Son numerosos os textos lexislativos ou de acción local e universal que fan referencia á non discrimación en diferentes áreas. No noso contexto, o artigo 14 da Constitución Española indica a igualdade de todas as persoas españolas ante a lei. A Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea titula o seu artigo 21 “Non discriminación”. No panorama internacional a Declaración Universal de Dereitos Humanos outorga os mesmos dereitos a todas as persoas.
Este dereito universal aplícase tamén no contexto laboral. Entre os textos lexislativos que regulan este concepto destaca o Estatuto dos Traballadores que recolle o dereito das persoas traballadoras a non ser discriminadas no ámbito laboral pola orixe racial ou étnica, o sexo, a relixión, a discapacidade, a orientación sexual, a afiliación ou non a un sindicato ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
Que é a discriminación laboral
As empresas están obrigadas por lexislación a adoptar medidas que promovan a non discriminación laboral e a igualdade de oportunidades. Grazas a estas normativas, as organizacións son cada vez máis transparentes no trato ao seu persoal e implementan medidas específicas que contribúen a identificar, previr e mitigar a discrimación no traballo.
Podemos distinguir dous tipos de discriminación laboral: a discriminación laboral directa e a indirecta. A discriminación laboral directa é fácil de detectar, pois evidencia unha desigualdade entre as oportunidades ás que pode acceder o persoal dunha mesma organización. A fenda salarial por razón de sexo é unha forma de discriminación directa, pois polo simple feito de ser muller ou home, a remuneración recibida por realizar o mesmo traballo é diferente. Con todo, as prácticas de discriminación indirecta son máis difíciles de recoñecer, pasando habitualmente desapercibidas pero impactando de igual forma ás vítimas. Prodúcese unha práctica discriminatoria indirecta cando unha empresa realiza unha formación fóra do horario laboral, a última hora da tarde ou en fin de semana. Esta medida, implica que as persoas que asumen os coidados no ámbito familiar, na súa maioría mulleres, non poidan acudir por ter que atender á súa esfera persoal. Desta forma, a traballadora non poderá continuar a súa formación polo que estará en desvantaxe co resto do persoal.

A discriminación laboral ten un impacto real na vida das persoas, producindo efectos negativos e oportunidades laborais e vitais desiguais entre persoas traballadoras dunha mesma organización. As persoas que sofren discriminación no seu lugar de traballo teñen unha menor motivación e empeoran o seu rendemento, o que se traduce nunha perda de produtividade que afecta directamente aos resultados da empresa. Á súa vez, problemas como a ansiedade, o estrés ou outros trastornos de saúde mental e física son recorrentes en persoas que sofren discriminación laboral, isto pode resultar en baixas médicas e nun impacto negativo no benestar e na saúde mental e física da persoa. A discriminación laboral tamén ten un impacto no absentismo e na alta rotación de persoal, o que afecta non só aos resultados da empresa, senón tamén á súa imaxe pública e reputación.
Como detectar a discriminación laboral
Compartimos algunhas medidas que contribúen á detección de actitudes discriminatorias no traballo, especialmente aquelas vinculadas á igualdade laboral entre mulleres e homes:
- Desigualdade no trato e nas condicións. Unha das formas máis comúns de exercer a discriminación laboral identifícase por mellorar as condicións dunha persoa sobre outra do mesmo rango. Isto afecta de forma maioritaria ás mulleres e maniféstase a través de desigualdades salariais, asignación de tarefas de menor responsabilidade, ausencia na representación pública da compañía ou menos oportunidades de promoción interna.
- Segregación por razón de sexo nos diferentes niveis da organización. A segregación laboral vertical atende a unha distribución desigual de mulleres e homes nos diferentes niveis, con menor representación de mulleres en postos de alta dirección e liderado. É imprescindible que as empresas conten con medidas que favorezan a diversidade e a promoción interna das mulleres para previr estas situacións.
- Necesidade de adaptación de postos de traballo. É indispensable que as empresas respecten as necesidades das mulleres durante o embarazo, a lactación e a maternidade, xa que é probable que nestes períodos sexa necesario adaptar o posto de traballo. O mesmo pasa con mulleres vítimas de violencia de xénero, que poden ter unhas necesidades específicas para que o seu traballo e a súa vida persoal convivan de forma digna.
- Comentarios inapropiados e acoso verbal. As empresas deben adoptar medidas para actuar fronte a unha situación de discriminación directa a través da palabra e a linguaxe verbal. Comunicarse con alguén de forma pexorativa facendo referencia ao seu físico, ás súas crenzas, á súa orientación sexual ou calquera outra faceta que afecte á súa realidade social está prohibido no lugar de traballo.

Como poden actuar as organizacións para previr casos de discriminación laboral
As empresas deben actuar de forma responsable e coherente para previr situacións de discriminación laboral. É imprescindible instaurar políticas e prácticas que velen pola non discriminación e a igualdade laboral entre mulleres e homes, comunicando de forma clara a cultura e os valores da empresa, así como os protocolos vixentes. Analizar datos (igualdade salarial, procesos de selección, hábitos de rotación…), realizar plans de igualdade, promover unha cultura inclusiva e proporcionar a formación necesaria en materia de igualdade laboral e non discriminación é tamén indispensable para construír un ambiente diverso e inclusivo. A implantación de canles de comunicación confidenciais e o apoio e acompañamento de vítimas, así como a revisión de posibles denuncias, é unha ferramenta necesaria para protexer ás persoas traballadoras e priorizar o seu benestar.
Por sorte en España contamos cunha lexislación sólida en relación á igualdade e a non discriminación laboral. Esta lexislación, entre outras cousas obriga ás empresas con 50 ou máis persoas traballadoras a contar cun plan de igualdade, o que achega un marco legal desde o que traballar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
Desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia traballamos para erradicar a discriminación e as desigualdades entre mulleres e homes na contorna laboral, a través da divulgación de contidos e accións formativas que acompañen na contextualización do marco lexislativo vixente.