Cada trimestre recapitulamos as novidades máis reseñables en materia de igualdade laboral a nivel internacional, europeo, nacional e autonómico dos últimos meses. Unha sección na que se pode atopar información sobre normativa, axudas, estudos e informes, materiais de sensibilización etc., así como accións impulsadas por distintas entidades e organismos.
Nivel autonómico
GÚIA DE BOAS PRÁCTICAS PARA A XESTIÓN PREVENTIVA DESDE A PERSPECTIVA DE XÉNERO
A Xunta de Galicia elabora unha “Guía de boas prácticas para a xestión preventiva desde a perspectiva de xénero”, que se fixo pública o pasado mes de abril, nunha xornada técnica no marco da programación polo Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo. A presentación da guía correu a cargo da autora Lourdes Munduate, catedrática de Psicoloxía Social das Organizacións na Universidade de Sevilla e directora científica do Laboratorio Andaluz de Organizacións Xenerativas, e inclúe unha fundamentación teórica sobre saúde, seguridade e o benestar como valor estratéxico para as empresas, así como unha selección de ferramentas prácticas de autodiagnóstico para as organizacións.

AXUDAS
A Xunta de Galicia publica a pioneira convocatoria “Galicia Investiga Igualdade”, unha liña de axuda que poderá apoiar ata un máximo de 10 proxectos de investigación en etapa predoutoral en materia de xénero. O programa está dirixido a estudantado das universidades públicas galegas e poderá apoiar proxectos das cinco ramas do coñecemento. O investimento económico é de 1,1 millón de euros, que se materializará en 10 contratos prorrogables durante 4 anos. A finalidade do programa é a de fomentar a formación de investigadoras e investigadores para a adquisición de competencias relacionadas coa investigación en xénero, mellorar o coñecemento, condicións e posición de mulleres e homes nas relacións de xénero nos distintos ámbitos da vida e difundir boas prácticas que contribúan a mellorar e innovar nas políticas de igualdade.
PROTOCOLO SANITARIO DE ATENCIÓN PRIMARIA DAS PERSOAS TRANSEXUAIS
O Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero (“Observatorio LGTBIQ”) aproba na súa primeira sesión plenaria de 2025, o Protocolo sanitario de atención primaria das persoas transexuais da Consellería de Sanidade en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción da Igualdade. Este texto, elaborado por un grupo de traballo de atención primaria, ten como obxectivos principais garantir a atención sanitaria nun ambiente respectuoso para as persoas trans, que lles proporcione confianza e no que se poidan expresar de forma segura e libre de discriminación.
Nivel nacional
PLAN DE ACCIÓN 2025 – 2027 CON ESPECIAL ATENCIÓN Á PERSPECTIVA DE XÉNERO NA SEGURIDADE E A SAÚDE NO TRABALLO
O Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) publicou o Plan de Acción 2025-2027, no marco da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027. O plan elaborouse en diálogo entre as Administracións Públicas e Axentes Sociais, o que inclúe un amplo consenso entre as súas 197 medidas. O documento estrutúrase a través de 6 obxectivos principais, entre eles o número 5 que incide na perspectiva de xénero no contexto laboral baixo o título “Introducir a perspectiva de xénero no ámbito da seguridade e saúde no traballo”. Este obxectivo recolle 15 medidas estruturadas en cinco liñas de actuación que poñen o foco no marco normativo, a diferenciación de xénero na toma de datos e información, a incorporación transversal da perspectiva de xénero na xestión preventiva, a sensibilización en materia de xénero e a vixilancia e control.

AXUDA
O Instituto de las Mujeres convoca unha liña de subvencións destinadas a organizacións sindicais, para financiar a formación, capacitación, apoio e asesoramento especializado necesarios para o exercicio das funcións de negociación, elaboración, implantación, seguimento e avaliación de plans de igualdade de ámbito estatal ou supraautonómico. As accións tamén poden incluír a contratación de persoal experto en materia de igualdade entre mulleres e homes no ámbito laboral para realizar actividades de apoio e asesoramento especializado. As axudas van destinadas ás organizacións sindicais máis representativas de ámbito estatal que participen na negociación, elaboración, implantación, seguimento e avaliación dos plans de igualdade.
INFORME SOBRE O MERCADO ESTATAL EN 2024
Segundo o Informe sobre o Mercado Estatal en 2024 do SEPE, continúa existindo unha fenda de xénero significativa na poboación activa en España durante 2024. A pesar de que o número de persoas activas aumentou 0,39 puntos en relación ao ano anterior, o emprego feminino continúa estando por debaixo cun 47,24% fronte a un 57,60% no emprego masculino. Con todo, a contratación desagregada por sexo mostra como a fenda de xénero foise reducindo progresivamente no últimos cinco anos. Desde 2020, a contratación feminina aumentou en 3,87 puntos porcentuais, alcanzando o 46,90% en 2024.
Nivel internacional
A FOLLA DE RUTA DA UNIÓN EUROPEA PARA REFORZAR Os DEREITOS DA MULLER
A Comisión Europea presenta a súa folla de ruta para reforzar os dereitos da muller, impulsando un programa de igualdade de xénero que achegue unha visión política a longo prazo. En materia de igualdade laboral, a folla de ruta recolle os avances rexistrados baixo o marco da Estratexia para a Igualdade de Xénero 2020-2025 onde destacan especialmente medidas de transparencia salarial, conciliación da vida familiar e a vida profesional e o equilibrio de xénero nos consellos de administración das empresas. A UE deseña esta folla de ruta coa intención de acelerar os avances en materia de xénero e acordar unha estratexia común para que os países membros progresen de forma semellante.
Á súa vez, a Unión Europa tamén publica o seu Informe de Igualdade de Xénero na Unión Europea 2025, que fai referencia aos datos, información e avances de 2024.
69º COMISIÓN DA CONDICIÓN XURÍDICA E SOCIAL DA MULLER (CSW69) E AXENDA DE ACCIÓN BEIJING +30
En marzo de 2025, tivo lugar na Sede das Nacións Unidas de Nova York, a 69º Comisión da Condición Xurídica e Social da Muller. Este encontro conmemorou á súa vez o trixésimo aniversario da Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller e a adopción da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing (1995). O foro, que reuniu a representantes de gobernos de todo o mundo, a ONG representativas a nivel internacional e a axencias das Nacións Unidas, tivo como obxecto avaliar o progreso en igualdade de xénero desde a Declaración e Plataforma de Acción de Beijing (1995), identificar desafíos actuais e presentar a Axenda de Acción Beijing+30: Por todas as mulleres e nenas.