizados.
Beautiful Bees: un proxecto europeo que fomenta o emprendemento de mulleres novas en contextos rurais
A iniciativa Beautiful Bees, que chega a Galicia grazas á participación da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela como partner neste proxecto europeo, propón acompañar a un grupo de mulleres novas de España, Italia e Lituania nun proceso de formación e aprendizaxe para impulsar a súa empregabilidade e desenvolver os seus propios proxectos de emprendemento.
A intención é que as mulleres participantes coñezan de primeira man proxectos establecidos no ámbito rural dos tres países participantes, para poder imaxinar e deseñar un proxecto propio no seu país de orixe. Estas iniciativas contribuirán a dinamizar o contexto rural da súa contorna, mentres fomentan a revitalización económica, xeran emprego feminino, contribúen ao desenvolvemento sostible, á loita contra o despoboamento e á cohesión social de comunidades que necesitan do impulso de persoas mozas nas súas localidades. Á súa vez, o proxecto pretende xerar unha rede de mulleres afíns, que compartan experiencias, coñecementos e know-how ou saber facer.
A situación demográfica actual na Europa rural vese profundamente afectada polo envellecemento e o despoboamento. É necesario implementar políticas de desenvolvemento rural, potenciar a innovación e a transformación, para visibilizar estes contextos como territorio de oportunidades, diversidade e futuro. Experiencias como “Beautiful Bees” contribúen a garantir o futuro dos territorios rurais, con proxectos liderados por mulleres que contribúen á dinamización socioeconómica dos lugares e a visibilizar que o rural está cheo de oportunidades.

COGAMI: empregabilidade e empoderamento de mulleres con discapacidade
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ten como propósito conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade. Dentro da multitude de servizos que ofrecen tanto a formación como o departamento de empregabilidade desenvolven accións estratéxicas para contribuír á capacitación e á inserción laboral de persoas con discapacidade.
En 2024, grazas ao financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, activan o programa “Servizo de Atención Especializada a Mulleres con Discapacidade”. Con esta iniciativa contribuíron ao desenvolvemento persoal e profesional de 80 mulleres con discapacidade, co obxectivo de reforzar a súa autonomía, a súa empregabilidade e a súa participación na sociedade. O programa centrouse especialmente en perfís de mulleres que sufrisen situacións de violencia e exclusión social.
Esta iniciativa inspíranos pola súa capacidade transformadora e polo seu acompañamento individualizado a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. O proxecto contribúe á erradicación da discriminación interseccional que afecta as mulleres con discapacidade, promovendo a igualdade de dereitos, oportunidades e participación plena en todos os ámbitos da sociedade.
Coca Cola: GIRA Mujeres
GIRA Mujeres é a iniciativa de Coca-Cola para fomentar a igualdade de oportunidades e o apoio ao emprendemento feminino. O proxecto ofrece formación e acompañamento profesional a mulleres de entre 18 e 67 anos que teñen un negocio e queren darlle un novo rumbo, ou a aquelas que están a comezar cunha iniciativa de emprendemento. Á súa vez, as catro mellores propostas, seleccionadas por un xurado, reciben unha capital semente de 8.000 euros co fin de comezar a desenvolver o seu proxecto.
É imprescindible que as empresas multinacionais se fagan cargo do impacto que teñen nos territorios onde traballan. Asumir a perspectiva de xénero de xeito transversal no negocio contribúe ao benestar do persoal e mellora o clima laboral e a reputación, mentres xera un impacto positivo no rendemento, a produtividade e a retención de talento. Traballar a perspectiva de xénero en todas as áreas de negocio é cumprir coas obrigacións normativas das empresas, independentemente do tamaño, e comprometerse coa igualdade real entre mulleres e homes.