Novidades en materia de igualdade laboral

Cada trimestre recapitulamos as novidades máis reseñables en materia de igualdade laboral a nivel internacional, europeo, nacional e autonómico dos últimos meses. Unha sección na que se pode atopar información sobre normativa, axudas, estudos e informes, materiais de sensibilización etc., así como accións impulsadas por distintas entidades e organismos.

Nivel autonómico

AXUDAS

Continúa aberta, ata o 30 de setembro, a convocatoria da orde unificada de máis de 40 M€ para persoas autónomas da Xunta de Galicia, cofinanciada parcialmente pola Unión Europea a través do Programa FSE Galicia 2021-2027, da que se espera que se beneficien 8.700 profesionais. Dese orzamento, 29 millóns destínanse ao programa de promoción do emprego autónomo, que consta dunha liña para impulso do inicio de actividade e mantemento do emprego autónomo e outra coa que se garante a cota cero durante doce meses de actividade. Outra das liñas é o Bono Nova Oportunidade, que acumula 1,5 millóns de euros, e que facilita a volta á actividade económica á persoa emprendedora. O Bono Autónomo conta con 8 millóns para apoiar a consolidación de proxectos que superaron os tres anos de vida. Á súa vez, o Bono Remuda, conta cun orzamento de máis de 1,2 millóns para a nova liña de apoio a persoas autónomas que traspasan o negocio por xubilación. Para terminar, o Bono Autónomo Concilia conta cun financiamento de 1 millón de euros e estrutúrase en tres liñas de apoio diferenciadas co obxectivo de facilitar o equilibrio entre as responsabilidades profesionais e os coidados de persoas ao cargo.

AXUDAS

A Xunta de Galicia publicou unha nova convocatoria do Programa EMEGA de apoio ao emprendemento feminino cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027. A liña de axudas trae como principal novidade o reforzo de criterios específicos para a concesión das achegas, co obxectivo de prestar un maior apoio a mulleres maiores de 55 anos, ás propostas de emprendemento no rural e en sectores masculinizados, así como favorecer a realización de proxectos colaborativos. Nesta edición os Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego ocuparán un papel máis activo, facilitando formación ás beneficiarias. A convocatoria conta con tres modalidades de axuda  e unha cuarta axuda complementaria, Emega Concila, destinada a favorecer a conciliación das mulleres emprendedoras cun incentivo de 3.000 euros por empresa na modalidade de Concilia-promotoras e un importe máximo de 5.000 euros por empresa na modalidade de Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

ESTRATEXIA GALEGA DE EMPREGO FEMININO EN SECTORES MASCULINIZADOS

Activáronse os primeiros grupos de traballo da Estratexia Galega de Emprego Feminino en sectores masculinizados, unha iniciativa pioneira que busca promover a incorporación, permanencia e progresión profesional das mulleres en ámbitos laborais onde a súa presenza segue sendo minoritaria. Nas próximas semanas activaranse outros sete grupos de traballo, con perfís profesionais nos ámbitos da seguridade e emerxencias, obra civil, loxística, dirección xeral, deporte, industrias culturais e creativas, sector campo-gandeiro, pesca e industrias agroalimentarias, entre outros. A información recollida nestes encontros servirá de base para a redacción do documento final que se presentará no cuarto trimestre deste ano.

 

Nivel nacional

LEXISLACIÓN

O pasado 29 de xullo, o Consello de Ministros aprobou a Real Decreto-Lei 9/2025, do 29 de xullo, polo que se amplía o permiso de nacemento e coidado, unha norma que amplía o permiso de nacemento e coidado ata as 19 semanas retribuídas para cada persoa proxenitora, adoptante ou coidadora (fronte ás 16 anteriores). Este permiso configúrase como un dereito individual e intransferible, que nos casos de monoparentalidad, amplíase ata as 32 semanas. Esta nova lexislación ten carácter retroactivo e permitirá aplicarse en nacementos e feitos causantes desde o 2 de agosto de 2024. O permiso pode empregarse a xornada completa ou parcial, con acordo entre a empresa ou a administración pública e a persoa traballadora, e establece un aviso previo de 15 días para a súa solicitude. Estas novidades aplícanse tamén ao persoal ao servizo das administracións públicas, a través da modificación do Estatuto Básico do Empregado Público.

MULLERES NA TRANSICIÓN ECOLÓXICA 2025

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico acaba de publicar un informe que analiza as desigualdades entre mulleres e homes nos sectores vinculados á transición ecolóxica. O documento “Mujeres en la transición ecológica 2025” é unha primeira edición, do que pretende ser unha publicación bienal que propón un sistema de indicadores e base de datos para analizar en detalle a situación e evolución destas desigualdades entre mulleres e homes no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030. Este primeiro achegamento rexistra os principais indicadores cuantitativos de xénero sobre a transición ecolóxica en referencia aos anos 2015 e 2019- 2023 e afonda de forma específica no contexto cualitativo sobre Mulleres e Economía Circular. O informe revela a infrarrepresentación das mulleres no emprego e o emprendemento verde: en 2023 só o 14,2% das persoas ocupadas en actividades económicas verdes eran mulleres, fronte ao 50,4% no resto de sectores económicos. Á súa vez, no  emprendemento verde, as mulleres supoñen o 11,5% das iniciativas, fronte ao 15,1% como asalariadas.

 

Nivel internacional

INFORME MECANISMOS INSTITUCIONAIS PARA A IGUALDADE DE XÉNERO NA UE: REALIDADES ACTUAIS, PRIORIDADES FUTURAS

O Instituto Europeo da Igualdade de Xénero (EIGE) publicou o informe “Mecanismos institucionais para a igualdade de xénero na UE: realidades actuais, prioridades futuras.” no que identifica os mecanismos institucionais sólidos como clave para lograr avances reais na igualdade de xénero. O informe destaca que os países con institucións de igualdade de xénero máis fortes obteñen mellores resultados en áreas como recursos financeiros, representación política e conciliación da vida laboral e persoal. Por exemplo, España ten un 86% no índice de forza institucional de EIGE, pero máis da metade dos Estados membros da UE teñen puntuacións por debaixo do 50%. Inclúe un chamado á acción contundente con 6 medidas concretas para avanzar de forma real na igualdade de xénero entre mulleres e homes en Europa.

FOLLA DE RUTA PARA A IGUALDADE DE XÉNERO DA ONU

ONU Mulleres publica a súa Folla de ruta para conseguir a igualdade de xénero na que identifica tres grandes ámbitos de actuación: traballo flexible, igualdade salarial e tecnoloxía equitativa. Para logralo, ONU Mulleres chama ás empresas a normalizar a igualdade de responsabilidades, creando empregos que se adapten á vida das persoas (horarios flexibles, traballo a distancia, recoñecer a igualdade de responsabilidades de coidados…). A pesar de que presenta a evolución tecnolóxica como base para o progreso, tamén lembra que este sector está cheo de nesgos por razón de sexo e xénero e que por tanto é necesario situar a ética e a igualdade entre mulleres e homes no centro do desenvolvemento da tecnoloxía e da IA.